Limiar
Ha anos que os computadores entraron nas nosas vidas, e non
semella que vaian abandonar-nos nun futuro próximo, senón
ás avesas facer-se cadora máis omnipresentes, seguindo
o mesmo carreiro que moitos outros
aparellos modernos. Agora ben, a diferenza doutros trebellos, estes
poden "falar" connosco, mais seica non entenden a nosa
língua; primeiro falaban inglés, logo pasaron-se ao
castelán mais o galego costa-lles. Non parece que este feito
preocupe excesivamente nen as nosas autoridades lingüísticas,
nen as organizacións que defenden o galego. E penso eu, se
cadra por que paso várias horas ao dia diante dun deses
aparellos, que cumpre prestarmos-lle a atención que
merece. A incapacidade de comunicar-nos en galego cos computadores
atenta contra os nosos direitos lingüísticos,
ao nos obrigar a empregar de seguido unha língua que non é
a nosa, sendo ademais unha nova arma para o arsenal dos que atacan o
galego pola sua suposta "falta de utilidade".
Nun mundo dominado polo software
proprietário, onde os copyrights
impeden que os usuários podamos
adaptar o software ás nosas necesidades, e onde a falta
de competéncia da lugar a que os pequenos mercados sexan
ignorados, o futuro do software en galego é certamente
precário. Afortunadamente para nós, e para moitos
millóns doutras persoas pois a nosa situación
non é nen moito menos única
no mundo, as cousas están
a cambiar. O software
libre está a revolucionar o mundo da informática,
traendo non xa unha refolada de ar fresco, senón un auténtico
furacán liberador.
O software libre, tamén coñecido como software de fonte
aberta, permite entre outras cousas traducir os programas, e
representa hoxe en dia unha alternativa viábel ao software
proprietário, con independéncia da língua, mais
no caso galego representa, na miña opinión, a mellor
alternativa. As nosas autoridades poderian aproveitar esta ocasión
para, fornecendo software en galego á cidadania, demostrar o
seu interese pola nosa cultura. Mais o mellor de todo é que
neste caso as autoridades non son imprescindíbeis, ainda que
loxicamente poden facilitar moito a tarefa.
Existen vários sistemas operativos libres, catro deles son
tipo unix: GNU/Linux,
FreeBSD, OpenBSD,
NetBSD e outro é un clone
do MSDOS FreeDOS(1).
Dos cinco o GNU/Linux é o máis popular e o que conta
con un maior número de aplicacións. Como ademais é
o que máis coñezo, por ser o que uso, no resto do
artigo referirei-me principalmente a el. De todos os xeitos comparte
moitas características cos xxxBSDs, sendo bastante
compatíbeis entre si, e sendo relativamente doado que unha
aplicación nativa dun calquer deses sistemas
poda ser executada nos outros sistemas,
moitas veces os próprios binários son
compatíbeis, outras veces cumpre
recompilar as fontes. En todo caso a tradución feita
para un programa dun dos catro sistemas tipo unix, é válida
para os outros tres sistemas tipo unix restantes.
A tradución de software libre é normalmente unha
tarefa tecnicamente sinxela, e de feito xa existen vários programas traducidos
ao galego. Caso de que o leitor/a teña interese en comunicar-se en galego
co seu computador, pode facer-se unha idea na seguinte páxina,
onde se mostran algunhas imaxes capturadas do meu.
En 1983 Richard Stallman
farto de ver como o software proprietário trunfava impondo un
espírito anticooperativo, escrebe un manifesto no cal,
ademais de denunciar a situación imperante,
anuncia que vai escreber un sistema operativo libre: o GNU.
Naquel tempo o dito manifesto podia tomar-se como unha arroutada,
mais as veces a utopia fai-se realidade. E
asi un pequeno grupo de programadores foi elaborando con esforzo,
paciéncia e ilusión, as pezas fundamentais do soño
Stallmaniano: un compilador de C, gcc, un editor de texto que é
moito máis que un editor de texto, o Emacs, un linker,
ld, un depurador, gdb, e un longuísimo etc.
