Primeira referencia do selo SOSOaudio
xoves, 21 de outubro do 2010, por isaac-cordal.

SOSOaudio 000 é un libro que reflexiona sobre a historia do que eles, Sinsalaudio, denominan como música enlatada. O percorrido do son contido nun obxecto coa finalidade de ser escoitado cantas veces queramos.

SOSOaudio 001 é un tema inédito do artista galego Emilio José publicado nun cilindro fonográfico. É o primeiro tema pop da historia grabado neste soporte.

O soporte si importa.

Pego a continuación o texto de Julio Gómez en referencia o nacemento de SOSOaudio 000, libro que da comezo o selo de Sinsalaudio e que pecha dalgún xeito un longo tempo de reflexión sobre o audio, a música e o seu consumo.

A referencia que inaugura o selo SOSOaudio non é un soporte sonoro, senón un libro: a historia da música enlatada en papel. Sinsalaudio –tenda de discos, activistas sonoros e promotores– tiña unha débeda pendente coa música gravada. Sabiamos que queriamos sacar o noso propio selo "discográfico", pero descoñeciamos como facelo nun momento no que o soporte está cuestionado. E así, despois de dar un paso cara a atrás e estudar todo –ou case– o que aconteceu na era analóxica, dende o cilindro ata as casetes, xurdiu a idea: non nos interesan as discusións errantes sobre a calidade acústica ou o deseño da portada; o realmente extraordinario do obxecto é a súa imperfección, explotar o seu defecto e provocar o seu erro. Se queres descubrir como sucede este milagre, entón A Historia da Música Enlatada é un bo punto de partida.

A crónica inacabada do soporte sonoro analóxico

Despois de dous anos de traballo recopilando información sobre un mundo tan apaixonante como descoñecido, especialmente fóra do entorno anglosaxón, puidemos concluír unha primeira aproximación á historia universal do rexistro sonoro. A diferenza doutros textos especializados, este "dossier" sobre a música enlatada é un glosario que dividimos en seis capítulos seleccionados segundo unhas etapas cronolóxicas. Non era a nosa intención profundar no desenvolvemento histórico do rexistro sonoro, senón máis ben sinalar os nomes, momentos e anécdotas máis significativas da mesma. Entendemos que esta clasificación era unha prioridade porque había que subliñar as pautas dun tema tan amplo e, sen embargo, apenas recopilado no mundo da música, o son e a tecnoloxía. Traballamos sobre dúas premisas importantes que nos sinalaron un camiño moi directo e, cremos, queda moi ben reflectido no contido. Por unha banda, nun mundo coma o da música que, a diferenza das outras artes, non superou aínda a división en subxéneros e estilos, perfectamente compartimentados e, incluso, en moitos casos, xerarquizados por vellas ou arcaicas tradicións decimonónicas, o rexistro sonoro é o "punto de encontro definitivo". A pesar dos vaivéns do momento, finalmente, todos os movementos, estilos e clases de música coñecidos pasaron pola gravación e a reprodución, sufriron as súas mesmas vantaxes-desvantaxes e, como non podía ser doutra forma, foron modificados, evolucionados e condicionados por cada unha das tecnoloxías. O libro recolle, a través da historia da música enlatada de todas as músicas –e non músicas– moitas anécdotas, cos seus conseguintes nomes propios. Cada episodio desta historia ten o seu protagonista e, desde a música clásica ata a actual música dixital, todos son actores principais da súa banda sonora. En segundo lugar, sendo, como somos, fillos da fotocopia e a grampadora, quixemos recuperar o formato fanzine dos dourados anos do punk ou a música independente. Buscamos algo entre a publicación clásica e o deseño contemporáneo. Por iso, o libro da Escola Sinsal é unha homenaxe ao sete polgadas (7"), o single da xeración Pop: un dos formatos máis populares e exitosos da historia da música enlatada.

Algúns nomes ligados á historia da música enlatada

Tirar as barreiras entre a música clásica e a popular, ou entre a popular e o arte sonoro, ou entre o arte sonoro e a melodía, etc. En definitiva, aproximar o son á música, a música ao son, é un dos obxectivos desta historia. Por todo iso e, porque ademais, así o quixo a evolución dos acontecementos no rexistro sonoro, estes son algúns artistas que aparecen mencionados: Jesse Walter Fewkes, Béla Vikár, Béla Bartók, Evgeniya Linyova, John Philip Sousa, Alessandro Moresschi, Caruso, Marcel Duchamp, Los Futuristas, Lázló Moholy-Nagy, Diexiland Jass Band, Bessie Smith, Tchaikovsky, Bing Crosby, Leon Theremin, The Beach Boys, Alfred Hitchcock, Beethoven, New York Philharmonic Orchestra, The Jazz Singer, The Beatles, London Philharmonic Orchestra, Ben Pollack, Gary Cooper, Duke Ellington, Louis Armstrong, Judy Garland, John Cage, Pierre Schaeffer, John Lomax, Alan Lomax, Murray Schafer, Andy Warhol, Roland Barthes, Salvador Dalí, Frank Sinatra, The Velvet Underground, Picasso, Yves Klein, Edgard Varese, Glen Miller, Bob Marley, Lee "Scratch" Perry, King Tubby, Kool Herc, Milan Knizak, Janek Schaefer, Christian Marclay, Lee Renaldo, Sonic Youth, Thurston Moore, Die Tödliche Doris, White Stripes...

Os contidos do libro da Escola Sinsal

Consiste nunha carpeta de formato 7" con seis caderniños independentes de 16 páxinas cada un. Cada portada ten unha cor diferente e introduce unha época ou un tema concreto. No seu interior, todos están en branco e negro, con numerosas fotografías e inclúen unha selección de enlaces.

