Decode. Digital design sensations.
martes, 19 de xaneiro do 2010, por Isaac Cordal.

8 Decembro 2009 a 11 de Abril 2010

Decode é unha exposición sobre Arte e deseño dixital comisariada por onedotzero enV&A, Londres. Nela podemos ver in situ obras de artistas dixitais dos cales moitas veces comentamos os seus proxectos en Alg-a. De feito eu creo que é a primeira vez que vexo unha exposición tan temática e cun número tan amplo de artistas dixitais e deseñadores que xa me resultan ata históricos. Case todos os proxectos coñecíaos de velos na rede, pero moitos deles non os virá físicamente. Nun reducido espazo, refírome con isto se o comparamos á maxestosidade do museo V&A, cada unha das pezas sobrevivía nunha penumbra obrigada polas proxeccións da súa antecesora.

A exposición explora tres temas: o código, a interactividade e a rede utilizada como materia prima de rastros dixitais deixados polas comunicacións diarias en Internet.

Na sección do código destacaría a Robert Hodgin máis coñecido baixo o nome de flight404.com, espazo web no que arquiva os seus proxectos de Flash, Processing and C++ . A súa obra respondía á voz manipulando a animación deses universos múltiples que lle caracterizan.

Na sección interactiva chamáronme a atención as seguintes instalacións:

Wave mirror de Daniel Rozin. Esta instalación é realmente increible. Unha cámara recolle a silueta do espectador e o "espello" recontrue a forma. O "espello" esta formado por semicircunferencias con motores cun movemento en zig zag, a cor das semicircunferencias van do claro ao escuro funcionando como pixeles.

Tree de Simon Heijdens. Este artista alemán investiga a relación da tecnoloxía coa natureza. A súa instalación consistía nunha árbore proxectada que respondía á forza do vento fora do edificio.

Na miña visita á exposición a peza Opto isolator de Golan Levin creo que era unha das dúas instalacións que estaban estragadas (sempre algo ocorre coa arte dixital), cousa que me deu moita mágoa xa que é unha peza fantástica.

Na sección na que os organizadores dividiron a expo como traballos relacionados con a rede destacaría We feel fine de Jonathan Harris e Sep Kamvar e Make-out de Rafael Lozano Hemmer.

Tamén destacar que aparte da exposición Decode, o que máis sorprendeume do V&A é a réplica a tamaño natural do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela que teñen nunha das salas.

Enviar comentario
Comentarios
19 de xaneiro do 2010 05:53

Ten moi boa pinta esa expo, Isaac. Pena non estar en London para vela (e verte, claro!).

Respecto ao que dis do Pórtico da Gloria, tamén é impresionante. Saberás que esa reprodución é a causa de que a policromía da obra orixinal se perdese, pois para facer a copia empregaron un molde de escaiola que absorveu a pintura orixinal, deixando o pórtico tal e como agora se encontra.

Dígoche isto porque non deixa de ser interesante a reflexión permanente sobre o labor dos museos e o seu sentido. O certo é que é unha delicia poder contemplar as marabillas da arte que se atopan nos mueseos británicos, alemáns, franceses ou españois, pero tamén cabe preguntarse se corresponde que o Partenón, por exemplo, estea metido nun museo e nun pais alleo ao da súa orixe.

En México hai un grande debate sobre isto, pois aínda que a meirande parte das pezas arqueolóxicas descubertas nas últimas décadas se encontran no país, tamén é certo que se manteñen recluídas no Museo Antropolóxico do DF, co cal, en certa medida, se extirpan do seu habitat natural, deixando este sen elemento que lle corresponde, que lle pertence e ten un sentido (desvelado ou non)dentro dunha totalidade.
Ben, tampouco quería estenderme sobre isto, pois a intención deste comentario non é outra, en realidade, que lanzar a reflexión sobre o sentido do museo e das obras de arte para alén do que representan como meros obxectos; algo que, por outra banda, está moi presente en todo debate sobre a arte contemporánea, pois parece que hai dúas tendencias en contraposición: a que procura o museo como casa, como centro comercial da arte obxectual; e a que entende a arte como fluencia, e o museo como punto de encontro de fluxos, nódulo rizomático.

Por outra banda, Isaac, é moi interesante o que dis sobre a posibilidade de contemplar obras de artistas dixitais nun espazo non virtual, pois a dimensión que acadan (entendo polos teus comentarios) é ben diferente. Non hai que esquecer que o feito presencial de toda manifestación do real é sempre singular.

Grazas e unha aperta grande desde Compostela.

rafa

19 de xaneiro do 2010 14:06, por Carlos Suárez

Vaia non sabía o da escaiola e o pórtico, pero a pregunta é Quen foi o responsable?. . . . xa basta de que os pijopaletos que "gobernan" fan o que lles sae dos collóns e non pasa nada. . . . Hai que nomear aos responsables SEMPRE para que queden rexistradas as suas trapalladas.

E con respecto ao que dis do patrimonio arrincado do seu lugares orixinais levas razón, o mellor da arte Maya esta no Museo Británico. . . . son uns bajorrelieves impresionantes de Yaxchilam que foron sacados dos templos de Chiapas. . . (non che perdas eses bajorrelieves Isacc ! ! !! ).

