Crónica Transmediale.09 #2
venres, 6 de febreiro do 2009, por Antia, isaac-cordal.

O Martes día 27 de Xaneiro foi a presentación oficial de Deep North, Transmediale.09, no Haus der Kulturem der Welt en Berlín.
Deep North
comezaba ás 18h. no exterior coa performance Specialità dei silicio de Urs Dubacher o cal se convertía nun estrafalario cociñeiro que facía unha pizza sintética con ingredientes que consistían en cacharrada variada, silicio, motorcitos, plásticos, hardware diverso, leds, etc., e todo iso metíao nun forno ata converter a atmosfera nun insoportable cheiro a basureiro contemporáneo. Pódese ver un vídeo da súa performance aquí.


Specialità dei silicio

No interior do Auditorio as 19h comezou o acto oficial de inauguración do Transmediale.09, en presenza de moitos medios de comunicación, público convidado, artistas, etc. . Comezou coa xa clásica presentación política que apoia economicamente o evento, e seguiulle o discurso, máis ameno e cheo de agradecementos, do director do festival sobre o tema central, o cambio climático e o compromiso da Arte e a Cultura para pór unha nota reflexiva no calendario cultural europeo e na conta atrás do desxeo do planeta. Entre a presentación e os agradecementos houbo unha performance chamada Sonolevitation da que falarei un pouco máis abaixo neste mesmo post.


Presentación Deep North

Concertos/Performances

No apartado dos concertos tan só vou destacar os que máis me chamaron a atención. A programación do Clubtransmediale durou dende o 22 de Xaneiro ao 1 de Febreiro, polo tanto tentar asistir a tódolos eventos resultaba case unha hazaña que non tentamos asumir. Nese sentido deume moita mágoa non poder ver á actuación do galego Servando Barreiro xunto con Dr. Nojoke e J-Lab dentro do que foi a programación da segunda parte do encontro de net labels o Xoves día 27. Espero que fose moi ben.

MON 26.01.
21:00
MAO Main Hall

Evala é un dos proxectos do xaponés Hirohito Ebara que participa activamente na escea sonora artística de Tokio dende 2002. O seu concerto abriu o que se denominou ATAK Night 4 o Luns 24 de Xaneiro na sala principal de Club Maria. O seu set pareceume a versión dixital xaponesa de Pan sonic. O estilo era moi similar e soaba moi limpo e perfecto. Ruídos de cores varias, glitches, e bombos tremendos con imaxes sincronizadas de liñas en branco e negro proxectadas ao longo da sala.


Evala

O compositor xaponés Yasunao Tone leva medio século de música electrónica as súas costas, desde a vangarda histórica contemporánea ata a era dixital. Activo desde finais dos anos cincuenta, participou con Fluxus e ten vínculos con Yoko Ono e John Cage, así como tamén fundou o Grupo Ongaku. Yasunao Tone publicou varios discos como solista en selos como Tzadik, Mego e Asphodel, colaborou con numerosos artistas e creou instalacións de son para eventos prestixiosos como a Trienal de Yokohama. As súas décadas de experimentación sonora leváronlle a recibir o premio de honra no Ars Electronica Golden Nica á música dixital no ano 2002. O seu concerto realizouno dende o medio da sala con 5 reprodutores de cd que por medio dun controlador o cal recollía un tanto aleatoriamente mostras de cada un deles creando capas de ruído brutal e intenso.


Yasunao Tone

O artista sonoro e músico xaponés Keiichiro Shibuya é o fundador do selo minimalista e experimental ATAK. ATAK edita CD´s de electroacústica xaponesa e internacional e funciona como unha plataforma para diversos campos como o deseño e a tecnoloxía en rede. Shibuya publicou dúas gravacións como solista e colaborou cunha serie de artistas para producir álbums e instalacións , en particular o proxecto "filmachine", xunto conTakashi Ikegami, concedéronlle unha mención honorífica na división de música dixital en Ars Electronica en 2007. Shibuya actualmente traballa como profesor adxunto na Universidade Nacional de Tokio de Belas Artes e Música.

