Ponlle nome...
martes, 9 de decembro do 2008, por longina.

www.ponllenome.org

Do 16 de Decembro de 2008 ao 10 de Xaneiro de 2009

Igrexa da Universidade.
Plaza da Universidade, 2.
Santiago de Compostela.

A Vicerreitoría de Cultura da USC presenta na Igrexa da Universidade Ponlle nome, un proxecto realizado no marco da 1ª Edición do Master en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas (2007-2008).

Dende unha condición de espazo inacabado e por encher, Ponlle nome plantexa o papel da arte contemporánea como xeradora de actitudes críticas e participativas na vida cultural dunha cidade.

A iniciativa quere formular unha alternativa aos formatos expositivos e pedagóxicos tradicionais a través da participación directa do público. A intervención consiste na articulación dun espazo de debate aberto, que invita a reflexionar sobre o protagonismo dos públicos na arte actual e a importancia da súa participación nas políticas culturais.

Durante 17 días, a intervención estará aberta ao público en horario de exposición e será o lugar de debates temáticos propostos polos coordinadores, Víctor E. Pérez e Daniel López Abel. Os obradoiros artellaranse sobre o concepto das redes sociais e o seu influxo na arte contemporánea. Neles apostarase pola crítica construtiva dos diversos xeitos de entender a creación colectiva, como a arte pública de novo xénero ou as estéticas relacionais, pero tamén plantexarán de xeito práctico as implicacións sociais e políticas que estas poden conlevar á hora de construír espazos de cidadanía crítica.

Durante o desenvolvemento do debate, o espacio articulará visualmente as propostas dos participantes e as dos visitantes ocasionais, tecendo así unha trama que permita estudar algunhas das moitas cuestións que se lle plantexan á cultura dende os sectores involucrados. Esta acción presenta deste xeito unha doble lectura da aprendizaxe: a dos públicos como produtores activos de cultura e a dos profesionais, aprendendo a formular proxectos socialmente significativos.

Todas as persoas interesadas son convidadas a compartir o espazo da intervención e as inquedanzas dos participantes, para realizar dese xeito unha lectura específica do contexto no que sucede. Neste caso, as relacións entre a cidade, a universidade e o coñecemento compartido.

A quen buscamos?
//////////////////////////////////////////////////////////
Convocamos á participación ás voces críticas co noso contexto cultural. Pode participar calquera persoa que queira compartir as súas inquedanzas sobre a xestión do coñecemento no noso contorno. Interésannos as vosas experiencias estudantís e laborais, os proxectos que teñades na mente ou, simplemente, a vosa curiosidade.

Que propoñemos?
///////////////////////////////////////////////////////////
A posta en común das nosas voces para construír un artefacto público imprevisible: a visibilización dun proceso de debate de xeito aberto e colaborativo. O espazo da intervención, a Igrexa da Universidade, é unha sala de exposicións que nesta ocasión exhibirá o proceso de construción dunha comunidade crítica coas políticas culturais nas que se inscribe.

Como se desenvolve?
///////////////////////////////////////////////////////
A intervención ten forma de obradoiro de debate e acción creativa. O número de participantes será de ata un máximo de 12. Non obstante, as sesións son públicas e abertas, todo o mundo é convidado a acudir e enrolarse no proxecto. Sinalaranse días concretos nos que se convoca a todos os colaboradores. O resto do tempo, o acceso é igualmente libre.

Inscríbete:
Ata o 9 de Decembro de 2008.
Envía a túa proposta de participación a info@ponllenome.org.
Indica nome, apelidos e unha breve descripción do teu interese no proxecto.

DESCARGAR PDF DO PROXECTO

Comentarios
14 de decembro do 2008 09:07, por equipo de ponlle nome

Ola a todos. Recordámosvos que este é un proxecto aberto. Estades todos convidados a participar no momento que queirades. Solo tedes que contactar a través de info@ponllenome.org ou ben pasarvos polo espazo da intervención.

.