.gal
venres, 6 de outubro do 2006, por Xesús.

PuntoGal é unha iniciativa que pretende conseguir para a lingua e a cultura de Galicia un dominio propio en internet. Este obxectivo, longamente desexado, precisa da suma do maior número posible de vontades nun proceso que será longo e tecnicamente complexo.

As doce entidades promotoras do PuntoGal convocaron a Asemblea Constituínte o dez de xuño de 2006, en Santiago de Compostela. A Directiva que saiu da reunión é quen avalará a candidatura galega diante da Internet Corporation for Assigned Names and Numbers, organismo internacional que se encarga de autorizar e recoñer os dominos.

Pola propia complexidade do proceso, resulta fundamental traballar dando pasos firmes, actuando con axilidade e contando cun amplo respaldo social. O ICANN valora as propostas en función da xustificación da necesidade de ter o dominio e dos apoios que ten a propia candidatura dentro do seu territorio: por iso é imprescindible facer unha candidatura sólida con presenza de importantes organismos e asociacións galegas do ámbito cultural, lingüístico e da comunicación.

A asociación asume igualmente o compromiso de realizar accións de concienciación entre a cidadanía sobre a necesidade de que Galicia dispoña dun dominio propio.

A promotora do PuntoGal estivo conformada por representantes da Asociación de Editores de Galicia, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, a Asociación Fillos de Galicia (fillos.org), o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Consello da Xuventude de Galicia, as Empresas Galegas Adicadas a Internet (Eganet), Galicia Hoxe, Idesga-Galego 21, ISOC-Galicia, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Real Academia Galega (RAG) e Vieiros. Dende entón xa hai novas entidades adheridas, que se poden consultar nesta mesma páxina.

http://www.puntogal.org/web

.