Festival Fase de Música Improvisada 2008
martes, 28 de outubro do 2008, por isaac-cordal.

Os próximos días 31 de outubro e 28 de novembro terán lugar os dous concertos que compoñen o Festival Fase de Música Improvisada 2008 (FFMI) na súa primeira edición. Este festival está organizado pola Asociación Cultural Fase coa axuda da Fundación Luis Seoane.

O día 31 de outubro terá lugar a primeira colaboración en directo entre o neerlandés Jozef Van Wissem (laúde) e o galego Miguel Prado (guitarra). O segundo concerto será o 28 de novembro e constituirá a primeira actuación en Galicia do dúo formado por Radu Malfatti e Taku Unami, dous dos músicos máis activos na música de vangarda actual.

Ambos concertos comezarán ás 22.30 h e serán de entrada libre. Terán lugar no salón de actos da Fundación Luis Seoane, A Coruña.


Presentación

O Festival Fase de Música Improvisada é un ciclo de concertos ao longo dos meses de outubro e novembro de 2008 na Fundación Luis Seoane. A súa intención é abarcar distintos espectros da improvisación libre, a composición contemporánea, a música electroacústica e o reduccionismo.

Presentase así unha visión alternativa do espectáculo, da música contemporánea e sobre todo da mal entendida “vangarda musical”; provócase unha reflexión acerca do papel do espectador e do intérprete dentro dos marcos da música experimental e improvisada.

O que se quere amosar é unha forma nova de entender a improvisación no campo musical, véndoa totalmente libre, sen ataduras armónicas ou estruturais. Esquecendo o ego e o virtuosismo que acompaña ao músico, entendendo a improvisación como praxis pura. Tocar o instrumento sen estar suxeito ás regras, crear momentos de converxencia, de comunicación.

Radu Malfatti

Adicouse nunha primeira etapa da súa carreira á música improvisada, a partir dos anos 80 Radu Malfatti dirixiu as súas actividades máis e máis na dirección da música composta. É un dos membros do colectivo Wandelweiser, creado en 1992. A característica principal da música producida polos seus compoñentes é, en palabras do propio Malfatti: “a evaluación e integración do(s) silencio(s) máis que unha alfombra de sons sen fin. Aínda que cada indivíduo afronta o problema dende un ángulo distinto, parecemos ter un consenso sobre cómo debe ou pode sonar a ‘verdadeira música de vangarda’”.

Taku Unami

Nado en 1976 en Tokio, Xapón; é un improvisador e compositor que traballa con varios instrumentos de corda, entre os que están a guitarra, a mandolina e a contraguitarra. Ademais traballa co ordenador e con “obxectos vibrantes” (cuxas vibracións inaudibles amplifica). A pesar de estar asociado a unha improvisación máis minimalista, a súa música e difícilmente clasificable, conseguindo acase sempre sorprender aos oíntes con cada novo disco e concerto; relanzando novas cuestións e traballando posibles camiños para a improvisación contemporánea.

Miguel Prado

Miguel Prado (1985, A Coruña) é un improvisador que adica parte das súas forzas á música mínima e opresiva. A súa actividade coa guitarra enfócase no son que se sucede e no contexto no que se difunde. Profundando nas posibilidades sonoras do seu instrumento na busca de conexións entre os arquetipos sociais e a razón da improvisación.

Jozef Van Wissem

Jozef Van Wissem toca os que son, probablemente, os instrumentos máis atípicos no mundo da música improvisada contemporánea: o laúde barroco e renacentista. Conseguiu tender unha ponte entre o idioma da literatura para laúde do século dezasete e a improvisación libre do século vinteún. A pesar de que Van Wissem manipula electrónicamente o son, mantívose fiel ao timbre, resonacia e técnica particulares ao laúde.

.