En 1991 Linus
Torvalds decide fabricar-se un núcleo similar ao de Unix,
ao que vai chamar Linux, co
obxecto de pode-lo executar no seu computador, un PC compatíbel.
O proxecto GNU pola sua banda xa estaba a traballar nun núcleo
do seu sistema, o Hurd, mais Linus vai desenvolver
moito máis rápido o seu núcleo,
aproveitando un meio en expansión: a Internet, por onde lle
chegaria axuda tanto de programadores como de
probadores do produto. Por outra banda o Linux encaixa
perfeitamente co software da GNU, de feito foi desenvolvido usando o
compilador gcc. Xuntando o Linux coas ferramentas GNU e algun outro
software, máis ou menos libre, como o sistema de xanelas
XFree86, xurde un sistema
operativo libre, o GNU/Linux.
Segundo a Fundación
polo Software Libre, fundación que está detrás
do proxecto GNU, o software libre é-o en canto nos permite:
estudar
como funciona un programa e adapta-lo as nosas necesidades,
redistribuir
cópias, e comparti-lo cos nosos compañeiros, e
mellorar
o programa, e fornecer as suas melloras ao resto da comunidade.
Evidentemente
un programa para ser libre ten que oferecer-se en código
fonte, ainda que se poda
distribuir tamén en versións compiladas.
Software libre non é sinónimo de software gratuito,
existen bastantes empresas que venden software libre. Mais unha vez
que un usuário o compra pode copia-lo, revende-lo, regala-lo,
instala-lo no número de computadores que queira ... , todo
menos loxicamente reclamar direitos de autor sobre o dito software ou
modificacións del. Isto da lugar a que o prezo non sexa en
xeral moi elevado.
Descoñezo o tanto por cento da poboación galega que
emprega con unha certa frecuéncia algun computador, mais estou
seguro que xa non é despreciábel, e que
ademais está a medrar. Agora ben, cando un
galegofalante ten que comunicar-se con un computador na maioria dos
casos non o pode facer na sua língua. Teñen algunha
dificuldade conxenita os computadores para se expresaren en
galego?, por suposto que non, os computadores poden comunicar-se cos
seus usuários en calquer língua, sempre que exista o
software axeitado. Mais ao non ser o mercado galego
abondo atractivo, as grandes empresas de software non teñen
interese en editar versións galegas dos seus produtos. Non é isto algo que afecte exclusivamente ao galego, milleiros
de línguas en todo o planeta están nas mesmas
condicións. Mesmo línguas con moitos
millóns de falantes, e/ou que teñen o respaldo
dun estado. Se existe versión de MSWindows en catalán e
en vasco é porque están
fortemente subsidiadas, mais non sempre abonda con
pagar a tradución (2).É mais, ao estar
o software proprietário protexido por copyrights, ninguén
alleo a empresa pode traduci-lo.
Este problema non existe co software libre; o usuário ten
garantido o direito de, entre outras cousas, traduci-lo.
De feito a maioria dos programas libres facilitan o proceso de
tradución. Asi o software da GNU ten un
procedimento estándar
de tradución, fornecendo software
para facilitar a tarefa. Sendo esta unha das razóns pola que o
software libre se está a expandir dun xeito tan acelerado.
Cando escrebo este párragrafo (12/12/99)
as ferramentas da GNU están sendo traducidas por 27
grupos distintos, o proxecto GNOME
por 30 e o KDE por 40.
Aproveitando estas facilidades alguns usuários galegos temos
traducido xa alguns programas mais ou menos libres. Estas traducións,
ademais de facer-nos a comunicación cos nosos computadores
máis agradábel, constituen unha
proba palpábel de que termos software en galego é
factíbel. Porén, se ben é certo que
ha algun traballo feito, ainda fica moito
por facer para poder termos unha distribución(3)
que permita galeguizar totalmente un computador.
As institucións públicas galegas (Xunta, deputacións,
concellos, universidades ...) son grandes consumidoras de software.
