Ofrecemos un obradoiro de iniciación a SuperCollider, orientado a todas as persoas interesadas na aplicación creativa desta linguaxe informática, sexa cal for a disciplina en que traballen, aínda que carezan de coñecementos previos en materia de son ou programación.
SuperCollider é un contorno de programación enfocado ao proceso de audio, síntese e composición algorítmica en tempo real. Ao se tratar dunha linguaxe de programación dinámica, pode ser usado para live coding, performances en que se escribe, modifica e executa código en directo ou “ao voo” (on-the-fly).
Foi desenvolvido orixinalmente por James McCartney (1996-2002, soamente dispoñible para MacOS) e desde o ano 2002 é sóftware libre baixo licenza GNU; pódese utilizar tanto para a síntese de audio como de imaxe, todo iso en tempo real e con múltiples posibilidades de interacción con outros programas e dispositivos.
datas Do 15 de marzo ao 31 maio de 2012
día Xoves de 17:00 a 20:00 horas
curso 30 horas
prezo 35€ membros da comunidade universitaria / 55€ público xeral
O curso será impartido por Francisco J. Álvarez, quen descobre o universo do audio dixital a mediados da década dos noventa, mentres traballaba como ilustrador freelance para publicacións de ámbito nacional e empresas do sector musical. Entre 2004 e 2009 foi codirector da galería DF_Arte Contemporánea de Santiago, actividade que compaxina coa súa carreira artística baixo os alias de VX, Jade, Pantasma, Kasimierz Poulaski ou Joaquín Lana.
Os participantes achegarán o seu ordenador persoal co sóftware xa instalado. Existen versións deste sóftware libre para MacOS, GNU/Linux, Windows e FreeBSD.
Será un curso de iniciación, é dicir, será BÁSICO e terá unha orientación claramente PRÁCTICA. O obxectivo é que o alumnado sexa consciente da gran cantidade de posibilidades que se lle ofrecen con apenas “rabuñar na superficie” de SuperCollider. Estará enfocado á síntese e proceso de audio en tempo real. Non se traballará con mostras nin gravacións. O curso non está enfocado á síntese de imaxe ou desenvolvemento de GUI (graphic user interface).
Información e matrícula:
O prazo de matrícula comprende desde o día 20 de febreiro até o día 9 de marzo.
Lugares de matrícula:
NORMAL Espazo de Intervención Cultural. Paseo de Ronda 47, Campus de Riazor
Oficina da Área de Cultura da Coruña. Casa do Lagar. Campus de Elviña.
Teléfono: 981167000, extensións: 4502, 1954 e 1962.