As poetas, pobo errante onde os haxa, emprendemos unha tortuosa singradura cara os Highlands das duras terras de Compostela. Tal peregrinación non ten nada que ver con fins relixiosos xa que, aínda que levamos ofrenda floral a modo de versos, non está no programa depositala sobre tumba nin sartego ningún, nin sequera o de Prisciliano nin o de Rosalía. Trátase dunha expedición de conquista na que, por vez primeira, tratamos de chantar o estandarte da hostia entre os montes de Pedroso e do Viso a tender unha ponte de versos entre o Sar e o Sarela, ou simplemente a comprobar que na capital tamén se pode recitar entre cañas.
Fóra bromas.
O vindeiro mércores 13 de xuño en horario pouco apto para nictálopes (22:30) terá lugar a primeira Hostia en Verso en terras de Compostela. O noso campo de batalla será a Sala Ultramarinos (Casas Reais, 34) e enfrontara nun inédito combate ás ‘Señoras que’ Vs. ‘Señoras que non’, todo un alarde de dicotomía, de contradicción e de loita absurda. A noite estará conducido polas inigualables irmás María Lado e Lucía Aldao, e os crochets poéticos virán da banda de Ledicia Costas, Xabier Xil Xardón, Samuel L. París, Lorena Souto, Edu Estévez e Daniel Landesa. Como non podía ser doutro xeito estarán acompañados polo xenial músico mig & as súas cousas.
Non o pensedes. Se nunca estivestes nunha sesión da Hostia en Verso, non podes faltar.