OMEGA, UNHA ORQUESTRA DE IMPROVISACIÓN LIBRE
mércores, 2 de xullo do 2008, por nela que.

Fito Ares (saxo soprano, frauta), Elena Vázquez Ledo (violín), María Move (voz, violoncello), MIG (guitarra eléctrica), Fernando Abreu (clarinete, clarinete baixo), Pablo Pérez (contrabaixo), Madammecell (piano), Pablo Rega (dirección), Pablo Sax (saxo soprano, saxo tenor), Xesús Valle (computadora), Quique Otero (teclado), Bernardo Martínez (saxo alto, clarinete),Patxi Valera (batería paraguas), LAR Legido (batería), Xacobe Lamas (violín)...Estes artistas son algúns dos componentes da OMEGA, UNHA ORQUESTRA DE IMPROVISACIÓN LIBRE.

OMEGA é un proxecto artístico de vangarda para activar e expandir a nosa experiencia do feito sonoro, tanto no noso contorno como na nosa vida cotiá. Un espectáculo lúdico e dinámico de inmersión na abraiante riqueza e complexidade do mundo da creación sonora a tempo real.

OMEGA é unha orquestra moi especial cunhas características configurativas particulares que fan dela un colectivo musical único en Galiza. Unha vintena de músicos galegos que proceden de moi diversos ámbitos do mundo da música conxúganse para conformar esta gran orquesta experimental de improvisación libre guiada baixo condución xestual.

A hetereoxeneidade na procedencia dos compoñentes vese igualmente reflectida na singular convivencia dos instrumentos máis dispares e insólitos: cuncos tibetanos, computadores, xoguetes, saxofóns, cazolas, violíns, reclamos para paxaros, pianos, libros, chocas, baterías, gargarexos, contrabaixos, frautas do mundo, máscaras e perrucas, clarinetes, axóuxeres, guitarras eléctricas, maracas chamánicas, bandurras, canto harmónico… Mesturas de jazz con canto gregoriano, música clásica con cacofonías, textos sobre dereito penal con música electrónica, flamenco con sonoridades chinesas…Toda esta paleta permítelle á OMEGA dispor dunha amplísima gama de recursos, timbres e rexistros de todo tipo, moi pouco comúns nas formacións musicais de carácter convencional...

Podedes disfrutar deste espectáculo incomparable na sala NASA de Compostela o Mércores 2 e Xoves 3 ás 21:30h. no remate a unha tempada de intensa actividade na que se foron presentando fragmentariamente todas as súas seccións (ventos, cordas, electrónica, percusión, voces).

OMEGA, UNHA ORQUESTRA DE IMPROVISACIÓN LIBRE
Enviar comentario
Categorías
nela que