Software que nestes momentos está maioritariamente en
castelán, ainda que a língua que empreguen as ditas
institucións sexa o galego. Usando software comercial esta
situación ten difícil solución,
difícil e cara. E usando software libre?. Como dixen
anteriormente o software libre non necesita permisos para ser
traducido, e usualmente facilita-se a tarefa. Ademais ao dispormos
das fontes podemos adapta-lo doadamente as nosas necesidades, non só
en matéria lingüística.
Das institucións antes citadas a Xunta de Galicia é
posibelmente a maior consumidora de software, sobre todo tendo en
conta que dela dependen directamente os
centros públicos de ensino básico e médio.
Semella portanto que deberia ser ela a que tivese un maior interese
no tema, e a primeira vista é a institución con maior
capacidade para levar a cabo o traballo, ben con persoal próprio,
ben mediante un convénio ou encarregando-llo a unha ou várias
empresas, galegas por suposto. O software traducido non só
serviria para uso interno, senón que
tamén seria utilizábel por outras institucións e
polos cidadáns galegos en xeral.
Tamén as deputacións e os concellos usan software,
e tamén eles poden usar software libre e adapta-lo ás suas necesidades.
Non seria portanto desbotábel que un concello, ou grupo de concellos,
con algunha deputación polo meio se cadra, tomara a iniciativa de anosar
software libre para as suas necesidades, revertendo loxicamente o seu traballo
nos cidadáns.
As universidades pola sua banda contan con unha importante
vantaxe: abundante material humano cualificado. Non
só os seus traballadores, profesores e técnicos, mais tamén
os seus alunos. Unha universidade que saiba aproveitar
eses médios pode levar a cabo un moi bon traballo
con un custe moi baixo. Cumpre salientar que de feito
o software libre está xa presente nas universidades galegas, mesmo encarregado
de tarefas de grande importáncia, ainda que a nível de usuários
por agora é minoritário. Non é de estrañar
a penetración do software libre nas universidades galegas, xa
que os vencellos entre o mundo universitário e o software libre son fortes
desde os seus inícios. Porén polo momento as universidades galegas
non apoian institucionalmente o software libre como si ocorre con outras universidades.
Na Galiza non só existen institucións
públicas, calquer institución privada interesada minimamente pola
nosa cultura pode axudar á existéncia de software en galego, ben
apoiando iniciativas existentes, ben liderando ela mesma unha iniciativa, de
maior o menor alcance. Asi institucións como a Fundación
Caixa Galicia , a obra social da nova Caixa do Sul (4),
ou a Fundación Pedro Barrie
de la Maza teñen capacidade abonda para
criar unha distribución própria, mais tampouco seria de desprezar
que traduciran e mantiveran unha suite de oficina ou un entorno de xanelas,
por sinalar un par de exemplos.
Actualmente o mundo do software está
dominado por grandes empresas americanas (5). Nesta situación
o nicho ecolóxico dunha empresa de software galega é por forza
moi reducido. O movimento do software libre pode traer novas oportunidades
para as empresas galegas, en xeral para as empresas de todo o mundo.
Unha aposta, a primeira vista, forte para
unha empresa galega seria artellar ela mesma unha distribución própria.
Dependendo do produto o traballo seria maior ou menor. Unha distribución
en castelán é relativamente doada, mais xa existen outras, algunha
delas como a SuSE de renome mundial. Unha
distribución en galego (6), ainda que fose parcial,
outorgaria-lle á empresa que a levara a cabo unha imaxe de marca
diferenciada. Non seria desbotábel tampouco distribucións en várias
línguas, como é a Suse, centrando-se nas línguas da Península
Ibérica. Cumpre salientar que no mundo do software libre os ingresos
dunha empresa que mantén unha distribución veñen, por unha
banda das vendas da dita distribución, mais por outra da venda de servizos;
i.e. de suporte técnico. Quen mellor que a empresa que artella a distribución
para resolver os problemas que podan aparecer?, ou
para implementar as modificacións que desexamos para realizar unha determinada
tarefa?.
