Ciclo de Músicas Portuarias
xoves, 26 de xuño do 2008, por nela que.

A Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque presenta a organización do Ciclo de Músicas Portuarias promovido polo Concello de Ferrol que terá entre Xuño e Xullo e ao longo dun mes, unha serie de concertos e actividades ao redor do concepto de música e os portos. Un cartaz de grupos de nivel internacional e dimensión oceánica:

*Marcelo Mercadante y su Quinteto Porteño: venres 20 de Xuño

*Marful: venres 27 Xuño

*Anabel Santiago: venres 4 Xullo

*Mísia: venres 11 Xullo

Actividades: Sábado 5 Xullo

*Espectáculo musical infantil con Stranniki e Manolo Panferreteiro

*Paseos en lancha pola ría de Ferrol con música ao vivo

Porque non hai mar sen porto, nin porto sen taberna, nin taberna sen canción. Unha canción dando a volta ao mundo en cada peirao colle un particular acento.

Música de “vai e vén”, ecléctica, aberta, infinda.

As viaxes recollidas polos músicos do noso tempo chegan a Ferrol da man do Ciclo de Músicas Portuarias.

Unha cita entre o 20 de Xuño e o 11 de Xullo con música mariñeira na cidade departamental que, dende as súas orixes na vila de pescadores do Ferrol Vello ao futuro das autoestradas marítimas, tivo coma referente cultural o MAR.

A música portuaria do fado espallado polo mundo chega con Mísia . A elegancia portuguesa, unha diva innovadora do fado que entrou na historia do seu propio arte. Presentará o seu último traballo, ‘Lisboarium’, un canto á capital lusa con textos dos grandes poetas portugueses sobre música de fado tradicional.

Dende a quinta provincia galega, a música porteña do tango estará representada por Marcelo Mercadante , un virtuoso do bandoneón e un dos novos valores de Bos Aires -vive hoxe en Barcelona. Acompañado do Quinteto Porteño, veñen cun repertorio tradicional e composicións propias.

Nos peiraos do cantábrico astur, a tonada colleu xeito con influencias mariñas e hoxe está a recibir un novo pulo coa voz de Anabel Santiago que nuns poucos anos actualizou intención e maneiras neste xénero. Mellor canción e disco nos premios Amas 2008, foi a artista máis nova en ter unha rúa en Oviedo co seu nome (aos 19 anos!).

Na nosa costa, a música popular urbana galega , os antigos ‘bailes de salón’ adquiriron extraordinaria relevancia sempre abertos a novas músicas e danzas nas que agora se inspira Marful, o grupo revelación da música galega actual, gañadores do premio ao mellor disco do ano 2006 na Radio Galega.

O Ciclo, ademais, complétase con dous actos paralelos:

- Un paseo en lancha pola ría de Ferrol amenizado con música ao vivo de acordeón diatónico e zanfona: Dúo Carlos Quintá e Óscar Fernández.

- Un espectáculo musical infantil: A Montaña Máxica con Stranniki e Manolo Panferreteiro

Enviar comentario
Categorías
nela que