O seu set foi un dos que máis me gustou esa noite. Os sons que usaba eran moi crus, ruídos, frecuencias, pero máis por capas que por ritmos, máis progresivo e orixinal que Evala. Dígoo no sentido de que ambos parecían utilizar o mesmo software á hora de lanzar a súa música. Os seus visuais ían sincronizados e diferian dos do seu compatriota en que desenvolvían distintos comportamentos dunha rede 3d. No medio da súa actuación o ordenador, ou os parámetros, se lle descolocaron e estivo máis de 10 minutos en silencio buscando unha solución. Atronador, son limpo, e perdoarme que megautilice o termo, brutal!.


Keiichiro Shibuya

Pan Sonic son Mika Vainio e Ilpo Väisänen de Finlandia, dúo que converteuse nun dos referentes de música electrónica, coñecidos polo seu audio minimalista, ritmos rotos, capas de ruídos e un volume atronador. Tamén, como no, co seu característico oscilador de ondas en branco e negro como telón de fondo. A súa actuación no Maria am orbanhof non foi moi diferente ás anteriores dúas veces que os vimos neste ano pasado (Festival Sin Sal e Sónar). Pan Sonic editou dez álbums, unha chea de EPs e un DVD ata o de ágora, e tocaron nos festiváis máis importantes do ano pasado no que é unha especie de recoñecemento da súa longa traxectoria. Ambos artistas teñen os seus proxectos en solitario, e a verdade, que entre eles non parece que haxa moita química fóra do proxecto, xa que no seu set non se dirixen nin unha soa mirada de complicidade.


Pan Sonic

// Fragility, Excess and Speculation Pt. I
WED 28.01.
20:00
HKW Auditorium

Sonolevitationde Evelina Domnitch e Dmitry Gelfand, e
Maurizio Martinucci (aka TeZ). Non sei se saberei explicar ben o seu funcionamento. Sonolevitation é unha performance na que dúas ondas que comparten a mesma frecuencia (15 HZ) e amplitude cun cambio de fase de 180 graos en direccións opostas moven papéis de pan de ouro, con distintas formas xeométricas facendoos xirar nun campo gravitatorio creado polas propias frecuencias. O principio este traballo pareceume feito con polos magnéticos e recordoume un pouco o do xápones Kanta Horio, do que moito disfrutamos no OFF ICMC 2005 e o Sónar 2006.

A posta en escea foi moi espectacular, xa que Evelina Domnitch metíase nunha especie de cilindro de metacrilato, imaxino que para evitar posibles correntes de aire da sala, e cunhas pinzas ía poñendo os diminutos papéis no fluxo hertziano, os cales podíamos ver xirando proxectados nunha pantalla central . Esta performance tiña unha alta dose, non podería chamalo improvisación, máis ben de precisión e tamén unha pizca de sorte. Neste primeiro acto tiveron máis acerto que na súa segunda aparición o seguinte día, cunha performance máis longa e con máis erros (ou menos sorte).

Sonolevitation


Sonolevitation

Vídeo feito pola equipa de traballo de tagr.tv

Untitled sound objects é unha serie de obras de Pe Lang e Zimoun no que os artistas exploran as propiedades do son, os materiais, a resonancia e sistemas generativos. As súas instalacións realízanas con pequenos motores e piezoeléctricos que recollen microsonidos e os amplifican. Neste caso puidemos disfrutar dun formato performance, realizado con distintos obxectos vibrando a diferentes velocidades, manipulados a tempo real, xerando delicados matices sonoros. Todo isto envolto nunha coidada posta en escea. Pódese ver un vídeo aquí.

Untitled sound objects
Untitled sound objects

Untitled sound objects detail
Untitled sound objects cacharrada

WED 28.01.
21:00
MAO

Lichens é o proxecto de Robert A. A. Lowe, músico que explora posibilidades do minimalismo e os drones dende 2004. Colabora cunha banda chamada Cloudland Canyon, que me imaxino que eran o bateria, o baixista e o saxo que lle acompañaban na súa actuación no Clubtransmediale. A súa música era como unha especie de Doom Metal con electrónica, moi machacón e con moitos graves.


