O copyleft explicado aos nenos, por Wu Ming 1
martes, 18 de xaneiro do 2005, por nautile.

fonte: arredemo.info

Publicado en Il Mucchio Selvaggio, número 526, 25 de Marzo de 2003.
Enviado por Miguel-Ho
Traducción ao español de José Luis Aznarte M.
Traducción ao galego de Carlos

"Pero... Se calquera pode copiar os vosos libros e pasar sen compralos, ¿de qué comedes vós?"

Esta pregunta fáisenos a miúdo, as máis das veces seguida da seguinte observación: "O copyright é necesario, ¡é preciso protexer aos autores!"

Este xénero de afirmacións revela canto fume e canta area adoitan botar a cultura dominante (baseada no principio de propiedade) e a industria do entretemento nos ollos do público. Nos medios e nas nosas mentes perpetúase a ideoloxía confusionista en materia de dereitos de autor e propiedade intelectual, malia o renacer dos movementos e a transformación en curso estean a póla en crise. Só a parásitos e gorróns lles convén facer crer que "copyright" e "dereito de autor" son a mesma cousa, ou que exista a contraposición entre "dereito de autor" e "piratería". Non é así. Os libros do colectivo Wu Ming son publicados baixo a seguinte nota: "Está permitida a reproducción total ou parcial desta obra e a súa difusión telemática sempre e cando sexa para uso persoal dos lectores e non con fins comerciais". Esta nota baséase no concepto de "copyleft", inventado nos anos oitenta polo "movemento polo software libre" de Richard Stallman e compañía, e está sendo aplicado en moitos sectores da comunicación e a creatividade, da divulgación científica e das artes.

"Copyleft" (un denso xogo de palabras intraducible) é unha filosofía que se traduce en diversos tipos de licenzas comerciais, a primeira das cales foi a GPL (GNU Public License) do software libre, nacida para tutelar este último e impedir que ninguén (por exemplo Microsoft) se apropie e privatice os resultados do traballo de comunidades libres de usuarios e programadores. Para quen non o saiba, o software libre caracterízase por ter o "código aberto", o que o fai potencialmente controlable, modificable, mellorable e copiable polos usuarios.

Se o software libre fose simplemente de dominio público, antes ou despois acabaría por caer baixo o control dos voitres da industria. A solución foi reverter o copyright como se dun calcetín se tratase, facendo que pasase de ser un obstáculo á libre reproducción a ser a garantía suprema desta última. En palabras simples, se eu coloco o copyright sobre a miña obra, eu son o seu propietario, e este feito outórgame poderes abondo para dicir que coa miña obra ti podes facer o que che pete. Podes copiala, difundila, modificala etc. O que non se te permite facer é prohibir que outro faga o mesmo, é dicir, non podes apropiarte dela e impedir a súa libre circulación: non podes colocar copyright sobre ela, porque xa hai un posto e me pertence, e ademáis se o fas, búscaste a ruina e vas ter rifa conmigo.

En resume, un cidadán normal, que non ten cartos para mercar un libro de Wu Ming, ou que non quere compralo encadernado, pode tranquilamente fotocopialo, escanealo usando OCR ou -solución moito máis cómoda- descargarlo gratis do noso sitio web: www.wumingfoundation.com. Esta reproducción non ten ánimo de lucro, e polo tanto está perfectamente autorizada por nós. Iso si, se un editor extranxeiro quere facelo traducir e comercializalo no seu país, ou se un produtor cinematográfico quere trasladalo á gran pantalla, iso é unha reproducción con ánimo de lucro, e polo tanto estes señores terán que se pór en contacto connosco e pagarnos unha cantidade, porque é xusto que nos "lucremos" nós tamén, xa que fomos nós quen o escribimos.

Volvendo á pregunta inicial: ¿non estamos perdendo cartos?

