Manuel Eirís no Espazo Anexo do MARCO.
luns, 20 de abril do 2009, por Isaac Cordal.
categorías: Axenda, Pintura-debuxo

EXPOSICIÓN
MANUEL EIRÍS. Rúa Palma, nº 9, 2º
17 abril – 21 xuño 2009 ESPAZO ANEXO
PUNTOS DE ENCONTRO II

DATAS
17 abril – 21 xuño 2009
LUGAR
Espazo Anexo

PRESENTACIÓN

‘Rúa Palma, nº 9, 2º’ é a proposta de Manuel Eirís (Santiago de Compostela, 1977) para o proxecto PUNTOS DE ENCONTRO/MEETING POINTS, inaugurado en xaneiro coa intervención de Pedro Barateiro. Durante o ano 2009, Carlos Bunga, Nicolás Combarro e José Dávila uniranse aos citados para continuar traballando sobre o concepto de cidade contemporánea como espazo heteroxéneo. Os cinco artistas teñen en común un interese cara ao contexto social ou arquitectónico.

OBRAS EN EXPOSICIÓN

Os desocultamentos, operación consistente en desfacer unha edificación para ver como está constituída, son o punto de partida desta exposición, realizada en dúas fases e situada en dous lugares da cidade: o propio Espazo Anexo do MARCO, e unha vivenda abandonada en Rúa Palma, 9, 2º, no Casco Vello de Vigo. Na vivenda atópase a orixe do proceso. No Espazo Anexo móstrase a documentación e o resultado da acción: restos de parede, vídeos, fotografías, apuntamentos en témpera, debuxos e unha proxección de diapositivas. O percorrido entre as dúas sedes vincula o museo coa vivenda e permite ao visitante coñecer as dúas fases do proceso, ofrecendo así dúas lecturas complementarias.

A exposición foi posible grazas ao inestimable apoio de Luis Sirvent, da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e de Ar.Co – Centro de Arte e Comunicação Visual.

SÍNTESE DO PROXECTO EXPOSITIVO

A proposta de Manuel Eirís (Santiago de Compostela, 1977) forma parte do proxecto ‘PUNTOS DE ENCONTRO’, que se desenvolve durante todo o ano 2009 no Espazo Anexo do MARCO. No contexto deste proxecto, cinco artistas presentan as súas obras co obxectivo de establecer un diálogo entre o lugar de exhibición (a sala de proxectos) e o seu contorno (a cidade). A idea central é converter o Anexo no lugar de conclusión ou formalización das experiencias, fronte á consideración tradicional do museo como lugar de exposición do obxecto.

Os artistas invitados presentan propostas que nacen fóra dos límites do museo, e que modifican as coordenadas lóxicas de percepción. Neste caso, Manuel Eirís intenta reconstruír o significado dun lugar, deslocalizando a exposición e implicando ao visitante nun percorrido de ida e volta, entre o museo e unha vivenda abandonada do Casco Vello vigués, situada na Rúa Palma, nº 9, 2º, que é o xerme de todo o proceso e que finalmente deu título ao proxecto expositivo.

Os desocultamentos —resultado da acción de restarlle capas a unha parede, levados a cabo na casa abandonada— son o punto de partida desta exposición. Un laborioso proceso no que o artista traballa a partir das capas que se foron superpoñendo en paredes e teitos ao longo do tempo. No Espazo Anexo atópase a documentación da acción: restos de parede, vídeos, fotografías, apuntamentos en témpera, debuxos e unha proxección de diapositivas. Na vivenda, a orixe do proceso, a última capa de cada desocultamento, coma se estivésemos ante obras pictóricas. Coa axuda dun plano que se ofrece ao visitante, o percorrido entre as dúas sedes vincula o museo coa vivenda, desprega o Espazo Anexo cara ao exterior e permite ao público coñecer as dúas fases do proxecto, ofrecendo dúas lecturas complementarias.

