Fai un par de semanas fun a visitar no Barbican Center a instalación do francés Céleste Boursier-Mougenot. Un artista sonoro atípico que sempre busca crear as súas composicións marcadas por altas doses de aleatoridade ou a manipulación de obxectos.
Céleste Boursier-Mougenot converte o espazo nun hábitat máis que nun espazo expositivo ao uso. A súa instalación, no magnífico espazo The Curve, é unha perfecta recreación do día e da noite, un auténtico paisaxe sonoro vivo. Unha colonia de paxaros (pinzones cebra) convive con guitarras eléctricas e diversos obxectos orquestrais. Dun xeito aleatorio os diminutos paxaros usan os instrumentos como soportes creando sonoridades e pequenos riffs cos seus movementos. Aínda que artificial o espazo ten todos os elementos para que os paxaros desenvolvan as súas actividades cotiás.
Á instalación tan só poden acceder 25 persoas de cada vez, e case sempre hai cola para entrar. Podo dicir que os espectadores que entraron comigo tivemos un sorriso constante todo o que durou a visita. Foi unha sensación moi curiosa. Eu nunca antes vira paxaros tan de cerca, tan tranquilos. Os seus cánticos e movementos eran moi especiais. Todo iso unido á sensación de estar inmerso nunha paisaxe sonora completamente viva: entre o propio son dos paxaros e a súa manipulación dos obxectos. Iso si que foi un paseo sonoro!.
A execución e montaxe da instalación era perfecta.
No ano 2004 Céleste Boursier-Mougenot participou cunha peza na mostra The state of the things. The object in art from 1960 to the present day celebrada no MARCO en Vigo. Non atopei un vídeo desa instalación, pero aquí vai outro dunha similar.
espectacular o dde crear hábitats sonoros! lémbrame un pouco ao que fixeramos fai uns meses na resi de Paulina no lab, plantamos uns micros e fixemos unha sesión misturando e manipulando "escenas" cos altofalantes situados no primeiro piso, os paxaros flipaban..
o do Marco lémbrame tamén a "interrogatorio", aquela piscina con bolas de cores falantes que fixeramos nos memorables tempos de Ludd 34560..
abraço comisario