O Faiado de Culturgal
xoves, 1 de decembro do 2011, por isaac-cordal.

Se Culturgal é o fogar da cultura galega, o Faiado é ese cuarto da casa no que se agochan entre as sombras as cousas que non entendemos ben, as propostas máis alternativas e independentes. A Feira das Industrias Culturais ofrécelle á cultura que se autodenomina “marxinal” un espazo no que atoparse e amosarse, un lugar no que comunicarse entre si, co público e coa propia industria.

Con esta premisa, Juanma LoDo comisaria unha programación “marxinal” baseada no diálogo e na creación colectiva, que se estenderá o sábado dende as 12h30 ata o peche da Feira. O prato forte será ás 18h a mesa redonda Cultura marxinal en Galicia. CULTURA CON MAIÚSCULAS, que contará coa presenza de Carlos Oroza (poeta); Carlos Vilas Bugallo (artista plástico); Isaac González (Proxecto-ds); Ania González (Culture Workers); Tayone (Amalgama); Daniel López ou Víctor E. Perez (Baleiro); Geeksha (Beka Iglesias) (Olholivre); e Chiu Longina, como moderador.

A programación do Faiado arrancará ás 12h30 cunha sesión de presentación de proxectos aberta a calquera persoa que teña algo que dicir en relación coa cultura que se fai á marxe das industrial culturais e que queira compartir as súas inquedanzas. Baixo o título Queremos coñecerte / verte / ouvirte, presentaranse, entre outros, Filminho (festival transfronterizo), Culture Workers, Baleiro, Tamara de la Fuente (fotógrafa), Proxecto-ds, Amalgama, Ucranian Bride (electrónica experimental e multimedia), Andrés Magan (ilustrador) e Tayone (artista plástico). É unha convocatoria aberta a todo o mundo: se es artista, creador, activista, membro dunha asociación ou público habitual de propostas á marxe da industria, podes achegarte ao Faiado e contar o teu proxecto. As intervencións, de entre cinco e dez minutos, serán programadas segundo a orde de chegada e poderán acompañarse de proxeccións audiovisuais achegadas polos propios participantes. Haberá outra sesión de presentación de proxectos ás 16h30.
Para completar a panorámica de proxectos marxinais, haberá tamén unha presentación de proxectos próximos a Galicia, Máis aló da fronteira, que prestará especial atención ás ropostas que chegan do outro lado dos lindes de Galicia con Asturias, Castela e León e Portugal. Algúns dos proxectos que confirmaron a súa presenza son o Colectivo Trendelenburg (colectivo audiovisual) de Asturias; Henrique Silva, Atelier Gondar, de Portugal; e Francisco Porto, La Lata Muda , de Salamanca. A cita é ás 17h.

Con todas estas propostas irase creando ao longo de todo o día, de xeito colectivo, un Mapa Cultural de Galicia no que se irán localizando persoas ou proxectso que desenvolven as súas actividades culturais á marxe da industria. Para completar o mapa, porase a disposición de todos os participantes no Faiado unha ficha que poderá ser cuberta con datos do proxecto, contacto e unha breve descrición da actividade. Haberá, ademais, un apartdo a disposición de todas as persoas que a queiran intervir e participar da obra colectiva.
Finalmente, a partir das 20h, celebrarase unha sesión de improvisación aberta a todo tipo de disciplinas artísticas, un Happening colectivo no que poderá participar todas as persoas que queiran. Unha experiencia que busca atopar unha forma de comunicación a partir da arte na súa vertente mais espontánea e efémera.

Descarga o programa completo da feira, en pdf

Constrúe o teu propio horario

Comentarios
.