IV Encontro OFF: Economía, Cultura e Procomún
xoves, 2 de febreiro do 2012, por madamme.

CONVOCATORIA ENCONTRO OFF INTERNACIONAL ENCONOMÍA E CULTURA
Convócase o IV Encontro Off como resposta ao Encontro Internacional de Economía e Cultura.
O encontro terá lugar os vindeiros 16 e 17 de febreiro en Baleiro, espazo anexo á Facultade de Filoloxía da USC en Santiago de Compostela. Nesta ocasión, a comunidade Off fai de espello ao Encontro Internacional de Economía e Culturaque nas mesmas datas terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia.

O Encontro Off Internacional de Economía e Cultura afronta o reto de pór en cuestión a relación entre Cultura e Empresa, suspendendo toda posible vinculación que non pase a través dunha comunidade ou, mellor aínda, un procomún, que mude os parámetros de produtividade, explotación e eficiencia aos que aínda está sometida esta relación e que imperan no chamado “capitalismo cognitivo”. Economía e Cultura non se vencellan ao marxe das nosas formas de vida, antes ben, a súa relación nun novo ámbito común é se cabe a única saída ou resposta á separación biopolítica á que están forzadas.

Ao longo de dúas xornadas estudaremos a viabilidade doutras economías posibles, o uso de moedas alternativas ou a aplicación de fórmulas cooperativas no ámbito cultural. Haberá oportunidade de coñecer experiencias e iniciativas doutros campos e outros contextos e, coma sempre, un tempo e un espazo para a presentación de proxectos, ideas, etc. aberto a tódolos participantes. Veremos o que ocorre no encontro oficial (vía streaming) e ensaiaremos ademáis, a través dun xogo, a viabilidade dun Fondo de Inversión Cooperativo tomando como exemplo os proxectos que se presenten nas xornadas.

Por último a convocatoria do IV Encontro Off inclúe a participación na programación lúdica nocturna que terá lugar durante os días 16 e 17 de febreiro entre as 21 e as 23 horas. Se estades interesados en participar cunha pequena actuación ou presentación de espectáculo musical, visual ou escénico podedes incluir no voso mail de inscripción a vosa proposta.

Prazas: Ilimitadas
Inscripción: Envía, ata o 12 de febreiro, mail a encontrosoff@gmail.com indicando: nome, descripción da túa actividade/proxecto e orzamento da mesma se queres participar no xogo de inversión. Se estás interesado en participar na programación lúdica nocturna indica a túa actividade, duración da actuación e necesidades técnicas ou materiais.

Lugar :Baleiro, canle de produción. Anexo subterráneo da Facultade de Filoloxía. Avda Castelao s/n. Campus Norte Santiago de Compostela, 15782 Telf 981 563 100 ext 11178

Prezo: O €

Programa Provisional: podedes seguir aquí as actualizacións.

Xoves 16

  • 10:00 Asamblea organizativa
  • 10:30 Conexión streaming co Encontro Internacional de Economía e Cultura da Cidade da Cultura: Presentación do informe Datos da Economía Creativa: Consello da Cultura Galega e Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais).
  • 11:00 Debate
  • 12:00 Presentación: Moedas alternativas
  • 13:30 Pausa e comida
  • 16:00 Presentación da Cooperativa GZ Imaxinaria de produción cultural en Galiza.
  • 18:45 Conexión streaming Encontro Internacional de Economía e Cultura da Cidade da Cultura: Pecha Kutcha
  • 19:30 Presentacións: Outros modelos de organización económica en Galicia
  • 21:00 Programación lúdica nocturna

Venres 17

  • 10:00 Asamblea organizativa
  • 10:30 Xogo participativo: Fondo de inversión para proxectos culturais.
  • 13:30 Pausa e comida
  • 16:00 Presentacións; Procomún e cooperación. Con invitad@s especiais do encontro oficial.
  • 18:30 Pausa e café
  • 18:45 Debate, conclusións e toma de decisións sobre as seguintes accións.
.