PROGRAMACIÓN SINSAL 7 Primavera - Verán
mércores, 29 de abril do 2009, por Isaac Cordal.

PROGRAMACIÓN SINSAL 7 Primavera - Verán
BLACK DICE | WAVVES + INDÓMITOS | KONONO No. 1 | JOSÉ GONZÁLEZ

Black Dice
Lugar: MARCO de Vigo
Data: Martes, 5 de maio
Hora: 20.30h
Entrada: 10 euros

As entradas pódense adquirir dende dúas horas do concerto na billeteira do museo cun desconto do 50 % para estudantes e a comunidade universitaria Vigo.

BLACK DICE Procedentes de Brooklyn, Black Dice é unha das bandas de rock’n’roll máis explosivas, radicais e viciosamente únicas do mundo. Os irmáns Eric e Bjorn Copeland e Aaron Warren levan xa dez anos gravando, tocando e asollando audiencias coa súa anómala doutrina musical. Dende a caótica mestura de trash oitentero e ruído agresivo dos comezos, o trío foi mudando con cada disco e época da súa carreira. Na actualidade seguen a manter elementos do noise e da experimentación proto-industrial, pero con matices de minimal, electrónica ou hip-hop, e cunha visión psicodélica do son somesa a influencias do punk, da tropicalia e do dub. A única constante en Black Dice é unha estética irreverente, agresiva e caseira, que se rebela contra a nosa cultura popular e a reconfigura decote. Agora presentan o seu quinto álbum de estudo, "Repo", acabado de editar polo selo dos Animal Collective.

www.myspace.com/blackdicemyspace

Wavves + Indómitos
Lugar: MARCO de Vigo
Data: Sábado, 30 de maio

Hora: 20.30h
Entrada: 8 euros

As entradas pódense adquirir dende dúas horas do concerto na billeteira do museo cun desconto do 50 % para estudantes e para a comunidade universitaria Vigo.

WAVVES Por moito que Nathan Williams, alma e cerebro de Wavves, se teña por seguidor incondicional dos Beach Boys, a súa música záfase das melodías doces e soleadas do pop californiano para se instalar nun campo minado no que operan No Age, Times New Viking ou Mika Miko. Punk lo-fi e espíritu garaxeiro zarrapicado de estribillos que semellan acabados de saír do forno para unha banda que, logo de se estrearen en 2008 cun álbum homónimo e autoeditado, encetaba 2009 coa reedición dese mesmo traballo discográfico a través do selo De Stijl. Malia que Wavves é un proxecto unipersoal que empeza e remata co propio Williams, conta ao vivo coa presenza de Ryan Ush para expandirse coma un estrondoso tsunami.
www.myspace.com/wavves
INDOMITOS é un trío vigués, aínda que formado en Glasgow a principios de 2008. Despois dunha temporada tocando por terras escocesas decidiron voltar a Galicia, onde a finais do ano publicaron o seu primeiro LP homónimo no selo El Beasto. Indómitos fan canciones mínimas e enerxéticas de punk escuro, cun toque pop, e moi moi sucio.

www.myspace.com/indomitos

Konono No.1
Lugar: Centro Cultural Caixanova
Data: Sábado, 20 de xuño

Hora: 22.00h
Entrada: 15, 12 ou 10 euros

As entradas poden adquirirse por anticipado na billeteira electrónica de Caixanova (www.caixanova.es) e no teléfono 902 504 500, ou no propio teatro durante día do concerto. A comunidade universitario de Vigo e os estudantes teñen un desconto do 50%.

KONONO No. 1 Iniciado hai 25 anos por Mingiedi, un virtuoso do likembé ou piano de polgar, instrumento tradicional do seu país, o proxecto Konono No. 1 deixa de lado os tópicos da música africana -tambores contundentes e delicadas koras- para espallar unha proposta singular: con métodos puramente artesanais, empregando ferralla ou mesmo precaria tecnoloxía colonial, como os altofalantes que usaban os belgas para difundiren a súa propaganda, electrifican os sons da etnia bazombo para producir un son inverosímil, saturado e distorsionado. O que empezara coma un xeito de combater o infernal ruído das rúas de Kinshasa é hoxe un espectáculo que conta coa beizón da crítica especializada, como as revistas Wire ou Mojo, e dos medios xeneralistas máis influíntes, caso do New York Times ou The Guardian. Os artífices de Konono No. 1 veñen dunha rexión estremeira entre Congo e Angola. O seu repertorio prende na música ancestral, pero a partir da improvisada amplificación, e case dun xeito involuntario, a súa sonoridade enfía un camiño distinto que a emparenta coas propostas electrónicas e experimentais que se facturan en Europa ou nos EUA. "Congotronics", o seu primeiro álbum de estudio, gravouno e produciuno Vincent Kenis, un gran coñecedor da música congolesa e responsábel do son, entre outros, de Zap Mama, Taraf de Haïdouks e Koçani Orkestar. Publicado en 2005 polo selo Crammed, foi un éxito inmediato e colocou aos Konono Nº 1 no foco de moitos músicos de vangarda, entre eles a islandesa Björk, para a que gravaron un tema en 2008.

www.myspace.com/konononr1 | www.crammed.be/konono

José González
Lugar: Centro Cultural Caixanova
Data: Sábado, 11 de xullo
Hora: 22.00h
Entrada: 15, 12 ou 10 euros

As entradas poden adquirirse por anticipado na billeteira electrónica de Caixanova (www.caixanova.es) e no teléfono 902 504 500, ou no propio teatro durante día do concerto. A comunidade universitario de Vigo e os estudantes teñen un desconto do 50%.

JOSÉ GONZÁLEZ
"Nun mundo de clones musicais, José González é un orixinal e emocionante novo talento", dixeron del na prensa británica. Sueco de pai arxentino, as armas privilexiadas deste bioquímico para se mover polo mapa musical son os arpexios e acordes da súa guitarra clásica, amais dunha voz grave cun acento íntimo. A electricidade non existe no seu universo, que ofrece a cambio preciosas relecturas acústicas de clásicos coma "Teardrop" (Massive Attack) ou "Love will tear us apart" (Joy Division). Tras escoitalo veñen algúns nomes inevitábeis á cabeza: Leonard Cohen, Elliot Smith, Nick Drake. Mais González, ao referir influencias, presenta unha ampla e cando menos sorprendente listaxe de artistas: o malogrado Chet Baker, a Nova Trova Cubana, Will Oldham, os primeiros discos de Silvio Rodríguez, a música brasileña, Fela Kuti e os imprescindíbeis Jason Molina e Tortoise. Se cadra porque baixo a súa coiraza de cantautor habita un lúcido iconoclasta. Con "Veerner" (2000), o seu primeiro traballo, José González conqueriu recoñecemento fóra do circuito da música independente, en parte grazas a un anuncio dunha multinacional que empregaba a súa versión de "Heartbeats", orixinal dos tamén suecos The Knife. En 2007 prolongou con "In our nature" o estilo sinxelo e introspectivo que o fixera inconfundíbel, pero co engadido nalgunhas cancións doutros dous compañeiros de viaxe: Eric Bodin ás percusións e Yukimi Nagamo nos coros. Un proceso de gravación caseiro e letras rebordantes de simbolismo axustaron este segundo traballo discográfico no que, outra volta, menos é máis.

www.myspace.com/josegonzalez | www.jose-gonzalez.com

máis info en www.sinsalaudio.org | visita tamén o canal de SINSALaudio en Youtube

Enviar comentario
Categorías
Isaac Cordal