Sub-France Tour:
Suboko+France Sauvage
Xoves 29 de abril
20:30h, Baleiro (Fac. de Filoloxía da USC)
Santiago de Compostela
Entrada de balde
Máis experimentación en Baleiro. Neste caso, presentamos a dúas agrupacións francesas que baixo o título Sub-France Tour, virán, a presentar en Santiago de Compostela unha boa mostra de música libre feita no país veciño.
Bouto, Gully e Regreb forman Suboko, un trío de percusión improvisada de Estrasburgo que se presenta como "non outro xogo de letras e números, aínda que a nosa intención é xogar coas vosas cabezas". Levan tocando xuntos desde o ano 2005 e entre o 2007 e 2008 editaron as súas primeiras referencias discográficas "Suboko" e "Route, fuel & timing" para o selo Ritte Ritte Ross. Desde entón teñen colaborado con numerosos artistas, aplicando a súa música en diversas situacións como a música composta xunto a Vincent Vergnais para o filme "Vampyr" (Carl Theodor Dreyer, 1932). Aínda que parten do rítmico e da percusión, a música de Suboko abrangue un amplo rango sonoro no que se empregan diversos obxectos: xiradiscos, cintas magnéticas e dispositivos electroacústicos. Nas súas palabras, entre a estupidez da horizontalidade e o bombardeo indiscriminado, Suboko tenta facer que o seu equipo resoe como un descampado onde calquera cousa pode suceder.
France Sauvage (Arnaud Debreu, Manuel Duval, Johann Mazé e Simon Poligné) son un cuarteto chegado de Rennes no que electrónica, percusión e saxo se dan a man na busca de extremos musicais. Da calma fráxil á violencia sónica, a súa música se emparenta con nomes como Volcano The Bear, Nurse with wound ou Faust. Sen dúbida, estos referentes non fan máis que situalos nun punto de partida moi distante do que poden chegar a ser os seus concertos. Grabacións de campo, bobinas, guitarras, xiradiscos, ukeleles, voces, baterías, teclados e unha montaña de multiefectos misturados sen prexuízos e cunha envidiable capacidade expresiva. Antijazz crebacabezas para oídos aventureiros.
A entrada é de balde.