Lichens

Alva Noto é o pseudónimo do artista alemán Carsten Nicolai, coñecido polas súas interesantes instalacións, e vídeos relacionados co fenómeno sonoro. A súa actividade é moi extensa. Director do universo electrónico Raster-Noton. Fundador do selo noton.archiv für ton und nichtton antes de unir forzas con Raster Music a finais dos anos 90. Alva Noto participa en varios proxectos entre os que persoalmente destacaría a súa colaboración por separado con Ryoji Ikeda e con Ryuichi Sakamoto. Alva Noto é fonte de inspiración para moitos artistas electrónicos. A súa actuación foi na segunda sala do Club Maria e quedou pequena polo numeroso público. A súa actuación chea de glitches, clicks, ruídos soaba a él mesmo, a ese estilo que lle caracteriza. A verdade que na actuación anterior, de SND, a xente xa comezaba a porse trocitos de papel a modo de tapóns para protexerse os oídos dese son quirúrxico e puro que estaba por vir.


Alva Noto

THU 29.01.
21:00
MAO

Micachu and the shapes é un novo trío británico liderado por Mica Levi (Micachu), Marc Pell e Raisa Khanwas. A pesar do pouco tempo que levan xuntos, tan só dende Decembro do 2007, ficharon polo seloAccidental de Mathew Herbert e xuntos están producindo o que será o seu novo disco. A verdade que o seu concerto no Clubtransmediale foi unha grata sorpresa, un directo divertido e cheo de recursos dentro do garage, a electrónica e o pop. Chamaba a atención o novos que eran e o seu directo moi fresco e contundente. Levi está estudando o seu terceiro ano de composición na Guildhall School of Music e xa escribiu unha peza para a orquestra da Filarmónica de Londres, que realizouse en 2008. Podes descargar libremente dende o seu myspace o MIXTAAAAPE de Micachu chamado "Filthy friends" aquí.


Micachu & the shapes


Micachu

Oren Ambarchi tocaba na sala 2 do Club Maria am Ostbahnhof, sede dos concertos organizados polo Club Transmediale. Tiña moita curiosidade por ver o set do australiano que coincidía á mesma hora que o concerto de Fuck Buttons, dos cales tan só vín dous temas pero que tiven a sorte velos anteriormente como teloneiros de Mogwai en Londres, e sí, teñen un directo atronador e melodías moi pegadizas.

Oren Ambarchi comezou timidamente mesturando as súas frecuencias co barullo do público que bebía na barra do fondo. Lentamente as súas frecuencias de subgraves comezaron a apropiarse da acústica da sala e as colas das frecuencias rompían en diminutos chásquidos que querían ser ritmos rotos. A primeira vez que ví un vídeo seu sorprendeume moito que xerase a súa música cunha guitarra e unha pequena montaña de pedais de efectos, iso para min deulle un plus ao seu traballo, xa que pensaba que era realizado co computador. Aos poucos as súas frecuencias convertéronse nun ambiente denso, á vez que acougado e brutal. Un directo no que o público parecía ensimismado e coñecedor da traxectoria do australiano.

Oren_ambarchi
Oren Ambarchi

Oren_ambarchi_00
Oren Ambarchi cacharrada


Fuck Buttoms

Tamén destacar a actuación do londinense Jon Hopkins, pianista, produtor e compositor. Colaborador de Coldplay. A súa música é unha mestura de melodías evocadoras, de pianos e capas de sintetizadores con bases rotas, moi contundentes. No seu set estaba acompañado por un vj que non lembro o nome e que estivo moi ben.


Jon Hopkins


Main room do ClubTransmediale’ MAO durante a actuación de Jon Hopkins

Tim Exile é o alias de Tim Shaw. A súa música improvisada é un repaso, e paseo, polo drum´n´bass, electro, breakcore e un longo etc porque a súa habilidade non é normal, este tipo é doutro planeta!. Insatisfeito coas limitacións de pinchar o modo clásico, Tim Exile comezou a programar as súas propias ferramentas para tratar de improvisar mellor. En primeiro lugar, utilizando Pure Data e, a continuación, cambiar a Reaktor. O seu directo é un cúmulo de improvisacións que dispara coa voz e converte a Midi para posteriormente manipulalo máis e máis. Eu creo que foi a primeira vez que vín a un tipo empezar da nada e crear tal universo sonoro con tanta facilidade. Un auténtico virtuoso. Tamén tiña temas nos que cantaba e recordábame a Kraftwerk. Logo da súa actuación volveu subir ao escenario cando estaba na recta final da súa actuación o artista noruego Kim Hiorthøe, e xuntos mantiveron un pequeno duelo de titáns.


