Pierre Bastien na NASA (23.02.05)
martes, 1 de marzo do 2005, por nenoescuro.

Cando os Reis Magos me regalaron aquel Metaling nº8 pensei, aos meus oito anos, que era o comezo dunha nova era; comprendín que o meu corpo, a miña mente... a miña vida, non eran máis que engrenaxes e poleas, eixes e tensores, tira e puxa. Cando un ano despois chegou o Elektro L vin que tamén eu era un conxunto de impulsos eléctricos.

Faíscas desprendidas do contacto de polaridades opostas que subministraban forza á miña vontade dinámica. Cando tiven abonda capacidade de asociación e descubrín que os dous inventos podían mesturarse en aras dun salto tecnoloxicamente cualitativo que enriquecería á humanidade (canto menos a parte de humanidade que eu atinxía) a emoción e os proxectos irrealizábeis das miñas dúas personalidades -algo así como Jekill e Hyde en versión teleñeco- comezaron a fluír a cachón. Encetei ducias de estruturas mecánicas que nunca rematei porque, para entón, a bioloxía e o pulo hormonal inevitábel fixéranse cargo do meu tecnoloxicamente avanzado sistema mecano-eléctrico corporal, poñendo de relevo a existencia e importancia dun plano visceral até ese instante descoñecido. A atención desviouse daquela a outras leiras e aí ficou todo o anterior, mergullado nesa masa viscosa e multiforme que algúns chaman memoria, pero que eu prefiro denominar inmenso océano de todo o que nunca cheguei a ser. A posibilidade de descubrir nun terceiro paso a relación evidente entre física e música ficou deste xeito truncada.

Non sei se Pierre Bastien experimentou en tempos as mesmas sensacións ca min, mais, se así foi, probabelmente non tivo demasiado éxito, ou simplemente interese, nas relacións sociais da súa etapa púbere, porque, para a nosa fortuna, dispuxo de moito tempo e capacidade de concentración para ser, entre outras cousas, algunha de esas que eu non fun. Sirva esta entelequia como inútil xustificación da miña falla de talento.

Os mecanismos de caprichosa precisión que o músico francés desenvolve en mecanoid posúen esa sutileza do sinxelo no tocante ao son. Poderíase dicir que os ritmos que crea caen de caixón. E en pleno balbordo e orxía naif da orquestra do caos xorden, de mans e pulmóns do músico, unha sorte de melodías espidas que temperan o frío do metal e semellan tensar as gomas e resortes aportando unha envolvente de melancolía ao conxunto.

As estruturas do estraño sistema deixan á vista todo o proceso de xeración do son e isto exerce un efecto interesante para alén da simple ilustración visual. É moito máis que anecdótico, pois a súa observación propicia unha relación diferente no triplo eixe músico-música-espectador. A percepción do estímulo e a súa resposta, da causa e o seu efecto, danlle ao evento musical o valor do acto, co efémero e o particular do seu instante. A sombra proxectada sobre da imaxe da pantalla- un loop obsesivo de accións rexistradas con cámara a tempo real -e o branco e negro de textura case prototelevisiva semellan os bosquexos demostrativos dun home do Renacemento.

Se o espectador consegue fuxir dese tentador estímulo mental, desa gostosa contemplación da cambiante pero cíclica realidade que se lle atravesa diante do rostro, talvez sexa quen de pechar os ollos e ver unha estraña paisaxe; unha extensa chaira sobre a que camiña un home, e da súa man, como un fillo guiado polo pai, un enxeño dunha tecnoloxía extraviada no tempo que camiña ao seu carón; un pequeno robot antigo pero evolucionado e sen a cargante estupidez dos trebellos paranoicos da Guerra das galaxias.

Texto: nenoescuro


Unhas fotos da actuación de Pierre Bastien na Nasa.

Fotos: Isaac Cordal
Enviar comentario .