Play-doc 2009
luns, 23 de febreiro do 2009, por Isaac Cordal.
categorías: Axenda, Festivais

Do 18 ao 22 de marzo próximos, no Teatro Municipal de Tui poderase ver unha selección do mellor cinema documental da actualidade: 31 películas procedentes de países tan diversos como Xapón, Reino Unido, Eslovaquia, Irán, México, EE.UU, Lituania, Israel, China ou Polonia, e por suposto de Galicia, que este ano máis ca ningún outro, terá unha ampla representación dentro do festival.

Un xurado internacional encabezado por Georgi Lazarevski, un dos directores favoritos do público de Play-Doc, encargarase de repartir os 9.000€ en premios para as tres categorías a competición dentro da Sección Oficial. Unha sección na que predominan as historias de amor, cargadas de humor e aires de optimismo para estes tempos difíciles.

A Sección Informativa centrarase este ano en dous aclamados directores, o lituano Audrius Stonys e o polaco Bogdan Dziworski, unha autentica “delicatesen” cinematográfica. Tamén a cidade fronteiriza será protagonista nesta ocasión así como os documentais de música, sección imprescindible dentro do festival.

Para completar a súa proposta cultural, o festival ofrece unha serie de eventos paralelos protagonizados polos personaxes dos documentais presentados, como os concertos en directo entre os que destaca o do “Rei do dub” Mad Professor, así como as actuacións dos músicos de “One Man in the Band”. Tamén durante o festival, o artista iraniano Jamshid Aminfar, protagonista do documental “Cyanosis”, exporá parte da súa obra.

Unha programación moi especial para celebrar o quinto aniversario de Play-Doc.

Atoparás fragmentos de todas as películas e máis información na páxina web do festival www.play-doc.com

Enviar comentario
Comentarios
23 de febreiro do 2009 05:10, por Antia

Que bien! me queda al lado de mi nuevo hogar!!

Categorías
Isaac Cordal