Ainda que nengunha empresa galega asuma o risco de criar
unha distribución própria, existen outras vias para que contribuan
a termos software en galego. Se algunha das institucións antes citadas
decide facer-me caso e anosar software libre, unha opción evidente
é encarregar-lle o traballo a unha empresa de software, que loxicamente
deberia ser galega. Outro xeito no que as empresas galegas poden facer negócio
co software libre é prestando asisténcia técnica. Co software
proprietário o lóxico é pedir existéncia
técnica a empresa que criou o software, xa que só eles
coñecen os seus miolos, mais falando de software libre, onde as fontes
son coñecidas, a acesibilidade e proximidade
son factores de tanta ou maior importáncia.
No mundo do software libre as lindes entre usuários
e "criadores" son difusos, e as oportunidades de participar
moitas. Algunhas persoas adican-se a programar elaborando un ou máis
programas, mais loxicamente son usuários de
moitos outros. Por outra banda se un usuário quer modificar un
programa, e sabe como, non só pode face-lo, senón que é
alentado a o facer. Mais alén da programación existen outras tarefas
importantes como escreber documentación sobre os programas ou traducir
os programas e máis a sua documentación. Outra tarefa indispensábel
é probar os programas, atopar-lle os erros, e informar documentadamente
deses erros. Para contribuir ao traballo colectivo, non se precisa portanto
ter uns grandes coñecimentos de informática,
senón vontade de colaborar.
O movimento mundial do software libre criou-se e medrou
baseando-se en usuários individuais ou agrupados en proxectos dispostos
a compartir o seu traballo co fin de obter un sistema aberto. As empresas chegaron
mais tarde, ainda que o seu desembarco semella ser definitivo. Non é
pois de estrañar que os primeiros pasos para
a tradución de software libre ao galego fora dado por usuários.
Hoxe en dia existen
dous grupos de usuários organizados co fin de traducir ao galego o GNU/Linux.
O GPUL-tradución(7),
que ten por obxectivo traducir programas (8), e o GzLiNuX, que se adica a traducir documentos variados (HOWTOs, FAQs, guias,
documentación de aplicacións ...). Relacionado intimamente con
este tema, ainda que sen adicar-se directamente a traducir xurde o proxecto
LEGAL (Linux En GALego), que pretende ser un ponto de encontro das persoas interesadas
en termos linux en galego, incluindo loxicamente aos dous grupos antes citados,
e a outros usuários que traballan independentemente no tema. Trata-se
de acadar unha certa coordenación no traballo a realizar, asi como de
conseguir unha maior repercusión, e atrair a
novos usuários interesados nos labores de tradución.
Ainda que non está tan directamente relacionado co software
libre non podo deixar de falar do proxecto Galego21
. Este proxecto consta de vários subproxectos, todos eles pulando a prol
do galego, dos cais para este artigo son especialmente relevantes dous. O proxecto
Rianxo pretende elaborar un tradutor automático galego <---> outras
línguas. Está escrito na linguaxe de programación
java e en galego, sendo software libre, non se pode pedir máis. Só me resta desexar-lles sorte na difícil tarefa
que se marcaron. Pola sua banda o proxecto Xis adica-se a traducir software
para MSWindows9X/NT ao galego.
O bon que ten
traducir software de MSWindows é que hoxe en dia este é
o sistema operativo dominante nos PCs, e portanto o seu traballo pode
chegar rapidamente a moita xente. Mais
tamén apresenta desvantaxes importantes.
A imensa maioria do software para esta plataforma é software proprietário (9),
mesmo o freeware
e o shareware
están protexidos por copyrights, e portanto antes de
pór-se a traducir un programa cumpre ter a autorización
do dono dos direitos de autor. É relativamente doado obter tal
autorización no caso de freeware e shareware, mais estes
programas xogan un papel marxinal no mundo do MSWindows (10).
