Historicamente, esta moeda foi fabricada en cobre, ou coa
aparencia deste, mediante o uso de distintas aliaxes máis
baratas, incluíndo o aceiro na época da II Guerra Mundial.
Estas variacións na materia prima empregada permitiríannos trazar
unha visión historicista da evolución económica, crise e bonanzas
do liberalismo no século XX e na nosa contemporaneidade máis inmediata.
Recentemente, o prezo do cobre e a propia natureza especulativa
do sistema monetario xeraron un paradoxo (non por iso
novo), segundo o cal o valor do metal contido nun céntimo é
maior que o da propia moeda de curso legal.
O Goberno americano viuse obrigado a aprobar leis concretas
para penar a fundición destas moedas por parte dos seus cidadáns e
para limitar a cantidade de céntimos que poden ser transportados por un
particular máis aló das súas fronteiras.
Neste proxecto, Rubén Santiago realiza réplicas de moedas de curso
legal usando como materia prima 100 moedas dun céntimo de dólar,
acuñadas entre os anos 1952 e 2007 e consumindo no proceso máis
recursos dos que representan as orixinais.
Realizouse o molde dunha destas moedas para, a continuación,
fundir o resto destas e utilizar o metal resultante para a elaboración de
réplicas exactas.
Este proceso de fundición implica un desaproveitamento de metal que
se perde no proceso, polo que dun dólar orixinal se xeraron 60 céntimos
falsos.
O prezo de venda destas moedas, agora material simbólico e obxecto
artístico, corresponderase á cotización da tonelada de cobre
segundo a LME (London Metal Exchange).
Se destruír «diñeiro moeda» constitúe un crime, este vese potenciado
polo segundo delito de utilizar o metal resultante para acuñar moeda falsa.
A articulación de dúas estratexias simbólicas cun potencial
desestabilizador dun sistema monetario e a condición delituosa que
implican, afondan na radical liña de investigación que Rubén
Santiago veu realizando nos últimos anos, cuestionando os
consensos que articulan a sociedade contemporánea, así como a nosa
percepción destes.
RUBÉN SANTIAGO
Sarria. Lugo. 1974.
http://www.dfarte.com/cv.php?id_autor=28
http://www.espazodocumental.net/index.php?slp=0&ida=18&id=23
http://www.hangar.org/gallery/album318
]]