ESPAZOS PACIFICADOS.
PRODUCION, COLABORACIÓN, DISEMINACIÓN.
Todo-los que estamos
nesta sala somos accionantes potenciais. E esta xuntanza podería ser
unha reunión organizativa.
Isto sería posible gracias a dous parámetros: un espazo común
e unha necesidade específica.
Se lle engadimos o afastamento institucional para con esas necesidades, xurden
o que dou en chamar “accións de ferrado”.
Refírome
a “accións de ferrado” como analoxía coas “escolas
de ferrado”: aulas improvisadas que se montaban nas aldeias galegas dende
o século XVIII ata os anos 70 do XX, aló onde non chegaba o sistema
de ensinanza oficial. Estas escolas tiñan a característica da
auto-organización, feita polos pais da aldea, que doaban o local e pagaban
ó mestre (normalmente ambulante e con outro oficio) cun ferrado de grao.
Aquí xa
estaban os parámetros sinalados antes:
1-. Un espazo común, cedido por alguén da aldea (espazo normalmente
precario, por exemplo un cortello)
2-.unha necesidade específica: a ensinanza básica duns cativos
periféricos, fora do sistema regrado.
3-. Un abandono institucional que forza á auto-organización, inda
que ísta sexa precaria.
Hoxe en día
esa periferia mítica dilúese, os medios de comunicación
unidireccionais chegan a cada recuncho, as aldeas anexiónanse nunha especie
de cidade interminable, e os contenedores de ensinanza e cultura oficial multiplícanse.
Pero seguimos cos parámetros das escolas de ferrado, culturalmente falando.
¿Qué
é o que sabe a xente sobre arte? Como moito, nomes, datas, obras e slóganes
prefixados. Alternativo.Contemporáneo.Popular. Multimedia.
Pero qué é o que a xente actúa sobre a arte?¿ de
qué xeito a modifica e a volve súa? Semella que esta participación
da xente “normal” está restrinxida á arte popular.
Ou así o entenden xeralmente as institucións gubernamentais cando
programan cultura. Centros sociais inzados de cursos de baile rexional, bordado,
pandeiro, corais.
Deben pensar que algo “contemporáneo” escapa a calqueira
entendemento popular. E xa non falar de “arte-acción” que
soa a desobediencia civil. “Multimedia” atráelles pero a
entenden case sempre como algo tecnolóxico e espectacular.
Precisamente “espectacular”
é a política que se segue dende as esferas de poder. Tanto as
institucións públicas como as entidades privadas (fundacións
bancarias, normalmente) seguen esta norma da grandilocuencia: enormes campañas
publicitarias das súas exposicións e propostas culturais, nomes-estrela
do panorama artístico dixerible, cadaleitos arquitectónicos onde
deitar á cultura regrada.
Isto é doado de recoñecer en exemplos coma a Cidade da Cultura
en Santiago de Compostela, ese cadáver de estructuras e grúas
que amenaza con converterse no novo logotipo da cidade; e que xa non poderá
quitarse o estigma do que representa: unha pacificación (ou neutralización)
da creación.
Pero a sombra do “espectacular” planea por riba de tendencias políticas.
A aposta multimillonaria da nova Xunta por un macroespectáculo itinerante
que tenta englobar unha mostra da cultura contemporánea galega, quédase
en fórmulas manidas e seguras. E moitos outros proxectos de conteúdos
comprometidos coa realidade social quedan no caixón por incompatibilidade
con estas mostras faraónicas. Outra vez, a pacificación cultural
que fai da arte un xogo de maxia.
Os grandes orzamentos e premios. A cultura dos concursos na vez da cultura do
cultivo sostible. Un premio de 6000€ pode lucir nos xornais, pero a 20
artistas máis non se lles pagan nin os gastos de producción. Non
se distribúe, fanse titulares de prensa.