Obter a autorización para un programa comercial de éxito
é outra cousa. Ainda que se conseguira, cousa ben difícil,
como se comercializa o produto?, vai estar interesada a empresa en
sacar un produto especial para un mercado tan reducido como o galego,
que ademais pode cobrir sen moitos problemas
en castelán?. É portanto impensábel que mediante
o esforzo dos usuários podamos conseguir
dun xeito legal (11) que o noso computador, usando
MSWindows, fale galego senón sempre
na maioria das ocasións. Outro problema de importáncia
provén das dificultades técnicas que apresenta a
tradución de software de MSWindows. Neste caso non
ha un procedimento estándar,
como no caso do GNU/Linux, cada programa é diferente, e non
sempre fácil de traducir (12). Ademais está
o tema da distribución das traducións. En GNU/Linux un
programa vai preparado para empregar diversas línguas, segundo
os gostos do usuário, e para facer que
fale outra nova língua usualmente chega con engadir-lle un
arquivo duns cantos kbytes (dúcias
ou como moito uns poucos centos). No mundo
MSWindows porén, xunto o modelo anterior seguido
principalmente polos produtos shareware e freeware, resulta usual que
para cada língua haxa un programa distinto, que ocupa
comprimido vários MBytes, o cal dificulta enormemente a sua
distribución.
O
GNU/Linux é un sistema operativo con ben gañada fama de
robusto, estábel, fiábel, flexíbel e seguro
(13). Teñen-se feito bastantes comparativas
co MSWindows NT (14),
e na maioria delas sai gañando, en
todo caso non é dun nível inferior. As debilidades que
se lle apoñen son principalmente duas:
dificuldade de administración e falta de aplicacións.
Para afondar neses dous pontos cumpre diferenciarmos duas situacións:
1) que falemos dunha organización dunha certa entidade ou 2)
que falemos de usuários individuais ou organizacións
pequenas.
Neste caso o parque informático debe estar administrado por técnicos informáticos para os cais a maior flexibilidade do sistema GNU/Linux, coa maior complexidade que isto conleva, non significa normalmente un grande problema, senón moitas veces é considerado unha virtude. Isto unido as facilidades que oferece este sistema de administración remota, e as vantaxes antes citadas fan que moitos técnicos informáticos de todo o mundo se decanten a favor do GNU/Linux, o que da lugar a unha importante presenza no mundo corporativo. Evidentemente os computadores van ser utilizados por moitas outras persoas ademais dos técnicos, mais como usuários. E a nível de usuário a dificuldade de uso dun sistema GNU/Linux é similar ao doutros sistemas operativos como MSWindows, MacOS ou Solaris.
A falta de aplicacións foi un problema, mais hoxe en dia é-o moito menos. Desde ha tempo o GNU/Linux mantén unha importante cota de mercado nos servidores de rede: servidores web, cortalumes, servidores de arquivos, xestores de impresión, servidores de bancos de dados, etc. Loxicamente para esas tarefas ha software abondo e de cualidade. Un tipo importante de programas dos que habia unha certa caréncia son as aplicacións de oficina. Afortunadamente estas caréncias están a ser subsanadas rapidamente (15). Se o leitor quer ver cos seus próprios ollos a abundáncia de software para GNU/Linux o mellor e que visite algun site especializado en listar, comentar e facilitar a descarrega, do dito software. Existen moitos deses sites, sendo na miña opinión moi aconsellábeis os dous seguintes: Tucows Linux e Freashmeat .
Outra estratéxia que ven usando a comunidade GNU/Linux para paliar a caréncia de aplicacións, cadora menor mais ha uns anos importante, é a elaboración e uso de emuladores. Asi o Dosemu permite executar a maioria das aplicacións para MSDOS e o Wine, apesar da opacidade de Microsoft, permite executar unha grande cantidade de aplicacións para MSWindows3.X e MSWindows9X/NT (16).
Se algun organismo precisa un programa determinado que non existe, ou algunha modificación dalgun programa existente, pode contribuir á comunidade mundial de software libre pagando para que se desenvolva.
Por último, unha vantaxe que apresenta o GNU/Linux nas organizacións grandes é a sua compatibilidade co Unix. Isto facilita a conexón de estacións de traballo (baixo GNU/Linux) e grandes servidores correndo algun Unix proprietário.
No caso de non contar con un técnico informático como administrador, o problema da dificuldade do GNU/Linux é maior. Afortunadamente cadora se elaboran distribucións máis automatizadas (17), que facilitan enormemente tanto a instalación como a administración do sistema. O maior problema é que a maior parte da documentación está en inglés. Problema que se resolveria loxicamente con unha distribución en galego.
