Arranca o Festival Sinsal Primavera
sábado, 3 de abril do 2010, por isaac-cordal.

LISA GERMANO (USA) + PHILIP SELWAY from Radiohead (UK)

TEATRO CAIXANOVA, Vigo. Luns 5 de abril.

Portas abertas 21:30 h, inicio 22:00. 15€

Lisa Germano e Philip Selway embárcanse xuntos nunha xira presentando as súas novas cancións, Lisa Germano presenta o seu novo álbum, Magic Neighbor, e Philip Selway adianta o que será o seu debut este ano como solista, aínda sen título. Esta xira conxunta, na que estarán acompañados polo baixista Sebastian Steinberg, vén precedida pola súa participación nas dúas edicións do disco 7 Worl Collides, proxecto de carácter benéfico de Neil Finn xunto a outros músicos como Jeff Tweedy, Eddie Vedder ou Johnny Marr.

A carreira de Lisa Germano é longa e está chea de colaboracións, cambios de discográfica e marcada polo abandono voluntario dun mundo do que finalmente se confesa cansada. Ten traballado como músico de sesión e directo ou como invitada con xente tan dispar como David Bowie, Yann Tiersen, Sheryl Crow, Eels, Iggy Pop ou Linda Perry. A súa sona creceu durante os 90, mentres os seu discos eran aclamados pola crítica a súa faceta como multiinstrumentalista permitíalle estar presente e ser reclamada en múltiples proxectos.Os seus discos caracterízanse por unha instrumentación sinxela que xoga con atmósferas envolventes e a voz pausada como un murmurio que dá conta das inquedanzas ocasionais da súa vida. No 2009 Lisa Germano volve estrear discográfica, neste caso Young God Records, a casa fundada por Michael Gira no que sae a luz o seu último traballo, Magic Neighbor.

Philip Selway é coñecido por ser o batería da banda inglesa Radiohead, da que é membro dende a súa formación. Aínda que o seu debut en solitario non se produza até este 2010, a súa voz xa está presente nos coros de cancións de Radiohead ou nos discos de 7 Worlds Collides, nos que tamén debuta como guitarrista. Como encargado da batería e das programacións en Radiohead, Selway ten evolucionado cos seus compañeiros marcando moitas veces o ritmo da vangarda musical do mainstream en discos que xa forman parte da historia do rock. No Festival Sinsal preséntase como autor cunha presada de cancións aínda descoñecidas e moi prometedoras.

links:

www.philipselway.com

www.lisagermano.com

.