Convocadas polo Consorcio Audiovisual de Galicia
O anuncio desta resolución publicouse o venres, día 13 de abril, no número 72 do Diario Oficial de Galicia e o prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de decembro de 2007.
Por cuarto ano consecutivo, e dentro do seu Plan de Actividades, o Consorcio Audiovisual de Galicia convoca axudas para a promoción de producións audiovisuais a través de Internet.
Esta iniciativa enmárcase na liña que segue o Consorcio de colaboración e promoción dos produtos audiovisuais galegos. O obxectivo principal é a colaboración coas produtoras durante o proceso de creación de páxinas web de producións audiovisuais, posto que a Rede é un instrumento fundamental para o desenvolvemento do negocio cinematográfico. Promoción, visibilidade do produto e creación de expectativas diferenciais son algunhas das características que unha páxina web pode achegar ao público actual, continuamente bombardeado por mensaxes referidas a infinitas posibilidades de lecer.
Hoxe as poderosas campañas norteamericanas son as que dominan as salas de cinema, o espazo e o tempo nos medios, etc. Xa que logo, internet preséntase como unha vía para a promoción audiovisual galega na que poder competir en condicións de certa igualdade.
O período de cobertura do programa comezou o 1 de xaneiro e durará ata o 30 de decembro de 2007, mentres que o orzamento dedicado a estas axudas será de 80.000 €. O importe da axuda non poderá ser superior ao 40% do presuposto declarado, IVE excluído, establecéndose unha cantidade máxima de 9.000 € por proxecto e sempre que exista dotación orzamentaria.