Canto ao software de oficina aplica-se o dito anteriormente. Mais falando de software de lecer a situación é algo pior. Están-se a portar moitos xogos para GNU/linux, mais ainda asi non ha tantos como en MSWindows, e no apartado multimédia o abano de software disponíbel en GNU/Linux é moito máis pobre que en MSWindows9X. Mais a situación pode cambiar rapidamente, xa que o GNU/Linux ten cadora maior aceptacion, e o proxecto Wine maior cualidade.
Unha
pergunta obvia antes de se embarcar nunha empresa é cais son
as suas espectativas de futuro. Sobre todo cando, como neste
caso, un non conta con ser un factor determinante no
desenvolvimento do proxecto xeral, senón
aproveitar os froitos dese
desenvolvimento, contribuindo en todo caso
nunha pequena parte.
A maior garantia de futuro do GNU/Linux é a sua liberdade, o
feito de que o código fonte sexa público. Como di o
memorandun Halloween
I (18):
"O software libre ten credibilidade a longo prazo",
"A credibilidade a longo prazo existe se non ha xeito de botar-te do negócio a curto prazo",
"Considera-se que os sistemas de fonte aberta teñen credibilidade debido a que o código fonte pode obter-se potencialmente en millóns de sítios e de millóns de indivíduos".
Portanto ainda que o
desenvolvedor dun programa deixe de traballar nel, calquer outra
persoa ou grupo pode retomar o traballo.
Outro factor importante a considerar é a sua cota actual de
mercado, e a sua taxa de medre. Tendo isto en conta o seu futuro é
simplesmente brillante.
Asi por exemplo segundo un
estudo do IDG, mentres no ano 1997 o seu uso no ámbito
empresarial era residual, en agosto de 1999 era empregado no 13% das
empresas de USA e Canada. Outros sinais que apoian o dito son: o
número cadora maior de empresas tanto de software como de
hardware que están a ofertar produtos para GNU/Linux (19),
o prezo
elevado das accións das empresas líderes neste
entorno, a atención
masiva recebida na última
COMDEX, ou o interese mostrado
pola Comisión Europea.
Por último
cumpre repetir que o galego non é nen moito
menos a única língua discriminada pola indústria
de software. Milleiros de outros povos están
na mesma situación, e portanto o software libre representa
tamén para eles unha solución. Solución que de
feito xa están a aproveitar alguns, asi se non
ha MSWindows en islandés, si que ha
KDE, e se tampouco ha MSWindows en
indi, xa ha proxectos
para que haxa GNU/Linux. Ha portanto
moita xente interesada en que o movimento GNU/Linux non se
pare, ainda que só sexa contando cos
moitisimos usuários que non
constituímos mercados atractivos. Seria difícil,
ainda que non imposíbel, que un pequeno pais como Galiza
poda manter el só o desenvolvimento
dun sistema operativo e multitude de aplicacións. Mais
se xuntamos moitos outros pequenos, e non
tan pequenos, países a tarefa
resulta mesmo doada. Isto na pouco probábel
hipótese de que os programadores e usuários dos
grandes países, USA, Alemaña,
Xapón, etc, perderan o interese polo software libre.
O
GNU/Linux é un sistema con moitas
cualidades de por si como para ser preferido por calquer
organización.
Ademais
das suas outras vantaxes oferece para os
galegos a posibilidade de traducirmos un bon
sistema operativo, e unha grande cantidade de aplicacións.
Esta
posibilidade é moito máis
difícil e custosa co software proprietário.
Ademais que nese caso ficamos nas mans da(s) empresa(s) posuidoras
do copyright, que en calquer momento poden decidir deixar de
traducir.
A
adopción de software libre polas institucións públicas
galegas favoreceria a indústria de
software galega, do mesmo xeito que a criazón
da TVG deu lugar a unha indústria
audiovisual, pequena pero existente.