Con todo, doutra banda moitas das pezas que se exhiben nos museos atopábanse baixo terra como gran parte da colección do museo arqueolóxico de México, e é a única forma de poder ver esas marabillas.
Agora levas toda a razón, os obxectos artísticos cando forman parte dun conxunto arqueolóxico non deben ser retirados, sempre se poden facer replicas. . . . CLARO PERO NON COMO O FIXERON OS PIJOPALETOS QUE TRABALLARON CO PÓRTICO.
Recordo que en Venezuela se retiraron varios petróglifos do seu sitio orixinal e resulta que estaban conectados con coñecementos astronómicos que agora nunca poderán ser estudados, outro exemplo son algunhas mamoas de baixa limia que foron retiradas dos seus emprazamentos orixinais para construír un encoro. . . . o que non saben ou non se queren dar por decatados os pijopaletos é que moitas mamoas atópanse baixo terra e ao alagar a zona moitas desapareceron para sempre.

Apertas.

PD. Ei Isake non cambiaches estático por extático. . . vouche a detonar diaño ¡!!. . . jajaja

20 de xaneiro do 2010 09:48, por mdmme

ola irmaos!
lendo estes coments venme a memoria un fulano da Pobra que utilizaba un sarcofago romano do seculo da pera como abrevadoiro para os seus cabalos e restos dun castro celta para facer un valado, ante a mirada incredula do anticuario...elo pra que carallo queres estes cascallos ou...
museo de que?...jaja
ese pragmatismo tan noso, e tan contemporaneo, reciclando-remixando todo o habido e por haber...
salutis

21 de xaneiro do 2010 02:12, por isaac-cordal

Grazas polos comentarios,
É certo que o tema da expoliación camúflase co de "conservación do patrimonio". É impactante ver todos eses tesouros arqueolóxicos de países tan afastados en pequenas urnas de cristal, ou en grandes salas, convivindo sintéticamente baixo un mesmo teito. Pasamos en 10 metros de México a China. Existe un bo número de reclamacións. Exipto pediu o retorno do busto da raíña Nefertiti ao "Museo Exipcio" de Berlín. Ao museo británico chovéronlle peticións de devolución de patrimonio desde Exipto, a pedra Rossetta, e desde Grecia, esíxenlle o retorno dos frisos de mármore de Partenón. Algo que me parece lóxico.

Sobre o Pórtico da Gloria pareceume realmente curioso no sentido que é imposible velo na Catedral de Santiago de Compostela desde fai moito tempo. Esta copia imaxínome que se realizou con moldes de silicona non de escaiola. E si, calquera manipulación do orixinal leva unha deterioración. Non podo imaxinarme un molde desas dimensións!

Sobre a peza de Golan Levin, Opto isolator, estaba estragada porque alguén lle meteu un dedo no ollo e mandou a instalación de volta a casa. É o ansia de que todo sexa interactivo, multi touch, etc.

Abrazo grande,
Isaac

21 de xaneiro do 2010 05:39

O problema é a teima permanente por converter todo en obxecto de consumo. Nese sentido, o paisano do que fala Nacho ten a coherencia de integrar, transformándoo, un obxecto artístico nun obxecto funcional para a súa experiencia cotiá, aínda que sexa con descoñecemento da orixe do obxecto. El non "consome" o sartego, senón que o integra, faino parte da súa vida, é, en certo modo, un con el. Por outra banda, habería que ver tamén "quen", "desde onde", e "por que", outorga o carácter artístico a un obxecto arcaico como un sartego romano (pregunta: é a arte o mesmo que a arqueoloxía?). Non esquezamos que a expresión artística pura non ten fin. E volvo preguntar: cal é a función dun museo? a de mercado da arte? a de exhibir pezas como obxectos de consumo? É posíbel relacionarse cunha obra de arte integrándoa dentro da nosa propia experiencia? vivíndoa en nós a través da súa contemplación? O certo é que toda obra que estimula a interactividade ofrece unha porta aberta para esa integración, o cal non quere dicir, nin moito menos, que sexa a única vía, ou que sexa responsabilidade do autor conseguilo. Porén, coido que o museo (e con isto quero dicir toda persoa ligada ao proceso que implica o museo) si ten algo de responsabilidade ao respecto. "Propiciar" é diferente de "vender", e o que se vende non sempre é cuantificábel.

Unha aperta.

rafa

P.S. Por certo, o do Pórtico da Gloria non sei exactamente como se fixo, pero si que foi no século XIX.

