Sesión Vibracional TPS 28 Abril
xoves, 22 de abril do 2010, por Madamme Cell.

A data ineludible é o mércores 28 de abril ás 21:30, a semana próxima para os descoidados, na Sala Nasa en Compostela.

LLORENÇ BARBER

Desde 1980 practica a voz difónica, a improvisación, a campanoloxía, a música plurifocal, a poesía fonética, os concertos urbanos con campás e a desmesura dos concertos "de sol a sol". Comparte e complementa a súa actividade musical creando e actuando xunto a Fátima Miranda en grupos como "Flatus Vocis Trio" ou o "Taller de música mundana" (fundado en 1978; segundo Robert Ashley: "unha das máis importantes experiencias de nova música en Europa"). Nos últimos anos e tras facer sonar máis de 150 cidades en Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Colombia, Cuba, Dinamarca, Eslovenia, Francia, Guatemala, Holanda, Italia, Inglaterra, México, Polonia e Portugal, os seus paisaxísticos concertos cidadáns enriquecéronse coa sonora inclusión de tambores, canóns, sereas, buques, fogos de artificio, así como de bandas de música distribuidas polo espazo.

MONSERRAT PALACIOS

Coser y cantar (dúo para máquina de coser Singer e voz), a peza que presenta Monserrat Palacios, é unha obra autobiográfica que tamén podería formar parte da biografía de moitas mulleres: aboas e nais de toda a humanidade, daquelas que foron cosendo a nosa memoria e algúns retais do noso ser. Coser y cantar é un dúo de fíos de voz, de afinacións suxeridas por un motor-diapasón que controlado co pé indicará distintas notas (tónicas) que servirán como afinación para o canto, e que determinará distintos ritmos segundo a intensidade da presión e os cambios de puntada. O feito lingüístico de que a palabra Singer signifique cantante, máis ca unha coincidencia é unha incitación para devir dúo performativo (todo el caixa de resonancias e etéreos glissandos) cunha máquina de coser que agora será unha máquina de cantar.

Esperamos ademais un terceiro movemento no que farán xuntos unha peza improvisada como agasallo de despedida.

Tamén aproveitamos para informarvos que o venres desa mesma semana, día 30, actuará Llorenç Barber na Casa dás Campás de Pontevedra.

Enviar comentario
Categorías
Madamme Cell