Indeterminacións
martes, 9 de outubro do 2012, por Madamme Cell.

É COMO SE houbese figuras que se estancan no tempo. Como se as diferentes discursións que o ser humano foi realizando no mundo acadasen unha determinación fixa, unha sedimentación errónea. Camiñando o tempo -e evolucionando historicamente- constatamos como antigas cosmovisións (que nun tempo pasado foron alimenticios e fértiles acubillamentos do espírito) se fan convulsos sistemas de signos, axioloxías decretadas como Absolutos, doutrinas dun carácter estrañamente fechado e totalizador. Ante esa forma de xerar "mundo" e "sentido" é ante a que se alza este libro.

Indeterminacións é un conxunto de ensaios publicados por Carlos Lema ao longo dos anos en diversos medios, recollidos agora nun volume. Unha mesma cuestión latexa no seu fondo: Que hai despois de toda esta instauración determinista de sentidos? Que pode aínda ser pensado cando as técnicas do saber e do poder (tal e como chegou a ver Michel Foucault) chegaron a tales niveis de densidade que o pensar parece esmorecer en urdiduras fascinadoras que nos cegan a visión? Que podemos ver e facer alén do Poder determinista que constrinxe o comportamento libre dos corpos e dos pensares? Son estes lúcidos ensaios que poñen en cuestión un modelo de pensamento común a esta época na que esas doutrinas (esas dogmáticas non críticas) se aparecen ante nós co esplendor dun Espectáculo xa caduco e murcho. Un fantástico percorrido polo lado crítico do real, por ese lado no que debemos discernir e ver, con ollos calmos, o acontecer formador do noso arredor.

Indeterminacións

Autor: Carlos Lema
Colección: Polimnia
115 páxinas
Prezo: 8€

xa podes mercalo na Tenda Axóuxere ou na túa libraría

Próximos títulos da editora

Colección Polimnia:

A via excêntrica
Ronaldo Ferrito

Colección Clío:

Eu son
Sri Nisargadatta Maharaj

As portas da percepción
Aldous Huxley

Enviar comentario
Categorías
Madamme Cell