Ciclo de Cine "AUDIOVISIÓNS", no Cgac. Organiza Escoitar.org
venres, 29 de febreiro do 2008, por Chiu Longina.
categorías: Axenda

Audiovisións
Ciclo de Cine
04/16 de marzo 2008 no CGAC

O Ciclo de Cine bautizado co nome “Audiovisións”, (en honor o investigador francés Michel Chion), articúlase en dúas áreas cuxo punto en común é a creación artística a través do son cunha marcada orientación social.

A primeira área é a creación contemporánea a través do son, un repaso histórico que parte da invención do primeiro sintetizador electrónico, o Theremin (1919), facendo un percorrido vertixinoso por algúns dos fenómenos e estilos da historia recente que foron capaces de cambiar o xeito de escoitar. É o caso de Rockers. It’s Dangerous (Xamaica, 1977, Theodorus Bafaloukos), que analiza a cultura reggae da illa de xamaica; Kill Your Idols (EEUU, 2004, Scott Crary), que describe a escena New Wave da Nova Iork dos 70-80s; American Hardcore (EEUU, 2006, Paul Rachman), que mergulla nas tendencias suburbanas que a partir dos 80 confeccionaron o que coñecemos como Movemento Punk/Hard Core; Modulations: Cinema for the Ear (EEUU, 1998, Iara Lee) que explora a evolución da música techno e da electrónica nos derradeiros anos do século XX, ou outros filmes e documentais que describen algúns fenómenos sonoros moi puntuais como é o caso de Crossing the Bridge. The Sounds of Istambul (Turquía, 2005, Fatih Akin), no que se presenta o diverso e extraordinario das expresións históricas e actuais da creatividade musical no corazón da cidade turca, ou We Built this City (Alemaña, 2006, Thomas Kappeller e Sebastian Züger) onde se conta o nacemento do chamado “Son de Colonia” nos anos 90. En relación a nosa escena proxectarase Periféricos (Galicia, 2006, Xosé Holgado, Carlos Méndez e Tamara Blanco) un documental sobre a famosa e mítica Escena de Vigo nos anos 80.

A segunda área é a que chamamos a escoita, o silencio, a paisaxe sonora, na que se chama atención sobre aspectos como a percepción do son ou o poder do silencio. Dentro deste apartado proxectarase El Gran Silencio (Alemaña, 2005, Philip Gröning), que mostra por primeira vez o día a día dentro do Grande Chartreuse, o monasterio de referencia nos Alpes franceses da lexendaria orde dos Cartuxos (con voto de silencio) ou Touch the Sound (Alemaña/UK, 2004, Thomas Riedelsheimer) un fantástico documental que explora as conexións entre son, ritmo, tempo e corpo, narrados en primeira persoa pola percusionista case xorda Evelyn Glennie; My Cinema for the Ears (Suecia/Finlandia, 2002, Uli Aumüller), que parte da idea de montaxe cinematográfica que determinou o paradigma da “música concreta”, conta o proceso creativo dos compositores Francis Dhomont e Paul Lansky que utilizan sons ambientais rexistrados para compoñer as súas obras. Pecha este área o documental Rize (EEUU/UK, 2005, David LaChapelle) que narra o xurdimento do krumping -un tipo de baile derivado do hip hop e emparentado coas danzas africanas- nos suburbios dos Ánxeles, en EE.UU, un documento que nos fai reflexionar sobre o poder que ten o son para mover o corpo ou como se convirte nunha ferramenta ideal para lograr a paz social nestes barrios conflictivos.

Así, pretendendo unha experiencia trans-sensorial -dicía M. Chion que “non se ve o mesmo cando óese, non óese o mesmo cando se ve”- este ciclo propón un encontro entre a retina e o tímpano que se multiplica nestes 12 títulos nos que o son funciona como fío conductor para achegarnos a diferentes formas de escoitar e entender a dimensión acústica da realidade profundando nos seus aspectos culturais. Audiovisiones aspira a achegarnos a unha escoita expandida redescubrindo os sons da nosa contorna social e histórica.

PROGRAMA AUDIOVISIÓNS

Martes, 4 de marzo, 20:15 h
Rockers. It’s Dangerous (Theodorus Bafaloukos, 1977)

Mércores, 5 de marzo, 20:15 h
Theremin: An Electronic Odyssey (Steven M. Martin, 1994)

Xoves, 6 de marzo, 20:15 h
Modulations: Cinema for the Ear (Iara Lee, 1998)

Venres, 7 de marzo, 20:15 h
My Cinema for the Ears (Uli Aumüller, 2002)

Sábado, 8 de marzo, 20:15 h
Kill Your Idols (Scott Crary, 2004)

Domingo, 9 de marzo, 20:15 h
Touch the Sound (Thomas Riedelsheimer, 2004)

Martes, 11 de marzo, 20:15 h
Crossing the Bridge. The Sounds of Istambul (Fatih Akin, 2005)

Mércores, 12 de marzo, 20:15 h
Die grosse Stille (Philip Gröning, 2005)

Xoves, 13 de marzo, 20:15 h
Rize (David LaChapelle, 2005)

Venres, 14 de marzo, 20:15 h
American Hardcore (Paul Rachman, 2006)

Sábado, 15 de marzo, 20:15 h
Periféricos (Xosé Holgado, Carlos Méndez e Tamara Blanco, 2006)

Domingo, 16 de marzo, 20:15 h
We Built this City (2006) (Thomas Kappeller e Sebastian Züger, 2006)

INFO DETALLADA DOS FIMLES

Enviar comentario
Comentarios
13 de febreiro do 2008 06:24, por antia

Que boa pinta...tentarei ir!

Categorías
Chiu Longina