Nesta edición da feira londinense adicada á arte kinético déronse cita 35 galerías e podíase ver obra de 150 artistas. O recinto era o mesmo do ano pasado, o P3, e a verdade que eu creo que para este aumento de participantes o espazo quedabase bastante pequeno. A montaxe tamén podía estar máis coidada. Ao ser unha feira ten unha finalidade comercial, algúns artistas son invitados por Kinetica museum e outros pagan a caseta e hai un rango diferente de calidade duns traballos a outros.
Creo que foi un acerto dúas obras no espazo público nos arredores do museo. Unha delas, situada na entrada, era a peza de Gilles Walker que consistía nun robot sentado pedindo limosna para combater a crise económica. Esta instalación chamaba moito a atención dos viandantes e era un bo reclamo para captar máis espectadores para a feira. O ano pasado Gilles Walker amosou a instalación que podes ver aquí
Milk float é unha instalación móvil de Ben Parry e Jacques Chauchat membros do colectivo Jumshiprat. Milk float estaba aparcada nunha das rúas preto da exposición, un pequeno camión convertido nunha orquestra discordante feita con todo tipo de lixos en movemento: rodas de bicicleta, sinais de tráfico, etc.
Un dos artistas que máis me gustou é Bálint Bolygó, escultor que realiza instalacións complexas utilizando mecanismos clásicos da escultura. No traballo que presentaba podías ver o proceso de realización dun dos seus debuxos, que parecen realizados mediante un proceso dixital, por medio do abalo dunha complexa estrutura formada por unha máquina de puntos que rexistra o contorno dunha cabeza de escaiola. Como unha especie de scaner en 3d pero rudimentario e autónomo. Así lograba facer unha representación en 2d do busto de escaiola.
As esculturas de Roseline de Thélin chamaban moito a atención. Realizadas en cable de fibra óptica, cantos máis buratos máis intensidade de luz.
O colectivo Squidsoup presentaba Ocean of light. Esta instalación en 3d composta de leds en formato choiva Matrix estaba moi ben presentada, respondía ao son e funcionaba correctamente creando unha sensación de calma na pequena sala onde a presentaban. Ao meu modo de ver este tipo de pezas son moi previsibles e se outrora asombraban hoxe en día convertéronse en algo máis común, en case parte funcional do mobiliario doméstico, probablemente algo que lle pasará exponencialmente á arte interactiva de hoxe co paso do tempo, que a súa asimilación cotiá baixarao do hipotético status artístico no que se atopaban. Pódese ver un vídeo aquí
Performance de Ray Lee coa súa orquesta de enxendros tocando varios Theremin.
Máquina aleatoria de teorías conspirativas, moi na onda Moraza.
Consultar a crónica do ano pasado en alg-a
Pódese ver un vídeo da BBC aquí a modo de resumo.