Comeza a estación outono do festival sinsal
xoves, 18 de setembro do 2008, por Berio Molina.

Mañá comeza unha nova edición do Festival Sinsal, a estación Outono.

Festival Sinsal Estación Outono

E faino cos concertos de Elf Power e Vic Chesnutt que terán lugar no auditorio de caixanova mañá venres 19 de setembro ás 21.00h, cun custe de entrada de 10€.

Info da nota de prensa de Sinsal:
O home que converteu a súa pronuncia do inglés nun instrumento central do seu xeito de facer música, o norteamericano Vic Chesnutt (Florida, 1964), recunca nos escenarios para presentar North Star Deserter (Constellation, 2007), o seu undécimo traballo e talvez o mellor da súa carreira. Gravado no mítico estudio analóxico Hotel2Tango de Montreal para o que fora un dos selos de referencia do post-rock, co cineasta Jem Cohen na produción e na compaña de Guy Picciotto (Fugazi) e todos os membros de Thee Silver Mt. Zion Memorial Orchestra & Tra-La-La Band, entre outros, este disco deixa atrás a beleza morosa de Guetto Bells para nos amosar un Chesnutt sombrizo e acedo, por veces sarcástico, no limiar da apocalipse. Prolífico, fondo, sempre incómodo, este pioneiro do freak folk confesional, este prometeo en cadeira de rodas, segue a explorar o seu particular imaxinario sureño, a arrandear entre a traxedia e a distancia. Pola súa banda, procedentes de Athens (Georgia), Elf Power son os últimos representantes de Elephant 6, aquel colectivo que mesturaba as sonoridades indie dos anos noventa co remol máis luminoso dos sesenta e que integraban grupos tan importantes como The Apples In Stereo, Olivia Tremor Control ou os Neutral Milk Hotel do fabuloso In the Aeroplane Over The Sea (1998). Colaboradores de Vic Chesnutt dende que o convidaran a participar no seu Walking With The Beggar Boys (Orange Twin, 2003), Andrew Rieger, Jimmy Hughes, Derek Almstead, Eric Harris, Laura Carter e Heather McIntosh son tamén a súa banda de acompañamento nesta xira. Xuntos veñen de gravar Dark Developments (Orange Twin, 2008).

Comeza a estación outono do festival sinsal
Enviar comentario
Categorías
Berio Molina