Vertixe Vigo ’13 é un programa de concertos e actividades que ofrece unha panorámica amplia e desprexuizada da creación sonora internacional.
Agrupada en diferentes bloques, a programación abrangue concertos de música contemporánea, música electrónica, música improvisada, intervencións en espazo público, instalacións sonoras, obradoiros especializados, cursos de divulgación e actividades de dinamización para os máis xóvenes.
Serve de plataforma de presentación ós novos creadores internacionais e permite establecer vínculos culturais que reforcen a nosa identidade nun marco globalizado, dando mostra en tempo real da rica diversidade que está a renovar o discurso das artes sonoras na nosa época e na que Vertixe Vigo quere desempeñar un activo protagonismo.
Organizada por Vertixe Sonora, un dos colectivos máis destacados na súa aposta pola música contemporánea e polo diálogo e a confluencia entre a música e as artes, en colaboración con Musicadhoy, con máis de vinte anos de continuada traxectoria de difusión da música contemporánea no noso país, conta coa colaboración de diversas institucións culturais da cidade e a inquedanza de patrocinadores privados que comparten un compromiso por establecer sinerxias que permitan ofrecer contidos culturais de calidade cun aproveitamento máximo dos recursos económicos.