Tim Exile

Tim-Exile-Kim-Hiorthoy
Kim Hiorthoy e Tim Exile

O dúo americano Lucky Dragons formado por Luke Fischbeck e Sarah Rara puxeron a nota participativa da noite na que o público puido interactuar coa banda en moitas das súas cancións. Tocaron no chan preto do escenario, cun vello computer e unha mesa de audio infestada de instrumentos de vento, percutivos etc. O momento culmen foi cando fixeron unha especie de círculo no que o público tocábase o un ao outro e contribuía a xerar melodías. Todo envolto nun ambiente de catarse e remenbranzas hippies.


Lucky Dragons


Lucky Dragons e familia


Lucky Dragons cacharrada

PERFORMANCES
FRI 30.01.
20:30
HKW Auditorium

Ryoichi Kurokawa foi unha das sensacións do festival coa súa actuación no Auditorio Haus der Kulturem der Welt titulada Parallel Head. Un set que mesturaba escenas filmadas, animación, gravacións de campo, silencios, material de audio e generativo cunha esquisita execución e delicada experiencia inmersiva na luz e o son. Unha soa proxección dividida en catro partes nunha pantalla xigantesca e sincronizada perfectamente co seu traballo sonoro. Audio moi coidado, potente, e evocador que ía dun lado e outro da sala xerando unha sensación envolvente á vez que cortante. Para min, un dos mellores performances que vin en tempo.

Ryoichi Kurokawa
Ryoichi Kurokawa


Ryoichi Kurokawa

Logo de ver a actuación de Ryoichi Kurokawa creo que era moi complicado ofrecer á audiencia algo máis espectacular. Tocáballe a quenda a Telcosystems que é o proxecto dos holandeses David Kiers, Gideon Kiers, e Lucas van der Velden os cales presentaron Mortals electric. Eles foron os responsables da cortinilla do festival. Antes de entrar no Auditorio do HKW déronnos un papel que dicía que a organización non se facía responsable dos danos auditivos que poderían ocorrer ao estar expostos ás altas frecuencias de Telcosystems, e repartiron de xeito gratuíto tapóns para o que quixese. A súa proposta consistiu nunha especie de viaxe de capas sonoras moi escuras con visuais orgánicos e de liñas (na parte máis contundente), como unha especie de soño e espertar, moi denso,
quizais demasiado. Non estivo mal, pero creo que Ryoichi Kurokawa eclipsó a nosa imaxinación por bastante tempo.

Instalacións

Post Global Warming Survival Kit é unha instalación multimedia interactiva de Petko Dourmana que consiste nunha proxección de dúas canles que amosa imaxes infravermellas do Mar do Norte como un post-apocalíptica paisaxe na que o observador tan só pode velo por medio dun dispositivo de visión nocturna. Dourmana retrata unha especie de "inverno nuclear". Ao acceder á instalación o espazo é escuro e mediante uns dispositivos de visión nocturna podes ver unha proxección dunha especie de lago e á beira unha caravana á que podes acceder e ler unha especie de bitácora. Das instalacións de Transmediale foi unha das que máis sorprendeume xa que fascinoume a súa realización. Para ter unha idea do que comento podes ver o vídeo de tagr.tv sobre Post Global Warming Survival Kit.

Premios

O Sábado 1 de Febreiro foi a cerimonia de entrega dos premios de Deep North, Transmediale.09 no Auditorio de Haus der Kulturem der Welt, cun primeiro premio dotado de 8000 euros e algo menos no caso dos dous segundos premios compartidos. Pódese ver os arquivos de vídeo do evento aquí


Vista do Haus der Kulturem der Welt

Primeiro premio:
Tantalum Memorial é unha instalación de Graham Harwood, Richard Wright e Matsuko Yokokoji que se levou o primeiro premio desta edición do Transmediale.09.

