...e as primeiras misturas creativas apareceron na leira-Lab de Valadares. Aínda que ás 12 da mañá estabamos apuntalando fiestras, limpando moquetas e outros retoques de última hora, e que algunha veciña quedou un pouco desorientada pola falla de xente (“¿pero non había aquí unha festa?), a partires da 1 do mediodía aquilo comezou a se animar.
Chegaron primeiro Davide Salvado, Chisco e outros amigos cantareiros con ganas de troula para improvisar ó ritmo da zanfoña de Philipe, e sobre o arrecendo das sardiñas que caían nas faíscas do noso particular cociñeiro Luis. Máis que nunha festa, o pobre do Luis parecía estar nos fogóns dun buque carboneiro. Pero qué ricas estaban.
Co despunte do viño comezou o primeiro desafío regueifeiro: Josiño da Teixeira botoulle o pique a Paco Barreiro, e íste recolleu a luva da rima. Espectacular duelo, sen que chegara o sangue ó río. A primeira experimentación sonora do Lab.
O xantar ía a bó ritmo, con Caro, Diana, Tasha e Nela ós mandos das barras, e a xentiña (que xa era numerosa) estrada pola herba, comendo. Entrementres, os máis cativos xogaban pola finca. Tamén Silvi, Antía, Juanca e Lucía colaboraron no xantar cun posto de castañas asadas.
Para amenizar os cafés con bica tivemos a un home-orquestra, Ce (Orquestra Pantasma), que fixo unha divertida e maratoniana sesión co seu bombo-armónica-guitarra ó lombo.
Por fín puiden convencer ó noso veciño Javi e á súa muller para que se achegaran e aceptaran un licor café. E que Javi foi crucial nesta festa, pois aparte do seu bó rollo, brindounos electricidade para poder estar currando nos preparativos e alimentar a barra. Entre o seu enchufe, e os xeradores aportados por Gus e Gonzalo (botámoste en falta, arponeiro; a ver se na próxima vés coa banda) puidemos darlle vida á festa que axudará a pagar a instalación eléctrica do Lab.
Xa no serán empezaron os concertos no baixo do Lab. Os primeiros foron Fer Abreu e Pablo Carrera (2us) con improvisacións de clarinete, saxo e guitarra que facían que as orellas quedaran pegadas naquel recuncho.
Despois, e non se sabe cómo, apareceron tres tip@s extrañamente ataviados, sen precisar xénero nin idade, e comezaron a montala. Era o Cabaret de Pepa e Davide + Madamme Cell. Neste punto xa todo quisqui estaba cos motores ó 100%. Pepa nas voces e nos piques, Davide nos cantos libidinosos (e no despelote integral), e a nosa querida Madamme ó piano. Apoteose, e só andábamos na metade da tarde.
Chegou logo Mr. Carácter e a súa banda para poñer a bailar a todo o mundo a ritmo de rock e blues, guitarreo, bombo e armónicas do Missisippi no Alto Piñeiro. Consecuentemente, rematouse a cervexa. Alá fun, xunto co outro Gus, ata ó super a abastecernos. Falta de cálculo propio dos novatos nestas lides. Xa lle iremos collendo o punto.
Todo este tempo, Petra andaba pendente do son, pois ninguén mellor ca ela coñecía o equipo (moitas gracias, Petra e Maureen, pola amplificación); pero é neste intre cando comezan a tocar. Con todos vostedes, Petra Coomans, Iván Gulín e Mario. Melodías dende os catro puntos cardinais, adobadas coas imaxes flotantes da nosa poetisa visual Nela Que.
Aquí xa a fame voltaba ós bandullos, e as derradeiras tortillas de Nela e racións de cus-cus de Tasha desaparecían na barra instalada baixo a carpa, entre os módulos agora tinguidos cun laranxa refulxente gracias á pintura doada por Alberto, o pai da alg-a Vane (á que tamén botamos de menos).
A verdade que foi gratificante e sorprendente ver cómo en tan pouco tempo -menos de dúas semanas de intenso traballo- se foi acondicionando o espazo ata darlle o aspecto que tiña o sábado. Horas e horas pasadas co Nachete na furgo carretando táboas e calqueira outra trangallada servible, as tardes (e noites) enteiras co “maese” Gus facendo de todo, dende sellados de xuntas ata marcos para as fiestras; ou as nosas cociñeiras maiores Nela, Tasha (e Luis, claro!) ademais de pintoras de brocha gorda.
Sempre co apoio loxístico e anímico, tanto na preparación como na festa, dos nosos queridos mecenas particulares, Carlos e Maribel. Alí estiveron, disfrutando das algas e os toxos, xunto coas cativas Ada e Xela.
A última hora o son fixo unha transición nada traumática dende o dijeridú e a percusión ata os beats do portátil do Puto Coke, que comezou a rimar as boas letras do seu hip-hop. A xente estaba entregada, e seguiu así cando unha moi nova artista de Valadares, Aid, recolleu o testigo rítmico do Puto Coke, incluíndo no seu repertorio hip-hop en galego e unha maravillosa improvisación coa percusión de Petra e Mario. And last but not least, o soul da artista Guiza (tamén, coma Aid, do selo LK Producións, do Puto Coke), que fixo que o público pedira os bises máis de catro veces.
E así, nun día que comezou coas rimas regueifeiras e rematou cos versos do hip-hop, pechábase o primeiro grande evento no Alg-a Lab. Por suposto, só é principio. Benvidos.
Eu non teño fotos da festa, máis que esta do Puto Coke. @s que as teñan, a ver se ides subindo a parte fotográfica, plis.
Roi
Moi ben esa crónica Roi. Un gustazo lela, xa me alegrou o día!.
Subide algunha foto que morro de ganas de vervos dádolle á sardiña.
saúdos
xenial a descripción do día;D
¡¡¡seguir disfrutando co proxecto campións!!!
apertas!
Querido Sr. Pause:
A estas alturas confiaba en que xa non confundiras o meu clarinete baixo cun saxo, pero quedas perdoado polo muito que disfrutei do día comendo, escoitando e tocando.
Que se repita axiña.
Fer