Estación Primavera-Verán #7: Konono No. 1
luns, 15 de xuño do 2009, por Isaac Cordal.
categorías: Axenda, Festivais

SINSAL Primavera

Centro Cultural Caixanova
Sábado, 20 de xuño
22:00 h
15, 12 ou 10 €.

As entradas poden adquirirse por anticipado na billeteira electrónica de Caixanova (www.caixanova.es) e no teléfono 902 504 500, ou no propio teatro durante día do concerto. A comunidade universitario de Vigo e os estudantes teñen un desconto do 50%.
www.crammed.be/konono
www.myspace.com/konononr1

Iniciado hai 25 anos por Mingiedi, un virtuoso do likembé ou piano de polgar, instrumento tradicional do seu país, o proxecto Konono No. 1 deixa de lado os tópicos da música africana –tambores contundentes e delicadas koras- para espallar unha proposta singular: con métodos puramente artesanais, empregando ferralla ou mesmo precaria tecnoloxía colonial, como os altofalantes que usaban os belgas para difundiren a súa propaganda, electrifican os sons da etnia bazombo para producir un son inverosímil, saturado e distorsionado. O que empezara coma un xeito de combater o infernal ruído das rúas de Kinshasa é hoxe un espectáculo que conta coa beizón da crítica especializada, como as revistas Wire ou Mojo, e dos medios xeneralistas máis influíntes, caso do New York Times ou The Guardian.

Os artífices de Konono No. 1 veñen dunha rexión estremeira entre Congo e Angola.
O seu repertorio prende na música ancestral, pero a partir da improvisada amplificación, e case dun xeito involuntario, a súa sonoridade enfía un camiño distinto que a emparenta coas propostas electrónicas e experimentais que se facturan en Europa ou nos EUA. Congotronics, o seu primeiro álbum de estudio, gravouno e produciuno Vincent Kenis, un gran coñecedor da música congolesa e responsábel do son, entre outros, de Zap Mama, Taraf de Haïdouks e Koçani Orkestar. Publicado en 2005 polo selo Crammed, foi un éxito inmediato e colocou aos Konono Nº 1 no foco de moitos músicos de vangarda, entre eles a islandesa Björk, para a que gravaron un tema en 2008.

Enviar comentario
Categorías
Isaac Cordal