FRANÇOIZ BREUT [Extensión A Coruña]
Lugar: Fórum Metropolitano da Coruña
Data: Luns, 30 de marzo
Hora: 21.00h
Entrada: 12 euros

As entradas estarán á venda na billeteira do Fórum Metropolitano unha hora antes do concerto, e por anticipado na web de Caixanova ou chamando ao número de teléfono 902 504 500.
Para usuarios do carné xove, xubilados ou desempregados, a entrada ten un prezo de 8 euros.

PRAM [Vigo]
Lugar: Auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo
Data: Martes, 1 de abril
Hora: 21.00h
Entrada: 12 euros

As entradas estarán á venda na billeteira do Centro Cultural Caixanova dúas horas antes do concerto, e por anticipado na web de Caixanova ou chamando ao número de teléfono 902 504 500.
Ao prezo das localidades aplícaselle un desconto do 50% para estudantes e membros da comunidade universitaria, e dun 40% para xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

PRAM [Extensión Santiago de Compostela]
Lugar: Salón Teatro de Compostela
Data: Mércores, 2 de abril
Hora: 22.00h
Entrada: 10 euros

As entradas estarán á venda na billeteira do Salón Teatro dúas horas antes do concerto, e por anticipado na web de Caixa Galicia ou chamando ao número de teléfono 902 434 443.
Ao prezo das localidades aplícaselle un desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

FRANÇOIZ BREUT Ao tempo carnal e lixeira, a preciosa voz de Françoiz Breut retorna en catorce cancións de seu, À l’aveuglette (2008), despois de dez anos a interpretar pezas doutra xente. Debuxante por vocación e por oficio, irrumpiu na música coma por acaso, da man de Dominique A, con quen tropezaría nos corredores da Escola de Belas Artes de Nantes. O autor de La memoire neuve, na altura tamén parella sentimental de Breut, dirixiu e compuxo en 1997 o seu debut homónimo, que viña proseguir a tentativa de reverdecer a chanson a partir de referentes anglosaxóns. Dende aquela, a cantante sería recoñecida por crítica e público como a gran dama contemporánea do pop francés, e as súas dúas seguintes entregas discográficas, Vingt a trente mille jours (2000) e Une saison volée (2005), confirmarían un merecido e irremprazábel lugar na escena independente europea. Nestes dous álbums a nómina de artistas que lle emprestaron composicións á voz de Françoiz foi inmellorábel: Yann Tiersen, Herman Düne, Howe Gelb, Joey Burns ou o propio Dominique A, entre outros. No entanto, Breut escollería 2008 para se converter nunha excepcional escritora de cancións, sen botar en falta colaboracións de luxo. À l’aveuglette inclúe textos poéticos e discretamente autobiográficos, intensidades emocionais e tendencia á melancolía, xunta á súa banda de sempre: Boris Gronemberg (guitarras e batería) e Luc Rambaud (teclados e vibráfono). Trátase dunha aventura sonora na que sobrancean os ritmos (palmas, percusións tribais), mais na que a melodía ocupa outra volta unha posición central. "Xogo coas palabras, mesmo cando tentan fuxir, coma animais salvaxes que non atenden a razóns", canta en "Mots Croises". Trátase, para Françoiz Breut, dun conmovedor e diferente punto de partida, agora en directo.

www.myspace.com/francoizbreut

PRAM De haber discotecas en Saturno, o último álbum de Pram, The moving fronter (2007), sería alí un crebapistas. Un número un marciano e sideral, ateigado de melodías de xoguete hipnóticas e asmáticas ("The empty quarter"), de texturas engurradas e minimalistas ("Iske), de camiños pracenteiramente cósmicos ("Beluga"). Pero a historia de Sam Owen, Matt Eaton e Max Simpson, comandados pola voz espectral de Rosie Cuckston, comezaba en Birmingham na década dos 90, no selo Too Pure, ao tempo que a primeira fornada de bandas post-pop (Laika, Mouse on Mars, Seefeel, Moonshake, Stereolab, ...). Con Helium (1995), The museum of imaginary animals (2000) ou Dark island (2003) demostraron andar sobrados de habelencia e mestría para cruzaren lounge con electrónica e algunhas pingas de jazz, en alucinados universos paralelos. Pram soan coma unha boa película de ciencia ficción, sen efectos especiais de mercadotecnia, entre David Lynch e Tim Burton, ás veces desacougantes e outras, doces e tenros. Ao vivo tecen as súas cancións á calor de imaxes de seu ou de vellos filmes experimentais en branco e negro, aventurándose sempre ao outro lado do espello de Alicia. Case dúas décadas despois, ben acreditados pola fantasmagórica emulsión de ventos, xilófonos, theremíns, teclados e marimbas do aplaudido The moving fronter, o grupo británico aínda non perdeu nin un gramo de vixencia, quer no estudio de gravación como enriba dun escenario.

Foto de Antía Sánchez no Sónar 2008.

www.pram.uk.net | www.myspace.com/pushthepram

máis info en www.sinsalaudio.org | visita tamén o canal de SINSALaudio en Youtube

.