NOSSOMOSSON
xoves, 1 de marzo do 2012, por madamme.

Do 12 de Marzo ao 27 d Avril no espazo Normal de A Coruña:
NÓS SOMOS SON: hábitat sinestésico interactivo

comissariado colectivo: alg-a + binaural + escoitar + parto

toda a info en http://nossomosson.org/

O son, terra libre da linguaxe, por fin. Lonxe da dualidade, corpo e mente, espíritu e materia, natureza e civilización, profano e sagrado, onde resoan as esencias comúns do universo e dos seres humanos, unha viaxe cara á nosa orixe. Ser orixinais. A materia e o universo como ondulación, as relacións como resonancias, os afectos como vibracións.

Efectivamente, nós somos sòn.

Unha exposición que se podería encadrar dentro da arte sonora, unha exposición como ecosistema e territorio de posibilidades, en que se propón un corpo a corpo coas instalacións sonoras, onde o visitante se poida converter nunha terminal que activa, desactiva, modula e, en definitiva, habita ese territorio á súa vontade. Sen intermediarios nin conceptos. Puro fluír, presente continuo, corpo e máquina fundidos nunha éxtase para os sentidos.

Enviar comentario
Comentarios
12 de marzo do 2012 02:56

:: hoxe inauguración ás 20.ooh
+ mini concerto with

Patxi Valera (aquófono)
Berio Molina (laptop)
Servando Barreiro (laptop)
mdmme (clave)

apertas supersónicas

14 de marzo do 2012 05:17, por mdmme
19 de marzo do 2012 11:25, por mdmme

Normal d Coruña: Xoves, 22 de marzo. Día Mundial da Auga. CONCERTO RELAXANTE

AquófonoV6 Micronecta. Sonata do Sonho. Instalación+ Concerto Chill-Out.
Patxi Valera (Parto, GZ)
Instalación atendida: 18.30 – 20h
Concerto relaxante. 20h

O Aquófono é un instrumento musical sen precedentes xa que o seu son se produce por medio da percusión controlada de pingas e chorros de auga sobre oito sensores piezoeléctricos de contacto. A partir dun traballo específico composto para o Pavillón de Galicia da Expo da Auga (Zaragoza 2008) e centrado na relaxación, suscitouse por vez primeira a posibilidade de construír un aquófono portátil máis pequeno e lixeiro co ánimo de poder seguir avanzando na área dos concertos do sono, baseados nunha coidada estrutura sonora con influencias minimalistas, tempos moi lentos, sons naturais e escalas musicais de Oriente.

Nun mundo excesivamente dominado polos estímulos visuais cotiáns, a “Sonata do Sono” supón un momento de reflexión sobre o papel dos espectadores na arte actual. A hipótese principal do proxecto descansa na idea de que o público pode e debe deixar de ser tratado como un simple ente receptor de cóxegas artificiais, xa que, en cada situación particular o feito artístico en si mesmo pode apelar directamente á sensibilidade e subxectividade individual de cada persoa.

Os concertos do sono foron impulsados en Xapón por Fumio Miyashita, creador da Healing Music, para tratar de inducir ao espectador a un estado de máxima relaxación corporal e mental. Inspirados en sons naturais, estes eventos organízanse a partir dunha estrutura musical sinxela, sen alteracións bruscas nin cambios de ritmo inesperados.

Adoitan celebrarse principalmente en lugares que convidan á calma e ao descanso, preferiblemente en espazos con colchonetas no canto de asentos, onde a xente se poida sentir cómoda e libre. Cando entramos en estados de relaxación profunda, si o noso estado de ánimo é tenso, triste ou alegre, mentres durmimos pola noite ou ben cando estamos espertos e activos, o debuxo das ondas cerebrais que reflicten a nosa actividade encefálica varía de forma radical.

A estrutura da Sonata do sono inspírase nos estudos de electroencefalograma (EEG) que informan sobre esta actividade eléctrica cerebral no ser humano durante as diversas etapas do sono, divididas principalmente en dúas etapas: sono non REM e sono REM. A etapa de sono non REM, tamén chamada sono lento divídese en catro fases sucesivas desde a primeira, lixeira, de transición da vixilia ao sono, ata a fase catro, caracterizada por ser a fase de sono máis profunda. Tras estas catro fases comeza a primeira etapa de sono REM, para pechar unha secuencia cotiá que en situacións de normalidade, o cerebro tende a repetir tres veces durante todas as noites da nosa vida.

Prepárense para unha plácida viaxe sonora, sempre amena e interior e dispóñanse para a escoita deste instrumento único inspirado polos elementos da natureza. Aproveiten a ocasión brindada para se sentiren case tan ben como na súa propia casa e reláxense comodamente tombados ou recostados para poderen gozar da experiencia plenamente. Proponse unha cita íntima baixo unha choiva sonora leve e amable, unha oportunidade única para pechar os ollos e mergullarse a fondo no interior da música da auga.