Tantalum-Memorial
Tantalum Memorial

Tantalum Memorial é un monumento aos máis de 3 millóns de persoas que pereceron nas guerras que pasaron no Congo desde 1998, un conflito chamado a Guerra do Coltan. O mineral coltán utilízase como materia prima para o metal tantalio, que é un compoñente esencial dos teléfonos móbiles e computadoras. Polo tanto, o tántalo é cobizado por ducias de empresas mineiras internacionais e locais de grupos belixerantes, e hoxe en día é máis valioso que o ouro. A instalación funciona como un centro social dunha rede telefónica que é utilizada polos inmigrantes congoleños que viven no Reino Unido. A rede ’Teléfono Trottoire’ baséase na tradicional práctica da comunicación dos congoleños que pasa ao redor das noticias e chismes de boca a boca na rúa para evitar a censura estatal. A base de datos das conversacións provén dun programa de radio con sede en Londres que chama e reproduce mensaxes dos oíntes congoleños, que poden ser comentados e transmitidos.

Pódese ver unha entrevista sobre este traballo feita pola xente de tagr.tv


Segundo premio compartido para Burning the sound de Rudolfo Quintas e Six apartments de Reynolds Reynolds.

Burning the sound é unha performance sonora interactiva do portugués Rudolfo Quintas que investiga sobre a natureza dos rituais, o poder e o control. A súa curta actuación no Club Transmediale foi bastante potente co uso de mistos e chisqueiros, é dicir artificios daquel lume primigenio, converténdoos nos dispositivos que activaban o computador para xerar capas de sons ruidistas acompañados de imaxes sincronizadas a modo de interferencias. A actuación non estivo mal, pero aos poucos o proceso de execución converteuse en algo un tanto aburrido e previsible.


Burning the sound no ClubTransmediale.

Vídeo feito pola equipa de traballo de tagr.tv

Six apartments de Reynolds Reynolds é unha interesante instalación de vídeo na que o autor describe poéticamente o declive na vida de seis persoas nos seus apartamentos. Os habitantes viven illados e alleos o un do outro pero asediados con tódala información que lles chega de lugares remotos polos medios de comunicación. Mezcla o mundo microscópico da descomposición, da beleza e o grotesco da nosa nova cotidianidade.

Entrevista con Reynolds Reynolds feita pola xente de tagr.tv

O Premio Vilém Flusser Transmediale 2009 concédese á práctica teórica e crítica de obras presentadas para o Festival. En 2009 o premio repártese entre o editor Brian Holmes polo seu blog Continental Drift. The other side of neoliberal globalization, e o programador italianoDenis Vermello (alias Jaromil) polas súas obras completas dedicadas na construción de redes, ferramentas de uso compartido e a superación das restricións e fronteiras.

Subiremos en canto poidamos unha nova máis coa sección de vídeo de Deep North e algunhas instalacións do Haus der Kulturem der Welt.

Txt: Isaac Cordal
Fotos: Antía Sánchez e Isaac Cordal
Vídeos: tagr.tv
Agradecementos a: Estela e Marco por acollernos tan amablemente na súa casa. Tamén a Formentera por existir.

Crónica Transmediale.09 #2
Enviar comentario
Comentarios
6 de febreiro do 2009 07:04, por Berio

Brutal Isaac e Antía! moi boa crónica, foi un gusto lervos.

Apertuquis

7 de febreiro do 2009 02:30, por gisela

Jo que chulas las fotos! y la crónica me encantó!
Que bueno haber visto tanto y haberse cargado de nuevas ideas y de consciencia social, no?
Besos a los dos,
;)

20 de febreiro do 2009 04:54, por estela

os quedo genial, muy bien echos los deberes, jajaja

20 de febreiro do 2009 16:46, por isaac-cordal

el ochenta por cientooo largo va para ...

23 de febreiro do 2009 05:08, por Antia

el 89% va para Isaac todo hay que decirlo, yo fotos de día y una próxima crónica de los videos que tarda demasiado pero vieneee!

23 de febreiro do 2009 11:49, por isaac-cordal

... el 80% para nuestra querida "curator" Estela!