Os espazos pacificados, a través de estructuras que non permiten a iniciativa,
a re-composición continua por medio do habitante individuo ou colectivo,
como ben dí Manuel Delgado no seu “Animal urbano”:
De ahí
esa fundamental distinción entre la ciudad y lo urbano debida a Henri
Lefebvre1. La ciudad es un sitio. Lo urbano es algo parecido a una ciudad efímera,
"obra perpetua de los habitantes, a su vez móviles y movilizados
por y para esa obra"2. Lo urbano es una forma radical de espacio social,
escenario y producto de lo colectivo haciéndose a sí mismo, un
territorio desterritorializado en el que no hay objetos sino relaciones diagramáticas
entre objetos, bucles, nexos sometidos a un estado de excitación permanente.
Su personaje central -el animal urbano- es "polivalente, polisensorial,
capaz de relaciones complejas y transparentes con ’el mundo’ (el contorno o
él mismo)"3. Su asunto, relaciones sociales hechas de simultaneidad,
dislocación y confluencia. Su espacio -el espacio de y para lo urbano
como "lugar de deseo, desequilibrio permanente, sede de la disolución
de normalidades y presiones, momento de lo lúdico e imprevisible"4-
no es un esquema de puntos, ni un marco vacío, ni un envoltorio, ni tampoco
una forma que se le impone a los hechos... Es una actividad, una acción
interminable cuyos protagonistas son esos usuarios que reinterpretan la obra
del diseñador a partir de las formas como acceden a ella y la utilizan
al tiempo que la recorren.
Estes espazos
non son soamente físicos. O espazo virtual, Internet, é un dos
que ten maior actividade cultural “a tempo real” en Galicia, cultura
comprometida socialmente.
Pero, paradóxicamente, a nosa condición periférica recorta
ese espazo e esa labor de distribución. Internet só chega a unha
minoría urbana nun país coa característica do dispersamento
(menos dun 20% dos fogares galegos teñen acceso a internet, e destos
a maioría concentrados nas zonas urbanas. Tan só un 1.7% dos maiores
de 55 anos conectouse a internet algunha vez).
Inda así, a web funciona aquí como algo semellante a novas “escolas
de ferrado”. A xente, farta da súa cadeira inmóvil no espectáculo,
auto-organízase e exprésase, sen o tradicional delay institucional.
Toman as ferramentas dixitais de edición, e dun xeito máis ou
menos precario (pero sempre en tempo real), comparten, misturan, crean, re-crean
e critican. Nun proceso vivo e colectivo que é a base real da cultura.
Xurde unha rede de colectivos baseados na web, pero que realizan accións
sociais e físicas. Estes colectivos utilizan internet coma un utensilio
de información, distribución e intercambio para chegar a obxectivos
concretos.
Entre estas comunidades sitúase Alg-a:
A comunidade Alg-a
(Artistas Libres de Galiza) naceu no 2003 coa necesidade de aglutinar, nun espazo
de creación común, a artistas e colectivos espallad@s tanto na
Galiza coma fora dela. Actualmente, Alg-a constitúese como asociación
sen ánimo de lucro. A comunidade conta actualmente con 188 membros rexistrados.
Os perfís da xente que compón alg-a son moi diversos: músicos,
artistas visuais, inxeñeiros informáticos, artistas plásticos,
performers, profesionais da pedagoxía, etc.
Nos comezos este
espazo foi forzosamente virtual, xa que as distancias e as disponibilidades
eran, moitas veces, insalvables para xuntarnos nun lugar físico determinado.
O factor da emigración moderna determina outra vez os modelos de asociacionismo
galego.
Así naceu a primeira comunidade virtual de arte e acción libre
de Galiza: www.alg-a.com
www.alg-a.com
significou principalmente, tres cousas:
1º: mante-lo
contacto artístico a tempo real entre os creador@s que xa coñeciamos,
individuos e colectivos con ampla vagaxe na cultura e o arte galego (festival
IFI, festival LOU Parade, colectivo LUDD, MediaTeletipos, etc). Á vez
que, coma unha especie de corresponsais artísticos, compartiamos públicamente
impresións culturais e sociais, eventos pasados ou por vir, ideias...dende
os máis diversos pontos xeográficos, tanto na Galiza, España
ou Europa, creando así, e dentro das nosas posibilidades, unha rede de
acción artística a “tempo real”, sen alfándegas.
