Escribelle a Isaac Díaz Pardo.
xoves, 8 de marzo do 2007, por isaac-cordal.

A Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo vén de pór en liña unha nova páxina:
www.escribelleaisaac.info, para dar resposta a un agravio informático
contra Isaac Díaz Pardo acontecido no web do Grupo Sargadelos. Hai
dous días, os xestores do sitio anulaban e silenciaban a conta de
correo de Isaac Díaz Pardo no dominio do grupo, onde o mestre recibía
mensaxes de todo o mundo, especialmente desde a Galiza emigrante. A
ligazón á súa biografía (http://www.sargadelos.com/ga/diazpardo1.html)
é ao formulario de correo foi
deshabilitada da páxina principal nunha clara tentativa por parte da
nova dirección de Sargadelos de desvencellar a imaxe corporativa do
grupo do seu fundador.

Sabedores deste singular exercicio de cibermesquindade, varios
activistas de Arredemo, decidiron copiar as páxinas orfas, aloxalas
nun novo dominio e ofrecer ao mestre unha nova conta de correo onde
poder continuar a recibir a solidariedade e o agarimo dos miles de
galegos e galegas que aínda lle profesan a admiración, o agradecemento
e o respecto debidos a un dos homes que máis loitou e traballou a
prol da nosa cultura e da nosa identidade como pobo. No novo web
inclúese tamén unha ligazón á campaña “Apoio a Isaac Díaz Pardo”,
mestreisaac.aduaneirossemfronteiras.org, que desde hai varios meses
recaba
sinaturas contra a xubilación anticipada do mestre e a nova filosofía
mercantilista que a actual dirección pretende imprimir ao grupo
Sargadelos.

Deste xeito, a Rede de Acción Socio-Cultural ARREDEMO, que actualmente
traballa na posta a punto do seu novo portal de comunicación
socio-cultural, quere anunciar o inminente desenvolvemento dunha serie
de accións de solidariedade con Isaac Díaz Pardo e co Instituto Galego
de Información, actual obxectivo da nova dirección de Sargadelos na
súa estratexia de liquidación do legado histórico e conceptual de Luis
Seoane, Andrés Fernández-Albalat e o propio Díaz Pardo, sen o cal a
actual cultura galega non se podería comprender.

Neste sentido, Arredemo quere facer un primeiro chamamento ao mundo
social e cultural galego para participar e colaborar na campaña
facéndolle chegar ao mestre mensaxes de solidariedade e apoio a través
da súa nova conta de correo: isaac@escribelleaisaac.info, aloxada en
www.escribelleaisaac.info.

Por riba das coitas e loitas propias dunha empresa como Sargadelos,
desde Arredemo pensamos que preservar a dignidade persoal e
intelectual dun home como Isaac Díaz Pardo é un compromiso que atinxe
a toda a cultura galega.

Contacto: info@arredemo.info
981554248

Comentarios
7 de xaneiro do 2008 13:06, por Mª Anxeles Otero Chas

áNIMO ISAAC, ESTAMOS A FACER UN FORO NA PAXINA DO CONCELLO DE SADA DONDE ESTÁN A RESPONDER ALGUNHA XENTE QUE TEMOS INTERES NO QUE VAI OCORRER O DIA 23 NA XUNTA DE ACCIONISTAS. POLO MENOS A XENTE DE SADA XA ESTÁ MAIS ENTERADA DO QUE PASOU E MESMO SE INTERESAN POLO TEMA. FALEI TAMEN CON ALGUNHA XENTE DA FÁBRICA, XA SABES TÉS OS INCONDICIONAIS, PERO COMA SEMPRE TEÑEN MEDO, ESTANOS A AMEAZAR, TAMÉN AGORA XUIBILANSE CINCO PERSOAS. SÓBRALLES PERSOAL PORQUE NON TEÑEN VENTAS.
ÓS NOVOS DISEÑOS NON TEÑEN SAÍDA, NADIE OS QUERE PORQUE PERDEN O SIGNIFICADO QUE HASTA O DE AGORA TIÑAN. A XENTE NON É TONTA .
SE PRECISAS ALGO XA SABES CON QUÉN FALAR
ESTAREMOS PENDENTES DO QUE PASE O DIA 23. HATA O DALÓ MOITA SORTE BIQUIÑOS, E SAUDOS DE TODA Á FAMILIA. SABES QUE TANTO TI COMA MIMINA TEDESNOS SEMPRE PARA O QUE PRECISEDES.
MªANXELES OTERO CHAS

.