SINSAL CONCERTO::: DAMON & NAOMI
domingo, 18 de xaneiro do 2009, por Antia.

SINSAL CONCERTO::: DAMON & NAOMI

A resposta de Damon & Naomi en 1992 fronte á agre ruptura de
Galaxie 500, a súa anterior e fulcral banda xunta ao guitarrista Dean Wareham,
foi un primeiro álbum de magnitude histórica: More sad hits. "É marabilloso. A
voz de Naomi é verdadeira, auga real nun mundo de ’soda pop’. E vai ben coa de
Damon. Xuntas son algo soberbio, o mesmo ca unha única voz, masculina e feminina ao tempo", chegaría a afirmar na altura o mestre Robert Wyatt. Aquela brillante colección de temas vén de reeditarse en 2008, vintecinco anos e sete álbums do grupo despois, no propio selo de Damon Krukowski e Naomi Yang. Neste treito, cancións coma "Information Age" ou "This Car Climbed Mt. Washington" convertéronse no ADN dunha morea de bandas actuais. Entre outras, Neutral Milk Hotel, liderada por Jeff Mangum, quen recoñeceu ter escrito a canción "Naomi" tras escoitar durante unha semana seguida o primeiro disco de Damon & Naomi, atrapado en Loussiana e sentíndome triste". De xira agora por terras europeas, o dúo dará conta da súa delicada melancolía sonora no Clube Vademecum Vigo hoxe, domingo 18 de xaneiro, ás 21 horas. As entradas estarán á venda media hora antes do concerto, ao prezo de 10 euros.
 www.damonandnaomi.com
 www.myspace.com/damonandnaomi

.