AUDIOLIVRE
luns, 16 de novembro do 2009, por Madamme Cell.

Audiolivre nace como un proxecto para aproveitar o material sonoro que se produce arredor dos movementos sociais e as iniciativas culturais ao marxe do sistema. A súa vocación é ser unha ferramenta colaborativa útil e sinxela onde se poidan atopar toda clase de arquivos sonoros. Convidamos a todas as persoas ou colectivos a contribuir cos materiais sonoros que produzan.

En Audiolivre teñen cabida as "clásicas" charlas e entrevistas, pero tamén lecturas poéticas, gravacións de manis, experimentos sonoros e toda clase de material.

Audiolivre pretende ser un arquivo de audios con licencias libres. Os principios que rexirán a selección de contidos serán o anticapitalismo, o antiracismo, o antisexismo, o antimilitarismo, a defensa do medio, o idioma galego e o coñecemento libre.

Audiolivre preséntase en forma de podcast, no que se poden escoitar os audios na rede, ou baixalos cadaquén ao seu computador. A páxina permite facer búsquedas, ou escoller temas da nube de etiquetas. Os arquivos de audiolivre están aloxados no Internet Archive, un proxecto sen ánimo de lucro destinado entre outras cousas á preservación de recursos multimedia.

Calquera persoa pode rexistrase e subir audios (estos súbense ao Internet Archive, e despois referéncianse dende unha entrada de Audiolivre ) que considere interesantes sempre que respecten os principios enumerados anteriormente.
Se queres colaborar no proxecto, facer algún comentario ou suxerencia, ou simplemente tes un audio e non queres pasar o chollo de subilo podes contactar con nós a través do correo electrónico:

audiolivre@arkipelagos.net

vía Olholivre

Enviar comentario
Categorías
Madamme Cell