Statuephilia
venres, 17 de outubro do 2008, por Isaac Cordal.

Baixo o nome de Statuephilia o Museo Británico de Londres inaugurou o pasado 4 de Outubro unha exposición na que se poden ver obras de Damien Hirst, Anthony Gormley, Ron Mueck, Marc Quinn e a parella Tim Nobre e Sue Webster.

Nestes días, convertinme en parte do mobiliario da biblioteca e acabei na parte baixa dunha dos estanterias con varios catálogos de Ron Mueck, entre eles o da súa exposición na National Gallery de 2003, con moitas fotos do seu traballo mostrando o proceso desas obras hiperrealistas que tan maxistralmente realiza. Isto fíxome ter moita curiosidade por ver unha das súas pezas fisicamente e a exposición Statuephilia case que me obrigou a ir vela.

As pezas de Statuephilia atópanse diseminadas no medio do que é a colección permanente do Museo e en certo xeito ben integradas co entorno que as rodean. Resulta curioso ver todos eses tesouros arqueolóxicos de países tan afastados en urnas de cristal, como incubadoras modernas a buen recaudo, mitigando o impacto do espolio co paso do tempo. Dunha sala á outra pasas de México a China e de miniaturas a fachadas case completas.

A primeira peza que atopas o entrar no Museo é a escultura Case for an Angel de Anthony Gormley dando a benvida. Unha peza xa clásica do autor realizada en 1989 e que é unha seña de identidade.

Nunha das salas de máis adiante atopeime ao bo de Mueck durmindo coa súa barba de dous días. A súa peza é un autoretrato a gran escala titulado Mask II. Realizada en fibra de vidro e silicona, cun acabado perfecto. Texturas faciais de gran realismo, desde os poros e arrugas ata cada pelo da barba incrustado manualmente te insinuan que enfronte túa hai algo máis que unha escultura. Esta peza estaba flanqueada na mesma sala por unha enorme estatua de pedra chamada Hoa Hakananaiá "rescatada" do Sur do Pacífico, da famosa illa Rapa Nui.

A seguinte peza da exposición leva por título Siren e pertence ao escultor Marc Quinn. Sobre esta obra lín na prensa, quedándome totalmente perplexo do derroche colosal de cartos investido na proposta, xa que a escultura esta realizada con 50 kg de ouro. E aínda por riba, inspirada en Kate Moss como ideal de beleza practicando Ioga . Unha peza que custou tan só a súa realización 1.5 millóns de libras e agora esta valorada en 3.36 millóns de dólares. Digamos como resumen que nestes tempos o ouro é un investimento seguro independentemente da forma que teña, pero a verdade que é un xesto demasiado pretencioso. O resultado estético así como o seu valor artístico e moral é para min exponencialmente inverso ao seu valor no mercado. Mentres tanto ao seu lado, compartindo espazo, o Monumento de Nereid déixase fotografar polos turistas e a estatua de Afrodita, coñecida como Lely´s venus, mira de esguello a Kate Moss, agradecida de que a súa localización sexa temporal. Eu fundiríaa outra vez.

Outra das pezas é Cornucopia de Damien Hirst, o valor en alza da Arte británica. A súa peza esta integrada perfectamente no espazo do museo colocada nunhas vitrinas con luz tenue. 200 calaveiras de plástico pintadas con cores rechamantes.

Quizais estas calaveiras sexan unha copia da súa xa famosa obra chamada For the love of God (Polo amor de Deus), unha calaveira realizada en platino e incrustada con 8.601 diamantes, o seu coste de realización foi pagado polo artista (20 millóns de euros) e o seu valor agora ascende a 72 millóns, converténdose con toda probabilidade na obra máis cara dun artista vivo.

Esta peza quizais se inspirou nunha máscara azteca que me chamou a atención pola súa gran beleza chamada Mask of the creator-god Tezcatlipoca ("Smoking Mirror").

Ouro e pedras preciosas. ¿Arqueoloxía británica?.

A última peza, das cinco da exposición, non me deu tempo a vela. Dark Stuff de Tin Nobre e Sue Webster.

Enviar comentario
Comentarios
18 de outubro do 2008 04:37, por carlos

O personaxe que representa esa masca é o deus do inframundo, cando saía do seu reino a porta pechouse e curto o pé de Tezcatlipoca, entón este personaxe para substituír o seu pé mutilado puxo no seu lugar un espello, o sangue que caía sobre o espello facíao humear e entre o vapor o deus podía ver o futuro.

Que envexa non poder vela in situ.

Apertas Isake.

Carlos

Categorías
Isaac Cordal