21 de xaneiro do 2010 06:57, por Carlos Suárez

Estou de acordo co que dis sobre o de que converten todo en obxecto de consumo.
Eu notei con asombro como nestes últimos anos como a conselleria de cultura denominaba ao sector "industria". . . . coma se a cultura tivese a obrigación de ser competitiva e xerar rendemento económico. . . . . é unha vergoña tanta ignorancia, pero a ignorancia non os libera da súa responsabilidade. . . .
En cultura o fundamental é a creación, que significa achegar algo novo á sociedade para esta avance, se xera ou non rendemento económico é irrelevante. . . . a cultura tampouco é un arma política para facer populismo e demagoxia. . . trátase de potenciar a creatividade aínda que isto signifique sacrificar votos e cartos, isto é o que faría un político ou un dirixente cultural que amase a Galicia e non tanta parvadas de "industrias culturais". . . . a isto é ao que eu chamo o pijopaletage que tanto dano lle esta facendo a Galicia.

As sociedades que crean avanzan, son progresistas, as sociedades que ven a cultura como un simple divertimento que debe xerar rendemento económico e político están condenadas a permanecer no atraso.

Apertas

21 de xaneiro do 2010 14:51

Moi ben, mándovos dúas referencias de textos que veñen un pouco a conto, nalgúns aspectos, co que estamos a falar. Moi especialmente co que dis, Carlos: "En cultura o fundamental é a creación, que significa achegar algo á sociedade para que esta avance". Que conste que non creo que xerar ou non rendemento económico sexa irrelevante, pois a economía é parte da cultura en tanto que estrutura unha sociedade nun aspecto material, mais iso non significa que ese rendemento sexa nin exclusivo (que non haxa rendemento aí non quere dicir que non o haxa a outros moitos niveis), nin directo (o beneficio noutros niveis repercute necesariamente no económico pois toda a sociedade é un entramado orgánico inseparábel) e, xa que logo, é moi difícil de cauntificar realmente o beneficio en termos exclusivamente numéricos e monetarios.

http://www.fuhem.es/media/cdv/file/biblioteca/PDF%20Papeles/107/Ciencia_y_arte.pdf

http://www.fuhem.es/media/ecosocial/File/Proyecto%20Cultura%20y%20Ambiente/Informe%20Cultura%20Ambiente%20Definitivo%20Ampliado%20diciembre%202009.pdf

(O primeiro pensaba colgalo na páxina, de feito. Se alguén o quere facer, adiante, senón xa o fago eu nestes días).

Unha outra aperta (é posíbel)

rafa

22 de xaneiro do 2010 01:53, por Carlos Suárez

Pois se, aquí falaches: “(o beneficio noutros niveis repercute necesariamente no económico pois toda a sociedade é un entramado orgánico inseparábel)” Pois aínda que non xera rendemento económico inmediato, a creación tarde ou cedo termina beneficiando á sociedade, mellorando a súa forma de pensar, enriquecéndoa por dentro e iso finalmente reflíctese noutros aspectos do seu desenvolvemento.
Eu ás veces son un pouco basto nos meus comentarios e non me expliquei o suficiente: referíame a que é irrelevante que o traballo creador dun artista xere rendemento económico no inmediato (pode ou non, o problema é cando isto é unha condición dende o poder), é dicir que forzosamente poida ser un obxecto de consumo que se poida vender facilmente. Os que así pensan diríanlle a Van Gogh: pero home que fas pintando esa merda, tes que pintar cadros bonitos que se vendan.

A cousa é que isto non parece entenderse e a tendencia é impulsar unha cultura industrializada que xere diñeiro. Un ejemplo: “Fernández Fasero novo director do AGADIC (
Institución creada polo BNG) era director dá empresa Zouma Producións S.L. e ocupou os cargos de vicepresidente dá Asociación Galega de Empresas Musicais e de secretario dá Asociación Galega de Produtoras Fonográficas. Ademais, era concelleiro do PP en Arnoia desde 2007.
Como compositor e produtor musical traballou para Mutenrohi, Cristina Pato, Eva Carreiras (ex alumna da academia de OPERACIÓN TRIUNFO). Declarou ao asumir o seu cargo: “con moita ilusión e con gañas de traballar pola industria cultural galega”."

Ti cres que este home pode entender do que falamos?, Cres que poida comprender a importancia do patrimonio e da creación máis aló do que esta sexa ou non un produto comercial? Sinceramente non o creo, para el a cultura é xestión empresarial, falando claro e pronto un negocio.

Apertas e. .

Ollo con esto. http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Agadic/tardo/dias/dar/ayudas/empresa/nuevo/director/elpepuespgal/20090810elpgal_4/Tes

22 de xaneiro do 2010 04:54

Totalmente dacordo, o problema é, como dis, cando o poder impón o beneficio económico como condición. E si, desgrazadamente todo está a converterse nun imperio empresarial. Desde logo é necesario poñer as cousas no seu lugar, pedir responsabilidades a quen as ten pero, para alén diso: é a vía para saírmonos do xogo que o propio poder impón?

Sobre o artigo que referencias, desde logo, é terrorífico. Especialmente cando a persoa que baixa a cabeza, que se axeonlla para que o Señor lle poña a espada no ombreiro en símbolo de aceptación da súa preitesía, é alguén que vén do mundo da creación, da música. Non creo que esa persoa sexa incapaz de comprender do que falamos, pero si que ten os oídos pechados ás nosas palabras e, peor aínda, ás palabras do seu propio corazón.

Unha aperta grande.

rafa

Categorías
Isaac Cordal