Museo do Mar.
Mércores 30 de xullo. 22H. 5€
Desconto do 50% para a comunidade universitaria de Vigo.

Virtuosa do komungo, unha cítara con trastes procedente de Corea e inventada no século IV, Jin Hi Kim posúe unha excepcional traxectoria marcada tanto polo seu talento como instrumentista como pola súa anovadora achega como compositora e improvisadora. Ela é a responsábel da introdución deste instrumento na música occidental, o mesmo en orquestras, formacións de cámara ou grupos de jazz de vangarda. Coinventora do único komungo eléctrico do mundo, no seu currículo figuran concertos no Carnegie Hall, o Lincoln Center for the Performing Arts, a Brooklyn Academy of Music, o Festival of Asian Art de Hong Kong, o Royal Albert Hall de Londres, a Haus der Kulturen de Berlín, o Nazuca Music Festival de Perú, o Alternativa Contemporary Music Festival de Moscova ou o Vancouver International Jazz Festival de Canadá, entre outros moitos.

O seu traballo estrutúrase nunha constelación de proxectos diferentes, algúns como solista e outros en colaboración con outros músicos. Dende creacións multimedia como Digital Buddha, onde mestura o komungo eléctrico coas proxeccións de vídeo mesturadas ao vivo, até bandas sonoras como a que fixo para un filme documental sobre refuxiados coreanos. Para a súa actuación no Festival SINSAL 6 estará acompañada polo percusionista de jazz norteamericano Gerry Hemingway, co que mantén un proxecto conxunto chamado Sanjo Ecstasy. Na música dende 1974, Hemingway tamén combina proxectos persoais, como o seu cuarteto con Ellery Eskelin, Herb Robertson e Mark Helias, con colaboracións con xentes como Evan Parker, John Cale, Anthony Davis, Leo Smith, Michael Moore, Geroge Lewis, Mark Dresser e outros moitos.

www.jinhikim.com
www.gerryhemingway.com
www.festival.sinsal.org

Estación Verán #6: Jin Hi Kim & Gerry Hemingway
Enviar comentario
Categorías
Isaac Cordal