En paralelo ao I Econtro de artistas novos "Cidade da Cultura"diálogo construtivo sobre arte contemporánea, que mediante lista pechada se celebrará en Santiago de Compostela do 4 ao 9 de setembro na Cidade da Cultura, o I Encontro Off de creadores novos "Cultura de cidade" ofrece en Baleiro un espazo aos creadores locais, nacionais e internacionais para manter unhas xornadas de traballo e reflexión públicas e abertas sobre a arte, a cultura contemporánea e as súas problemáticas . Este espazo común convértese así en posibilidade de intercambio, traballo e reflexión sobre aspectos esenciais da creación artística e a súa proxección no mundo real mediante a construción crítica, colectiva e profesional dunha política cultural posible.
Os obxectivos do encontro son os seguintes:
A convivencia entre creadores e profesionais en activo.
Analizar a situación local da creación contemporánea e a súa produción co obxectivo de identificar as problemáticas políticas e económicas que lle están a afectar.
Proporcionar un espazo de encontro e traballo para a construción e organización colectiva de coñecementos e recursos que poidan aportar solucións a curto, medio e longo prazo, para as problemáticas identificadas.
Proporcionar aos participantes e cidadáns un lugar de acceso directo a redes de traballo e recursos comúns aínda non consolidados.
Reflexionar cos participantes sobre os usos das principais infraestruturas do territorio galego dedicadas á creación e a produción cultural contemporánea.
Co fin de fomentar a convivencia entre os distintos participantes durante as dúas xornadas do Encontro é condición necesaria o envío dun mail a encontrooffculturadecidade@gmail.commanifestando a vontade de participación e indicando:
o nome e actividade da persoa ou colectivo interesado
3 problemáticas concretas actuais que se considere están a afectar ao seu traballo no eido artístico ou cultural.
Data límite de envío: 5 de setembro de 2011
Ademais, no marco do encontro terá lugar o programa “Patio Aberto”, onde se dará a tódolos creadores a oportunidade de expoñer publicamente os seus propios proxectos artísticos. Os interesados en participar neste programa deberán indicalo no mail e agardar a resposta do equipo de coordinación, que resolverá calquera cuestión sobre a produción dos proxectos.
A estrutura das xornadas artellarase en presentacións breves dos participantes, identificación de problemáticas a abordar, reparto de tarefas, constitución de mesas de traballo, elaboración de informes colectivos e conexións on line con recoñecidos profesionais e expertos para a solución de dúbidas técnicas, legais e profesionais de carácter puntual.
Damos desde aquí a benvida aos participantes que forman parte deste proxecto que se encadra nas accións da cultura de base destinadas a intervir na política cultural en Galicia.