Play-doc 2011
martes, 29 de marzo do 2011, por Isaac Cordal.

Nota de prensa:

O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, acollerá do 30 de marzo ao 3 de abril un total de 29 películas procedentes de todo o mundo nas súas diversas seccións, que achegarán a Galicia as últimas tendencias do cinema documental. O festival contará na súa sección competitiva con dez filmes que reunirán realizadores consagrados, coma o mestre do found footage e do cinema experimental, o austríaco Peter Tscherkassky, así como novas promesas do xénero como Clio Barnard, galardoada en numerosos festivais internacionais como Tribeca ou o London Film Festival e nomeada aos premios BAFTA pola súa película The Arbor. Marcos Nine e o recentemente premiado en Cannes Oliver Laxe serán os representantes galegos dentro desta Sección Oficial a competición.

Na Sección Informativa destaca a presenza de dous prestixiosos realizadores: o director de culto e un dos máximos representantes do cinema underground norteamericano, Lech Kowalski, que entre outras cousas regresa a Play-Doc para estrear a súa última cinta e Marcel Łoziński, un dos cineastas polacos máis aclamados internacionalmente e aínda descoñecido no noso país. Nomeado a un Oscar por 89 mm from Europe e figura clave da súa xeración xunto a Krzystof Kieslowski, Łoziński dará a coñecer algunhas das súas películas máis destacadas a través dunha retrospectiva.

Entre as actividades paralelas programadas, destacan os concertos de Play-Doc, un clásico dentro do festival, nos que se poderá gozar das actuacións en directo dalgúns dos protagonistas dos filmes presentados na sección Documentais de Música. Aquí é preciso salientar a estrea dun documental que ten o gran músico galego Carlos Núñez como principal protagonista.

Á súa vez, Play-Doc continúa apostando polo talento a través do obradoiro O Retrato Filmado, que por terceiro ano consecutivo reflexionará sobre diversos aspectos cinematográficos. Este proxecto, así coma o seminario Docs in Progress, celebrado o pasado decembro, mostran o interese do festival por fomentar e promocionar a creatividade dos novos talentos mediante maneiras alternativas de formación e produción que serán presentadas durante a celebración do certame galego.

Programa

Obradoiros: Doc in progress e O retrato filmado

Enviar comentario
Categorías
Isaac Cordal