A
utilización por parte das institucións públicas
de software libre conlevaria ao emprego, na sua relación cos
cidadáns, de formatos
estándares e non de formatos proprietários como
adoitan facer (20).
O
emprego por parte das administracións públicas de
software libre teria como efeito secundário beneficioso
abandonaren o uso de software ilegal (21).
Prática que non por frecuente deixa de ser condenábel,
como calquer violación da legalidade por parte das
autoridades encarregadas do seu cumprimento.
A tarefa de
traducirmos unha parte importante do sistema GNU/Linux pode ser
levada a cabo por simples usuários. É mais, considero
que levando mais ou menos tempo os nosos computadores aprenderá
galego grazas ao GNU/Linux. Se debido a unha iniciativa
institucional ou empresarial se acelera o proceso, mellor que
mellor. En todo caso o software libre oferece-nos a sua liberdade,
cumpre-nos aproveita-la.
Notas
Existe
outro proxecto de sistema operativo libre Freedows,
mais ainda está en elaboración.
O
islandés é un exemplo claro de que conseguir versión nunha
determinada língua non é sempre cousa fácil.
Islándia é un estado que protexe especialmente a sua
língua, e o seu governo estaria disposto a pagar a Microsoft
pola tradución do sistema operativo MSWindows, mais en
Redmond o asunto non lles interesa e portanto non
ha versión islandesa do MSWindows.
No
mundo GNU/Linux unha distribución consta do sistema operativo
máis un conxunto máis ou menos grande de aplicacións.
Estas distribucións están elaboradas para
facilitar-lle a vida ao usuário, reunindo (e compatibilizando
se for mester) o software necesário para poder realizar unha
determinada tarefa. Mais o software das distintas distribucións
é compatíbel, sobre todo a nível de
aplicacións. E non resulta difícil usar un pacote
dunha determinada distribución nun computador onde
ha instalada outra distribución. Cousa que por outra
parte na maioria dos casos non é necesário, xa que é
bastante comun que as distintas
distribucións teñan moitas
aplicacións en comun.
Cando
isto escrebo as tres caixas do sul da Galiza teñen 3 sites
independentes, os tres en castelán unicamente, o cal non
anima moito. Os seus enderezos son: Caixa
de Pontevedra, Caixa
Ourense e CaixaVigo. Ollo
co site de CaixaVigo, que emprega java masivamente, polo cal é
dos máis pesados que teño visitado.
En
particular por Microsoft, acusada polo departamento
de Xustiza americano de ser
un monopólio de facto.
As
distribucións GNU/Linux son multilíngues en xeral, xa
que boa parte das aplicacións están traducidas a
diversas línguas, e trocar a língua de traballo é
moi doado. É máis, os distintos usuários
dunha mesma máquina poden definir a sua língua de
traballo independentemente uns dos outros. Unha distribución
en galego significa pois que os usuários teñen a
posibilidade de escoller o galego como língua de traballo, e
que a instalación e os manuais estarian en galego.
O GPUL-tradución é un subgrupo do Grupo
de Programadores e Usuários de Linux, grupo universitário
da Escola de Informática da Coruña.
Teñen
especial querenza polo software da GNU, e asociados como o proxecto
GNOME.
Existe
algun software libre especificamente escrito para MSWindows
9X, de feito eu traducin un pequeno programa,
mais é praticamente anecdótico.
Tamén existe software libre que entre outras plataformas
corre en MSWindows9X/NT, neste caso a tradución é
válida para todas as plataformas.
Un
non pode pensar en realizar a maior parte do traballo nun computador
usando freeware e shareware.
É
tecnicamente posíbel traducir calquer programa de MSWindows,
sistema operativo incluído, mais na
maioria dos casos é ilegal, mesmo para uso próprio,
non falemos xa da distribución.
Como
integrante da equipa que traduciu o Communicator (O Xis) podo
asegurar que non foi tarefa fácil. E a actualización
da versión 4.03 á versión 4.08, a pesar de só
incluir uns poucos centos de mensaxes novas, foi realmente
traballosa, cumprindo-me realizar parte das tarefas en UNIX. A
tradución de programas que seguen as especificacións
da GNU é unha tarefa moito máis
doada, para a cal precisa-se basicamente un editor de textos, e a
actualización é moi sinxela.
