Terceira edición de Play-Doc.
martes, 6 de marzo do 2007, por Isaac Cordal.
categorías: Festivais

A terceira edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, proxectará do 21 ao 25 de marzo 27 documentais que pasaron a selección entre os máis de 500 recibidos. O Teatro Municipal será a sé deste certame que fixo un oco propio no panorama dos festivais a nivel nacional presentando o máis novidoso do xénero documental.

Reino Unido, Canadá, Camerún, Francia, Suecia, Sudáfrica, República Checa, Croacia, Países Baixos, Angola, Lituania, España e Portugal é a procedencia dos 15 documentais que se proxectarán na sección Oficial a Concurso dentro das categorías Longametraxes, Curtametraxes e Atlántico. Un xurado, de prestixio internacional será o responsable de outorgar os premios.

Na Sección Informativa, Play-Doc aposta este ano por un ciclo dedicado á Globalización e outro ciclo sobre Medio Ambiente, aos que se suma Foco Galicia, sección na que cinco producións galegas optarán a premio.

Nesta terceira edición Play-Doc abrirá unha fiestra ao programa DOC’s Galicia, coa proxección dalgúns dos seus documentais.

Comprometidos co apoio aos novos realizadores galegos, Play-Doc dará un paso máis e participará directamente na produción dunha película documental. Este film será o resultado do novo taller Play-Avid.doc, concebido como un proceso de selección permanente, no que os gañadores terán a opción de converter o seu proxecto nunha longametraxe documental.

Neste III Festival Internacional de Documentais de Tui haberá un especial dedicado ao controvertido e polifacético artista norteamericano Ron English, co pase do documental ‘POPaganda. The Art and Crimes of Ron English’, á que se sumará a exposición paralela da súa obra nas rúas da cidade fronteiriza.

Para rematar, e un ano máis, Play-Doc, brindará a oportunidade de ver as actuacións en directo dos protagonistas dos documentais presentados na sección de música. Nesta ocasión e desde Bosnia e Herzegovina, ‘Ljiljana Buttler, e a Mostar Sevdah Reunion’, un dos principais referentes da música balcánica de hoxe en día.

O festival contará ademais cunha serie de actividades orientadas á formación, a cargo de importantes personalidades do audiovisual en Europa e dirixidas a realizadores e profesionais do medio.

A organización de Play-Doc agradece o apoio das institucións e entidades privadas que colaboraron nesta terceira edición: a Xunta de Galicia a través das Direccións Xerais de Creación e Difusión Cultural, Comunicación Audiovisual e Política Lingüística. A Axencia Audiovisual Galega, Turgalicia, Deputación de Pontevedra, Consorcio Audiovisual de Galicia e Concello de Tui, entre outros.

Deste xeito Tui prepárase para celebrar unha nova edición de Play-Doc, o xoven e independente festival galego, dedicado exclusivamente ao documental de creación, que en a penas dous anos logrou ocupar un lugar destacado entre os festivais de documentais máis relevantes da península.

Os 12.000 espectadores que xa pasaron polo festival, e a gran acollida por parte dos medios de comunicación e a crítica das dúas anteriores edicións, hai que sumar o medio milleiro de documentais procedentes de 55 países de todo o mundo, que se presentaron nesta última convocatoria e que confirman o bo momento que atravesa este xénero cinematográfico así como a gran repercusión de Play-Doc, tanto dentro como fora das nosas fronteiras.

Enviar comentario
Categorías
Isaac Cordal