As asociacións e colectivos integrantes da rede de troco e cesión Vigotroca, Amarante, Árbore, Caleidoskopio, De Leite, Verdegaia e Centro Social do Calvario, invitámosvos a participar, os próximos 27 e 28 de xuño, en Vigo, nun encontro a nivel galego de economías alternativas: bancos de tempo, troco, cesión...
O obxectivo destas xornadas é propiciar un contacto entre os grupos e organizacións galegas que traballan para impulsar alternativas económicas viables. O encontro iniciarase a mañá do sábado 25 coa celebración do mercadiño mensual de troco e cesión de Vigotroca, na rúa Urzáiz de Vigo, e seguirá, tras un xantar conxunto, coa presentación dos colectivos participantes e das actividades que estades a desenvolver.
Todas as persoas que esteades interesadas en participar, ben de forma particular, ben como colectivos, apuntádevos e expóndenos as vosas propostas (actividades que podades organizar, temas que vos gustaría que se tratasen, achegas que queredes facer, etc.), antes do 10 de xuño, na dirección http://vigotroca.arkipelagos.net/contact. Con todas as propostas e suxestións recibidas estableceremos o programa definitivo das xornadas.
Así mesmo, rogámosvos que aquelas persoas que necesitedes aloxamento na cidade esa fin de semana nos avisedes coa maior antelación posible.

Vigo, 1 de abril de 2009
Amarante, Árbore, Caleidoskopio, De Leite, Verdegaia e Centro Social do Calvario

Xornadas galegas de economías alternativas: Bancos de tempo, troco, cesión...
Enviar comentario
Categorías
Antía