É máis se o tradutor encarregado dunha língua
non fornece a tradución actualizada para unha nova versión
dun programa, o programa vai sair igual, con un suporte parcial da
dita língua. Neste caso non aparecerán traducidas as
novas mensaxes, mais si as que estaban traducidas na versión
anterior.
Unhas cantas ligazóns sobre o asunto: Linux
in the Enterprise: Fact vs. FUD, Put
Linux to work, Red
Hat Makes Linux Better, Beowulf
Project, EBIZ
Pushes Linux For the Masses, Open
source operating system is behind one of the UK’s largest online learning
projects, Previewing
The 2.4 Linux Kernel, JazzNet
Algunhas comparativas MSWindowsNT vs Linux: Perfomance
Test: Linux servers, NT
vs. Linux Server Benchmark Graphs, Open
Benchmark: Windows NT Server 4.0 and Linux, On
Mindcraft’s April 1999 Benchmark, Microsoft
Windows NT Server 4.0 versus UNIX, The
veredict, All about
Linux in corporations, Halloween
II., Rant Mode Equals
One: Linux Reality Versus Microsoft Myth
Como exemplo de como esas caréncias están
a ser solucionadas poden-se salientar duas completas suites de oficina que
están a libre disposición dos usuários desde
ha pouco, a KOffice da
KDE e a Staroffice
da Sun. Neste momentos o KOffice ainda é unha versión beta,
mais a velocidade coa que traballan na KDE unha versión estábel
non vai tardar moito. A Staroffice é unha
suite de oficina bastante compatíbel en canto a formatos coa omnipresente
Microsoft Office. Foi criada por unha empresa alemana a Stardivision, que
foi logo absorbida pola empresa Sun. Esta empresa
distribui a Staroffice como freeware, e prometeu liberar o código
fonte. Ainda que a licenza sob a cal a vai liberar non gosta a todos na
comunidade de software libre, en todo caso permitiria a tradución.
Cumpre salientar que ha versións de Staroffice
para vários sistemas operativos: GNU/Linux, Solaris, OS/2 e
MSWindows9X/NT.
Un
feito interesante é que Wine está a ser
empregado polas empresas
de software para portar os seus produtos a GNU/Linux, xa que
facilita moito a tarefa.
Un
bon exemplo de distribución doada
de instalar e de administrar é a Corel.
Mais outras como a Openlinux, a Suse, a RedHat
ou a Mandrake non son
moito máis complicadas.
Documento
interno da Microsoft que saiu, sen eles querer, a luz pública.
Este é outros documentos relacionados poden-se atopar na
páxina: The
Halloween Documents.
Empresas
de hardware como IBM,
Dell,
Motorola,
Compaq,
Hewlett-Packard,
Intel,
Fujitsu,
Bull,
Siemens,
VA Linux System, Gateway,
etc. Empresas de Software como Oracle,
Corel, IBM,
Borland,
Netscape,
Lotus, Novell,
MathWorks,
AOL, Aplixware,
Sun,
ILOG,
Wolfram, Sybase,
Metrowerks,
National Intruments, Bartels,
PlugSys,
TeamWave,
CForge, etc.
O
uso de formatos proprietários (ex. Word97) obriga aos
cidadáns a mercar os mesmos programas que usa a
administración, cousa pouco ética. Os formatos
estándares (RTF,
HTML, XML,
...) son abertos e portanto suportados sen problemas por calquer
programa, libre ou comercial.
Moitas veces
emprega-se o termo "pirata" para referir-se ao software
copiado ilegalmente violando o copyright. Porén resulta
evidente a desproporción, como consecuéncia da cópia
dun programa non ha violéncia,
mortos, mutilacións, violacións... como si adoita
haber nos actos de pirataria.
como galego e "humilde " informatico indicar que estou dacordo co que indicas no teu articulo, esperemos que por parte da administración se cambie e se empeze a instalar software libre pos o dineiro do contribuyente deberia de ser tido en conta.
un saudo.
miguel