CAPÍTULO 01

Caderno de cor laranxa adicado ao rexistro sonoro antes do século XX. Recopila as orixes da música enlatada cos seguintes protagonistas: Scott de Martinville, Charles Sumner Tainter, Thomas Edison, Frank Lambert, Graham Bell, Henri Lioret, Emile Berliner, etc. Entre as palabras clave están: Phonoautographe, Tin Foil, Fonógrafo, Grafófono, Cilindro, Merveilleux, etc.

CAPÍTULO 02

Caderno de cor amarela sobre a transición do cilindro ao disco gramofónico. Resume a segunda, e última, etapa das gravacións acústicas ata os albores da electricidade. Algúns dos seus protagonistas foron: Francis Barraud, Nipper, Gold Mold, Shellac, His Master Voice, Phono-Postal, Stollwerk, Victor Talking Company, Biophone, Phonolamp, Pathé, Pathéphones, Jukebox, Violín Stroh, Thorens Excelda, Klingsor, etc.

CAPÍTULO 03

Caderno de cor morada que xa nos introduce na historia eléctrica, a partir de 1915. Nesta ocasión, divídese en dous capítulos: o primeiro deles relata o paso do "suco" acústico ao eléctrico e os inicios da radio e o cine, con algúns destes protagonistas principais: Kinetoscope, Vitaphone, Lee de Forest, Sound On Disc, Leon Theremin, RCA, Western Electric, Alan Dower, Blumlein, EMI. Na segunda parte, iníciase a aventura da cinta magnética e os seus primeiros pasos entre Alemaña e Estados Unidos, cos nome clave: Valdemar Poulsen, AEG, BASF, John Mullin, Bing Crosby, Webster Wire Recorder, Nagra, Luxor, Ampex, Pierre Schaeffer, Phil Spector, etc.

CAPÍTULO 04

Con este caderno de cor azul escura resúmese a historia do Flexi Disc, desde as súas primeiras aplicacións ata os modernos discos "soundsheets". Grazas á tecnoloxía deste formato foi posible levar a música "a todas partes"; algo similar ao que agora sería un mp3. A súa evolución levou á industria a conseguir un soporte de disco tan fino que podía incluírse entre as follas de papel dunha revista. Ademais, recollemos o espectacular desenvolvemento das gravadoras domésticas e a súa constante innovación en diversos formatos. Grazas á súa comodidade, as máquinas de dictado fixeron das "gravacións de campo" un dos principais pasatempos na sociedade norteamericana da posguerra. Os seus protagonistas foron: Durium, Little Wonder Records, Hit of the Week, Dictaphone, Voice Writer, Recordio, Speak-O-Phone, Wilcox-Gay Company, X-Ray Records, Miniphone, Gray Audograph, Pocket-Disc, Sonorama, Echo Magazine, etc.

CAPÍTULO 05

Quinto caderno coa portada azul claro. Unha vez acadados os anos 60, a música enlatada experimenta a súa Idade de Ouro e xa todos os formatos, discos e cintas, dividen o seu mercado entre o sector profesional e o doméstico, auténtico campo de batalla das grandes compañías discográficas. Tratábase de popularizar o máximo posible cada tipo de formato e esta loita salpicou a algunhas estrelas do momento, comoThe Beatles, que viron editadas as súas cancións nos máis sorprendentes soportes analóxicos. Tamén é a época de Fluxus e o Arte Total: un dos momentos de máxima creación da Historia da Arte do século XX, onde a música e os seus obxectos tamén foron soporte para a experimentación. Algunhas palabras clave son: Bernard Cousino, Fidelipac, Muntz Stereo-Pak, Motorola, Peter Goldmark, Vinilo, Long PLay, Microsurco, CBS, Phillips, Djs, Soundsystem, Groove, Scratch, Sound Art, Lock Grooves, etc.

CAPÍTULO 06

Último caderno de cor verde, tamén dividido en dous apartados. Por un lado pechamos a historia da nosa aventura co final da música analóxica, desenvolto polo que, ata a data, é o último formato inventado durante 100 anos de música "mecánica": o casete ou K7. Na segunda parte incluímos un fantástico resumo da aplicación destes inventos ao mundo do xoguete, que tamén tivo nos sucos de plástico numerosas aplicacións para os máis pequenos e, agora, son pasto do coleccionismo entre os máis grandes.Tefifone, Magic Mirror Movies, Mighty Tiny, Triplo Inchophone, Show´n´Tell, Sportstalk, Miniphones, Soundwagon, LIbrophon, Cinema Nic, etc., son algúns dos principais iconos.

Como conseguir o libro?

O libro forma parte dos obradoiros da Escola Sinsal. É o manual que se fai chegar aos mestres, centros e profesionais que participan nos obradoiros. Resume os contidos da Escola Sinsal xa que, como comentabamos con anterioridade, é unha guía para que as bibliotecas poidan contar cun pouco de luz nun asombroso panorama escuro. Non se vende en librarías nin noutro tipo de tendas. Non obstante, todas aquelas persoas interesadas poden solicitar unha copia, previo pago de 10 euros + gastos de envío neste correo

Txt publicado na web de Sinsal

Comentarios
9 de novembro do 2010 07:34

Sou Zelito Coringa, músico brasileiro, estava pesquisando sobre audio livre, assim cheguei ao site.
Parabenizo a idéia e gostaria de saber um pouco mais sobre esse trabalho, parabéns a todos.

.