Oaxaca: A Montaña Branca do Destino.
sábado, 11 de novembro do 2006, por Isaac Cordal.
categorías: Acción Social

Sí, é certo, meus amigos, as cousas que acontecen en Oaxaca non son exactamente as que os medios de información adscriben en Europa. As cousas aquí son realmente desconcertantes e de unha conflictuación maior. O que non quita que a desbordante capacidade de resitencia creativa do ser humano se amplifique ante estas masacres contra a democracia e a libre determinación comunitaria dos pobos oaxaqueños. Sobre todo cando a dictaminación da conducta que os pobos oaxaqueños describen é contradita unha e outra vez polos portadores da lóxica "humanitaria" e "condescendente" dos gobernadores (priistas ou non) que só ven no seu bolsillo e na súa despreciable conducta caciquil e depredatorial a victoria contra toda democratización formativa do ser. Aquí en Oaxaca a realidade é moi diferente a como coido aí se pensará. Oaxaca é unha comunidade integrada por 13 etnias indíxenas coas súas respectivas linguas e coas súas respectivas formas de vida e de coñecemento. Eses 13 pobos son sintéticos e integradores da diferencia dos outros, é dicir, non son xerárquicos e non son verticais: son pobos de raíz moi antiga que conservan vivo o seu coñecemento, a súa forma de vida, de existencia, de crenza, de extensión consciente, de creación. Son pobos fundamentados na que lle chaman a Guelaguetza (en zapoteco cuxo significado é "don de dar, de compartir"): festa que se celebra unha vez ao ano no centro do estado de Oaxaca, na cidade, centro cerimonial e sagrado dos antigos, a Montaña Branca, á que cada un dos pobos leva un regalo, un don, algo para entregar aos outros pobos irmáns. Un regalo que marca a súa conciliación democrática, existencial, interconectiva. Ese "don", esa forma de convivencia estana perdendo os que, coma o gobernador Ulises Ruíz Ortiz, concilian a súa existencia co poder e coa aspiración tiránica de despotismo e depredación. Os pobos de Oaxaca din rotundamente NON a esa enfermiza forma de existencia, buscando novas conciliacións e creacións que acaden unha resolución directa e aberta. Eu, coma oaxaqueño de adopción, tamén me inclúo nesa crítica, nesa rotunda crítica ao poder falocéntrico e destructor.

Para manterse informado, creo que podedes ver as seguintes web:

www.oaxacalibre.org

www.asambleapopulardeoaxaca.com

www.radioplanton.net

www.laneta.apc.org/oaxaca/index.html

mexico.indymedia.org/oaxaca

Aparte, a creatividade da xente vinculada ao eido artístico está comezando a levantarse. Por exemplo un grupo de artistas (pintores, artistas sonoros, performers, etcétera) comezamos a definir unha rede creativa que rompa a intervención política da PFP (policía federal preventiva) nas rúas. De xeito que, por exemplo agora, o paseador turístico está sendo tomado por artistas: arquitectos, instaladores, actores, pintores... rompendo a cruenta trivialidade que a imposición metodolóxica do sistema neoliberal intenta sobre de nós. O conflicto de Oaxaca, con todo o que implica, e con todo o que as consigas din: "la revolución del siglo XXI aquí se está forjando: la libertad de la mente y del corazón nadie nos la arrebatará" está dando a quecer froitos novedosos no eido creativo. Por exemplo, estou coordenando cun escritor catalán un proxecto de Dvd interactivo que mediante o lúdico e o irreverente desestructura-deconstrúa a situación límite que vive esta fermosa terra onde os verdadeiros nahuales aínda campan polos montes transformados en Luz, en pura Luz de mañá.

Na homenaxe concurrente de todos os desaparecidos (que cada día son máis) e de todos os mortos clamo a mesma consigna que todos os pobos liberados do mundo:

Nunca Máis ningún tipo de Represión.

Roberto Abuín González.

Enviar comentario
Categorías
Isaac Cordal