2º: crear
novos vínculos con outr@s artistas e agrupacións de acción
socio-cultural.
Dende o seu nacemento, alg-a serve coma lugar de encontro entre cread@res e
voces espalladas que, en moitas ocasións, se mantiñan illadas,
sen ter conciencia da posibilidade dun contexto artístico común
e independente en Galiza.
Alg-a traballa pola consolidación dun eixo Atlántico continuado
e fluído: mantén contactos con proxectos colectivos como Maus
Hábitos (Porto) e Binauralia (Lisboa). Creemos no intercambio artístico
con Portugal, como unha forma de nutrición social e cultural común.
Esta rede é extensible a outros movementos colectivos da Península:
Aula Abierta (Granada), Antimuseo (Prosperidad- Madrid), el Labo (Lavapies-
Madrid), La Fabrika (Cádiz), Mil Viviendas (barcelona), La Fragua (Murcia),
Zemos98 (Sevilla), etc.
Tamén destacan as colaboracións de Alg-a coa Facultade de Belas
Artes, tanto coa institución coma cos grupos de traballo onde participan
alumnos e profesorado, como o seminario de Arte Pública organizado por
Javier Tudela (Facultade de Belas Artes).
Alg-a colabora
activamente na creación dunha malla nodal de información que permete
tender pontes entre estes “illotes creativos”, dando coma resultado
unha plataforma de creación multidisciplinar cada vez máis sólida
e nutrida, aportando un fato de graos de area na construcción dunha nova
identidade artística galega, acorde realmente co lugar e mai-lo tempo
no que nos movemos, lonxe do retardo coas que, tradicionalmente, as institucións
ofertan arte ó público, arte comedido e pulcramente vangardista,
o que nós chamamos “composto petroartístico”. Alg-a
é eiquí. Agora. Tempo real.
3º: aglutinar
información específica sobre arte libre e sociedade para un público
xeral, que doutro xeito tería menos acceso (ou ningún) a determinados
eidos socioartísticos.
Alg-a ofrece un paquete de obradoiros, mesas redondas e outras actividades socioartísticas,
co obxectivo de levalos ó maior número de localizacións
dispersas do país.
Nutríndose
destes pontos crave, Alg-a conforma un organismo vivo en continuo aumento e
movilidade. Proba delo son os case 200 rexistrados na web de alg-a; ou os xa
tres Encontros Alg-a feitos ata agora, dende aquela primeira xuntanza de grupo
nunha paraxe afastada na Serra de Outes con apenas 15 persoas, á recente
e exitosa presentación da Comunidade Alg-a na Universidade, concretamente
na Facultade de Belas Artes, con dúas xornadas de conferencias, concertos
e accións artísticas.
O proxecto máis
ambicioso de Alg-a é a consecución dun laboratorio físico
de experimentación. Un espazo onde xerar actividades continuas e reais
de creación, exhibición e experimentación. Un lugar de
ósmose entre a arte viva e @s habitantes viv@s cheos de necesidades.
Ese espazo debe estar en relación permanente co entorno (urbanístico,
paisaxístico, social, humán). Por iso o plantexamos como un lugar
nómada, en mutación constante feita a través dos usuarios
(nunca máis espectadores). O que debe permanencer é o concepto
de Laboratorio Libre, que é quen de colonizar os espazos en desuso ou
abandono que inzan a nosa xeografía (fronte a construcción de
novos contenedores culturais e vitais).
Xerar cultura
é un conxunto de accións colectivas que xurden dende as necesidades
e soños reais da xente. A arte é unha contra-pacificación,
debe funcionar coma dislocación permanente, fluctuación continua.
Autoconstruiamo-la nosa cultura libre. Accións de Ferrado.
Roi Fernández.
Comunidade Alg-a.