A resposta é simplemente non. Cada vez máis experiencias editoriais demostran que a lóxica "copia pirata = copia non vendida" non ten nada de lóxica. Se non fose así, non se comprendería o feito de que a nosa novela Q, descargable gratuitamente dende hai tres anos, teña chegado á duodécima edición e teña superado as duascentas mil copias vendidas.

En realidade, no ámbito editorial, canto máis circula unha obra, máis vende. Outros exemplos disto veñen incluso dun país obsesionado coa propiedade intelectual como son os EEUU, e foron descritos con cristalina precisión polo meu colega Wu Ming 2 nun artigo que pode lerse aquí: copyright1.

Incluso sen incomodar ao Massachussetts Institute of Technology, chega con explicar o que está pasando cos nosos libros. Un usuario X conéctase ao noso sitio e descarga, digamos, 54. Se o fai dende o traballo ou a universidade e o imprime alí, non gasta un peso. X leo, e mólalle. Mólalle de tal xeito que decide regalalo, e por suposto non pode presentarse na festa de cumpreanos cun tocho de folios A4. Polo tanto, encamiñase á libraría e mércao. Unha copia "pirateada" = una copia vendida. Hai quen descargou o noso libro e, despois de o ler, regalouno seis o sete veces. Unha copia "pirateada" = varias copias vendidas. Incluso aqueles que non teñen cartos para regalos comentan a outros que eles leron o libro e que lles mola, co que máis tarde ou máis cedo, alguén o mercará ou seguirá o proceso anteriormente descrito (descarga-lectura-compra-regalo). Se hai alguén a quen o libro non lle gusta, polo menos non terá gastado nin un céntimo.

Deste modo, como acontece co software libre e co Open Source, reconcíliase a esixencia dunha xusta recompensa polo traballo realizado por un autor (ou máis precisamente por un traballador do saber) coa salvagarda da reproducibilidade da obra (é dicir, do seu uso social). Exáltase o dereito de autor reprimindo o copyright, na cara dos que cren que son a mesma cousa.

Se a meirande parte das editoriais aínda non se apercibiron desta realidade e son conservadores en materia de copyright, é por cuestións máis ideolóxicas que mercantiles, aínda que cremos que non tardarán en abrir os ollos. O mercado editorial non está en risco de extinción como a industria discográfica: son distintas as lóxicas, son distintos os soportes, son distintos os circuitos, a forma de consumo tamén é diferente, e, sobre todo, o mercado editorial non perdeu aínda a cabeza, non ten reaccionado con rusgas en masa, denuncias e procesos á gran revolución tecnolóxica que "democratiza" o acceso aos medios de reproducción. Hai uns cantos anos, unha gravadora de CDs estaba dispoñible únicamente para un estudo de gravación, mentres hoxe a temos na casa, no noso ordenador persoal. Por non falar do peer-to-peer, etc. Isto é un cambio irreversible, fronte ao cal toda a lexislación sobre propiedade intelectual convértese en obsoleta, fica en estado de putrefacción.

Cando se inventou o copyright, hai tres séculos, non existía ningunha posibilidade de "copia privada" ou de "reproducción sen ánimo de lucro", xa que só un editor tiña acceso á maquinaria tipográfica. Os demáis estaban obrigados a renunciar ao libro se non podían mercalo. O copyright non era percibido como anti-social, era a arma dun empresario contra outro, non dun empresario contra o público. Hoxe a situación vén de mudar drásticamente, o público xa non está obrigado a comprar, ten acceso á maquinaria (computadores, fotocopiadoras, ... ) e o copyright é unha arma que dispara contra a multitude.

Queda moita cousa por dicir, e debemos volver ao básico: partimos do recoñecemento da xénese social do saber. Ninguén ten ideas que non fosen directa ou indirectamente influenciadas polas relacións sociais que manten nas comunidades das que forma parte, e se a xénese é social, o uso debe permanecer social pola volta. Pero isto é outra longa historia. Espero terme explicado ben. Para más información: giap@wumingfoundation.com.

copiceibe
copiapegainventa

Enviar comentario .