Así, unha vez visitada a exposición do Anexo, existe a posibilidade de ver o lugar onde foron feitas as pezas. Na casa, o visitante atopa rectángulos escarvados nas paredes, cada un deles como a última capa desocultada. Cada rectángulo, cada desocultamento, crea interesantes relacións entre o obxecto físico (na vivenda abandonada) e a imaxe (no Anexo), que rexistra os diferentes estadios dunha parede, ademais de testemuñar unha acción da cal interesa todo o seu proceso. Na casa abandonada vense as pezas físicas, tanxibles —as paredes mesmas—, pero paradoxalmente a súa inmediatez non as fai máis reais que os vídeos, fotografías e apuntamentos do Anexo, porque o que estas pezas representan é só os restos dunha acción que foi pensada e escollida como obra artística en si mesma. Cuestiónase, polo tanto, se o que aparenta ser unha pintura ou un cadro, non é outra cousa que os restos doutra peza.

É importante salientar a lectura circular, non unidireccional, do conxunto, na que a casa e o espazo museístico teñen igual relevancia, e na que ambos os dous lugares se poden ler como pezas que se retroalimentan, como partes dun todo.

TEXTO DA COMISARIA

“No conxunto da obra de Manuel Eirís percibimos esa relación do artista co tempo, ao que interroga na súa primeira serie Autorretratos dende a mirilla, cuxas imaxes se tomaron nunha vivenda que ocupou en Compostela. A cámara, situada no ventaíño da porta da casa, suplantaba o papel do artista ao ser activada automaticamente cada vez que soaba o timbre.

O fortuíto dunha acción deixada en mans do azar repítese na súa serie Debuxos ocultos, onde o papel de calco sobre branco absorbe a marca pero non o trazo do lapis que a debuxa. O artista concibe a acción co propósito de abstraer (abs-: ausencia / -traer: dende a), intención que se repite nos desocultamentos, punto de partida desta nova exposición estruturada en dúas fases e situada en dous lugares da cidade: o Espazo Anexo do MARCO e unha vivenda abandonada no Casco Histórico de Vigo. O percorrido entre as dúas sedes vincula o museo coa vivenda e permite ao visitante coñecer as dúas partes complementarias do proceso, dúas lecturas deste, que aluden á experiencia de fuxir dos lugares convencionais de exposición do obxecto.

* * * * * * * * *

Eirís define o desocultamento como a pintura, en soporte fotográfico ou videográfico, resultante da acción de restarlle capas a unha parede. É un proceso lento e meticuloso no que o artista reconstrúe o significado dun lugar ‘traendo dende a ausencia’ capas de sedimentos acumulados ao longo dos anos. Heidegger era partidario de reinterpretar a tradición rememorando, volvendo ao momento no que se creou, á orixe, despoxándose de interpretacións e prexuízos. A deconstrución derridiana non sería posible sen Heidegger, e tampouco o traballo de Manuel Eirís, que foxe da intención destrutora que podería asociarse a unha deconstrución para desedimentar; para destapar as capas superpostas co fin de adiviñar o oculto en cada estrato. O artista móstrase como un ser capaz de cuestionar, coa autodeterminación que implica o Dasein de Heidegger, quen constitúe, en moitos aspectos, un punto de partida dos desocultamentos.

Esa operación consistente en desfacer unha edificación para ver como está constituída —sentido que deu Heidegger aos termos Destruktion ou Abbau— protagoniza a mostra. No Espazo Anexo atópase a documentación do proceso: os vídeos, debuxos, fotografías, escaiolas e restos. Na vivenda achamos a orixe da acción, a última capa de cada desocultamento, coma se dunha exposición de pintura se tratase, só que os cadros, en vez de estar pendurados nas paredes, se atopan furados nestas. As vivendas, os espazos que foron habitados, gardan a memoria do tempo, da vanitas, concepto clave na obra de Eirís, quen tamén nos fala de pintura expandida, de ruína, de azar e de ausencia. A parede orixinal, o marco que rodea o resultado do desocultamento, encárgase de mostrarnos o principio da acción, xa estática no momento que a contemplamos in situ. Cada vez que aparece unha nova capa de pintura, o artista destruíu xa a precedente. Unha destrución que se acumula no chan, en forma de po, aos pés de cada unha das superficies intervidas. A memoria do proceso tamén permanece.

Enviar comentario
Categorías
Isaac Cordal